En máis de 10 anos de implantación da Administración dixital na Xunta, non supuxo mínimas melloras para o persoal público.
É preciso adaptármonos á xornada laboral máxima doutras Administracións autonómicas e estados europeos co mesmo PIB
O 3 de abril de 1919, tras 44 días de duras protestas e folgas, asinábase o acordo cos sindicatos no estado español que asumía a xornada laboral máxima de 8 horas. Desde entón, a tecnoloxía aumentou a produtividade pero isto non reverteu nunha mellora na reducción da xornada laboral da clase traballadora senón ou ben para reducir persoal ou ben para aumentar a produtividade (sen que iso redunde en mellora salarial).
Son inegabéis os avances tecnolóxicos nos sistemas produtivos e nomeadamente a implantación da Administración dixital e o teletraballo nas Administracións públicas e en particular na Xunta de Galiza. Por que se o que antes se facía en 2h cunha máquina de escribir, agora se pode facer en 5 minutos cun ordenador e sen papel, non hai unha formulación seria de disminuir a xornada laboral?
10 anos roubándonos
A redución de xornada é compatíbel e necesaria
Alguén poderá opinar que pedir unha redución de xornada é unha toleria: a austeridade!! Quen o vai pagar!? Pois non, o desenvolvemento da tecnoloxía reduce o persoal necesario pero a xente precisa traballo para vivir, como facemos? Fácil, reducindo as horas máximas de traballo e mantendo o mesmo persoal. Non só solventamos o tema das prestacións por desemprego, conciliación (e así as Administracións aforran no pouco que gastan en servizos sociais) senón que o persoal está máis feliz, produce máis e enferma menos. Á larga todas son vantaxes e iso é algo que en países máis desenvolvidos, con outra cultura, valoran como positivo. A xente que pensa que pasar de 40h (ou 37.5h no noso caos) a 35h é unha tolería, supoño que aínda seguiría traballando 12 ou 14h ao día se non for porque xente morreu para que agora disfruten esas 8h máximas diarias... agardemos que ninguén teña que morrer por conquerir as 35h (de momento).
Pero é que o problema en Galiza é añinda peor porque non só temos unha poboación avellentada (que precisa coidados e pouca cobertura social), unha mocidade que marcha (ou oposita) porque aquí non hai traballo cualificado suficiente, temos unha poboación dispersa e uns medios de transporte públicos deficientes que circulan por uns sistemas de comunicación do século pasado, o que acelera o abandono do rural. Apostar pola redución do traballo e polo teletraballo, non só permite conciliar e atender a dependentes senón reduciría o despoboamento do rural.
Agora ben, se só pensas a 4 anos vista, nas eleccións, no vagas e vagos que somos as traballadoras públicas, e que todo o malo é culpa nosa e todo o bo é da clase política, así nos vai. O tempo daranos a razón e a consideramos urxente e necesaria unha mesa de negociación para racionalizar a xornada laboral e xuntar a comisión de teletraballo para continuar na mellora e equiparación ao que teñen na Administración do Estado (3 días á semana e equipos proporcionados pola AXE).
Porén, non é esta unha loita única do persoal público, a loita polas 35h temos que ir da man do resto de traballadores e traballadoras do sector privado porque a clase traballadora precisa traballar para poder vivir (ou malvivir no peor dos casos) pero tamén precisa tempo para atender outras necesidades mais aló do traballo; non somos máquinas nin estamos ao servizo delas. Son as máquinas quen están para facilitármonos a vida, ao igual que nós como servidores e servidoras públicas estamos para facilitarlle a vida á cidadanía, comezando pola clase política que dirixe a nosa Administración. Pensemos a medio e longo prazo, pensemos en facérmonos unha vida máis feliz, pensemos no mellor para a todas e todos e sobre todo, non sementemos máis odio, que xa hai bastante sementado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario