O día 10 de marzo de 2026 tiñamos unha convocatoria ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais (SSCC) despois de case un ano dende a anterior reunión, que foi o 31/03/2025. Nesa reunión a CIG xa preguntou polos resultados das medicións de radon nas diferentes oficinas de SSCC, ao que nos responderon que primeiro tiñan que reunirse co Comité Intercentros de Saúde Laboral e logo valorar as medidas que habería que tomar por causa deste gas canceríxeno. Nós non temos claro o porqué disto último, dá a impresión de que son desculpas de quen non quere facer ben o seu traballo.
Pois un ano despois iamos reunirnos para falar deste tema do radon. A subdirectora de Servizos Comúns da Xunta de Galiza, que é a presidenta deste comité, indicoume que non se podían incluír máis puntos na reunión do 10 de marzo dado que se trataba dunha reunión monográfica sobre o tema que nos ocupa, de feito o punto número 2 da convocatoria indícao expresamente: “Comunicación resultados medicións gas radon no Edificio Administrativo de San Caetano e informe explicativo”. Saliento que é tan só no edificio de San Caetano, como pon o punto, non en todos os edificios dos SSCC.
E para sorpresa de todos os axentes sociais e mais da CIG, a presidenta do Comité suspendeu esta xuntanza con menos de 24 horas de anterioridade sen pór o motivo desta suspensión. Á CIG parécelle totalmente impresentable esta situación e que nos están tomando o pelo.
Dende a CIG queremos lembrar que o radon é un gas que en cantidade pode producir cancro de pulmón, cuestión que está demostrada. Cómpre dicir tamén que Compostela é unha zona de máximo risco ante este gas, que é inholoro e incoloro, motivo polo que se deberían facer medicións dende a directiva europea, publicada no ano 2013, data dende a cal a CIG está a solicitar estas medicións, porque nos consideramos europeos, aínda que a Xunta nos trate como indíxenas.
Porén, ata que se publicou o Real decreto 1029/2022, polo que se aproba o Regulamento sobre a protección a saúde polos riscos derivados da exposición de gases ionizantes, basicamente sobre o gas radon, non se fixeron medicións. A Xunta de Galiza incorrería en delito se non o fixese, mais en data de hoxe non temos os e as representantes do persoal traballador no Comité de Saúde de SSCC nin os resultados, nin as medidas que se deberán tomar, motivo polo que queremos que quede claro diante dos traballadores e traballadoras de quen é a responsabilidade e poqué están escondendo este tema tan sensible para a saúde dos traballadores da Xunta de Galiza. Instamos a que todo o persoal cuxo posto de traballo estea nun soto, nun baixo ou nun ático ventile o local de traballo, porque de non facelo existe o risco de padecer un cancro de pulmón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario