O tema dos concursos, xa cheira, o tema dos proceso selectivos, xa cheira, a carreira profesional, cheira tamén. Esixían os nosos compañeiras e compañeiros de CCOO respecto e dámoslle a razón: as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza merecemos respecto. Pero para merecelo, tamén hai que esixilo. Non podemos ficar caladas e calados, agardando a ver que pasa, contemplando concentracións de 10 delegados e delegadas pedindo concursos, temos que existir que respecten os nosos dereitos, que respecten o noso traballo, que nos respecten.
Os concursos na Xunta
Mentres no persoal docente os concursos teñen unha programación anual que funciona coma unha reloxo suízo, a pesar do alto número de persoal afectado, no persoal da Administración xeral nunca se sabe cando se vai convocar nin cando se vai resolver un concurso (dá igual que sexa de corpos xerais, de corpos especiais, de escalas ou de persoal laboral, que aí si, xa dixeron que non vai haber concurso).
Por que esta arbitrariedade nos concursos? So hai dúas opcións: ou incompetencia ou dolo. En calquera caso, se alguén non sabe, que se aparte e deixe a outra persoa; se o fai deliberadamente, entón temos un problema moito máis grave e cómpre saber por qué o fai: é mellor ter a xente comendo da man en comisións de servizo? é mellor que os postos por concurso se convertan en postos por LD? (incluído o dos concursos especiais?).
Botádelle un ollo á nosa etiqueta de concursos e facede memoria. Cómpre facer memoria para cabrearse, compre cabrearse para esixir respecto. Tamén compre valorar o traballo que as traballadoras e traballadores públicos facemos cada día e que sen nós, a Administración non funciona pois esta non se move só con discursos ou directrices políticas.
A "putada eterna"
Calquera que preparar un proceso selectivo de promoción interna na Xunta (ou de libre) sabe por que lle chamamos "eterna" no lugar de "interna" ou porque lle chamamos "putada" no lugar de "promoción" Xa non só porque non sabes cando van convocar, uns anos sae dun xeito, outros doutro, algúns anos máis prazasw, outros menos, e que tampouco sabes cando van ser os exames ou cando vas poder tomar p*** posesión... e mentres a perder dereitos económicos e tempo da túa vida.
Tres anos para executar unha OPE di a lei; irregularidade non invalidante di a xurisprudencia. E nós, seguimos sen respectarnos, sacrificando a nosa vida persoal e familiar ata non se sabe ben cando, participando nun sistema selectivo caduco (que prioriza a memorística absurda) no lugar das capacidades.
Xa indicamos varias veces que os sistemas selectivos na Xunta igual precisaban unha voltiña (despois de máis de 30 anos chapando leis que logo cambian, que ata os exames se fan en papel, consultando a lexislación en papel, escribindo e cantando o que escribimos nun papel...). Canta morriña! En fin, para a promoción interna é preciso un sistema de módulos da EGAP onde quede ben definido cal é o coñecemento e as capacidades que cambian dun subgrupo/grupo a outro e non estudar unha e outra vez a mesma normativa, aínda que se cambie de grupo, ou mesmo que haxa normativa que caia en promoción interna e non por libre, curioso.
A carreira profesional
Sen concursos frecuentes (que permiten coller postos de máis nivel), sen promoción interna real, que nos queda? O invento ese da carreira profesional que o EBEP liga á avaliación do desempeño e que no acordo de concertación social desligaron para o grao I e II anticipado... O caso é que o grao II tiña que ter sido xa convocado no último trimestre do 2020 e aínda que ata os sindicatos que non asinamos o acordo llo demanadamos, dá igual, Función Pública non nos respecta, nin aos sindicatos asinantes, nin aos non asinantes, nin ao persoal público, e nós tampouco nos respectamos. A nosa experiencia, a nosa formación, o noso desempeño non ten un valor que merece ser recoñecido? Dio a lei.
En definitiva, se hai unha mobilización participade, se hai unha campaña participade, se estades cabreados ou cabreadas, queixádevos en persoa ou enviádenos correos a nós e a todos os sindicatos, se vos dá medo mandarllo tamén á persoas responsables políticas do desaguisado. Nós estamos para axudar, non para atrancar, iso é cuestión política; nin diriximos a Función Pública nin a consellaría respectiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario