A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais, consonte ao acordado no último Pleno,
vén de dirixir un escrito ao Presidente da Xunta co obxecto de revertir
a lei de medidas unha vez cumpridos os dous anos da súa entrada en
vigor, consonte ao disposto na disposición derradeira da propia lei.
No escrito, esta xunta de persoal manifesta o seguinte:
"Que a LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de
medidas temporais en determinadas materias do emprego público da
Comunidade Autónoma de Galicia leva en vigor dende o 3 de marzo de 2012.
Que o conxunto de empregadas e
empregados públicos da Xunta de Galicia leva sufrindo unha serie de
recortes sen precedentes dende a entrada en vigor desta lei, tales como a
perda do complemento por incapacidade temporal, a perda do fondo de
acción social, eliminación de días de asuntos persoais, o dereito á
prolongación de permanencia no servizo activo, imposicións con respecto
ao horario de traballo, a posibilidade de redución obrigatoria para o
persoal interino e diversas modificacións unilaterais de determinados
artigos do V Convenio Colectivo, entre outros.
Ademais desta serie de medidas que
sufrimos o persoal da Xunta de Galicia, tamén hai que sinalar a perda de
poder adquisitivo polo recorte do específico nas pagas extras de 2013 e
2014.