Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 25 de outubro de 2013

Bolsas de formación si pero para persoal directivo: continúa o abuso das bolsas de "formación" nos servizos centrais

Resulta curioso que a Xunta nunca teña cartos para crear os postos necesarios nunha RPT e opte por contratar asistencias técnicas e convocar bolsas de formación pero sempre atope os cartos necesarios para crear postos de persoal directivo que son moito máis caros.

O luns, 28 de outubro, a Xunta aprobará na Comisión de Persoal as primeiras RPTs de Axencias con persoal directivo, mesmo de fóra da Administración e cunhas retribucións superiores. Mentres, no DOG do 23/10/2013 publica a resolución de adxudicación de dúas bolsas para traballar na EGAP: a) unha vinculada á xestión de sistemas de teleformación e b) outra de documentación e biblioteconomía.

As ditas bolsas convocáronse no DOG do 25 de abril.  O que se pide basicamente é xente nova hipercualificada (titulación superior con bo expediente, cursos, comunicacións congresos, publicacións, idiomas, etc.) e a cambio ofrecen 1200€ brutos/mes, sen ataduras de contratos e durante uns poucos meses. A súa etapa formativa vai ser breve ou inexistente, máis tendo en conta, no caso da biblioteca, que na recentemente reformada RPT da EGAP non hai postos especializados para formar á nova bolseira.

martes, 15 de outubro de 2013

Bolsas: Deformación no Parlamento

No canto de contratos, o  Parlamento opta por cubrir as súas necesidades de arquivo, informática, comunicación ou publicacións mediante a figura precaria da “bolsa de formación”.

O DOG do luns 14/10 publica o anuncio da convocatoria por Parte do Parlamento de Galiza de 8 bolsas e formación en diferentes áreas: 4 de arquivo, biblioteca e documentación, 2 de informática, 1 de comunicación institucional e outra máis en publicacións. Estas bolsas veñen sendo convocadas ano tras ano.

Teoricamente son bolsas de formación, e polo que nos consta, polo menos no eido dos arquivos, non hai personal técnico especializado no Parlamento, polo que cabe preguntarse quen lles vai proporcionar a formación?