Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 13 de setembro de 2017

CIG-Área Pública rexeita a proposta de vincular o medre salarial do funcionariado ao PIB

Denuncia que CCOO, UGT e CSIF negocian á marxe da Mesa Xeral de Administracións Públicas


A CIG-Área Pública (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) denuncia as negociacións que están desenvolvendo os sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF -a marxe da Mesa Xeral de Administracións Públicas- co Ministerio de Facenda e rexeita a proposta que se vén de facer pública de vincular os incrementos salariais ao PIB.

A CIG-Área Pública denuncia, máis unha vez, a actitude das organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF “por prestarse a negociar a marxe da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas excluíndo e suplantando de xeito indigno a organizacións sindicais, como a CIG, que contan con representación tanto nesa mesa como nas distintas mesas sectoriais”.

Neste sentido, a portavoz da Área Pública, María Carme López Santamariña, denuncia que é “escandaloso” tanto o seu “colaboracionismo co goberno do PP, como que acepten unha fórmula de negociación que favorece a pretensión  que este ten de baleirar de contido unhas mesas que foron concibidas para que no seu seo se negocien todas as cuestións relativas a condicións laborais, salariais e sociais das empregadas e empregados do sector público e non como simples expositores dos acordos aos que entre eles chegaran previamente”.

De feito, a portavoz da Área Pública considera que CCOO, UGT e CSIF actúan deste xeito coa pretensión de acaparar a representatividade porque saben que en Galiza perden cada día máis terreo fronte organizacións sindicais como a CIG. Así lembra que en Sanidade a CIG conta con 57 delegados/as e que por detrás a que máis se lle aproxima desas tres é CCOO con 20 delegados/as menos; que a CIG é a central sindical maioritaria no ensino público non universitario, onde ten o 46% de representación, case a maioría absoluta, e que na administración a CIG, cunha representatividade do 54,05%, supera a todos os demais sindicatos xuntos.

Esta condición de forza sindical maioritaria no ámbito da función pública que a CIG ten no noso país “nunca foi empregada do mesmo xeito que estas organizacións fan a nivel do Estado, respectando en todo momento o papel e a representatividade de cadaquén no único foro válido, o das mesas de negociación”, subliña.


Recuperación salarial


A Área Pública da CIG denuncia ademais a “falta de comunicación, transparencia e información” respecto das negociacións que se están desenvolvendo, relativas tanto a incrementos salariais como a condicións laborais e sociais e rexeita que se vinculen ao PIB os incrementos salariais futuros. Entende que iso non permitirá recuperar os dereitos laborais suprimidos nin as condicións salariais recortadas. Recortes iniciados polo goberno de Zapatero en 2010, cunha rebaixa do 5% da masa salarial, e que seguiron tanto co goberno de Mariano Rajoy como co de Feijoo, co agravante de que os recortes aplicados pola Xunta de Galiza foron superiores aos do resto do Estado.

A CIG reclama ademais que en calquera negociación que se aborde respecto da situación laboral e salarial do funcionariado se teñan en conta cuestións como a recuperación dos fondos de acción social, a volta á xornada laboral anterior ou a recuperación do complemento do 100% nos casos de IT, entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario