A Xunta de Persoal dos SSCC vén de
dirixirse ao director xeral de Función Pública no enésimo intento de
desbloquear a convocatoria da promoción interna do persoal funcionario. A
través dun escrito contundente comezan expresando a súa "preocupación
pola excesiva demora e reiterados incumprimentos sobre as previsións
para a convocatoria".
Recordan que son xa tres as Ofertas de Emprego Público acumuladas
no que se refire a estas prazas: 2009, 2011 e 2012. Durante este tempo,
prazas do turno libre de corpos xerais foron xa convocadas, resoltas e
as persoas que superaron o proceso selectivo están xa traballando.
Argumentan tamén que "utilizando o discurso imperante na Xunta de
Galicia sobre a xestión dos recursos humanos propios, hai que considerar
que as convocatorias de promoción interna teñen un impacto económico
moito menor para a propia Administración que o que ten o desenvolvemento
doutros procesos selectivos de acceso libre".
Recordan tamén que durante estes últimos
anos, en diversas Mesas Xerais, o director xeral da Función Pública
asegurou a súa convocatoria inminente en reiteradas ocasión sen que chegara a crumprir a súa palabra.
Cualifican esta situación, a parte de "totalmente incomprensible",
como "claramente abusiva" por parte da Administración. Din que ésta,
"esgrimindo a súa capacidade de autoorganización, atrasa sine die o dereito do persoal funcionario á súa promoción profesional".
Acusan á Administración autonómica de
levar estes últimos anos utilizando o empobrecemento das súas
traballadoras e traballadores co obxecto de chegar a cumprir uns
obxectivos de déficit e castigandonos con outro tipo de medidas que
tampouco tiveron un impacto económico tanxible.
Por outra banda, denuncian o uso político oportunista
que desde a Consellaría de Facenda se lle está dando aos dereitos das
empregadas e empregados públicos, nomeadamente da promoción interna,
"utitilizando o anuncio da súa convocatoria como man de area ante unha man de cal de recortes", ou mesmo "para lavar a cara diante dos comicios electorais europeos".
Por todo isto, dende a Xunta de Persoal, installe a Función Pública a:
- Que non demore por máis tempo as convocatorias de promoción interna acumuladas durante varios anos e proceda á remisión inmediata dos borradores para a negociación no ámbito correspondente.
- Que desde a consellaría se presenten desculpas ante o conxunto das empregadas e empregados públicos polos inconvenientes causados ante as falsas espectativas das supostas convocatorias “inminentes” destes procesos.
- Que se compromenta a xestionar o dereito á promoción profesional do persoal funcionario con dilixencia e atendendo á obriga legal, sen caer en criterios de propaganda política.
Ningún comentario:
Publicar un comentario