A nova Orde para acceder ao grao I e II do sistema extraordinario de carreira ultímase en Mesa Xeral de Empregados Públicos. A Administración tráeos en formato de "Acordos" para que CCOO e UGT continúen dóciles a dicir amén, mais non aproveitan para corrixir as eivas anteriores. Limítanse só a cumprir as sentenzas firmes ao mínimo indispensable.
Despois de que Función Pública decidira non publicar a Orde de acceso ao grao II no segundo semestre de 2020 (e lembramos que daquela non había ningunha sentenza que llo impedira), tráennos agora uns borradores nos que inclúen a case todo o persoal que cumpra os requisitos, obrigados polas sentenzas gañadas pola CIG.
Os importes anuais, tanto do grao I como do grao II van ser os seguintes:
IMPORTES ANUAIS DA CARREIRA | ||||||
Ano | % | A1/I | A2/II | C1/III | C2/IV | AP/V |
2022 | 60% | 1.553,47 € | 1.087,20 € | 774,72 € | 595,08 € | 480,89 € |
2023 | 80% | 2.071,30 € | 1.449,60 € |
1.032,96 € |
793,44 € |
641,18 € |
2024 |
100% |
2.589,12 € |
1.812,00 € |
1.291,20 € |
991,80 € |
801,48 € |
O procedemento para solicitar o acceso, unha vez aprobado, será a través da plataforma FIDES que de xeito automático determinará se se cumpren os requisitos. No caso de que o programa non admita a solicitude de carreira dunha persoa, esta disporá dun prazo de 10 días para poder presentar a solicitude e documentación xustificativa en sede electrónica. Non van aceptar actualizacións de expedientes no Portax, polo que se non temos introducida a formación, deberemos agardar a que nola requiran.
Pero ollo esta carreira trae trampa:
- O grao I non ten efectos retroactivos
(isto determinarao o acto de execución de sentenza ante o TSXG), polo
que se lle recoñece a todo o persoal que cumpra os requisitos dende
agora, pero non dende o 2019.
- Non se restitúe o ano de grao II que
nos fixeron perder CCOO, UGT e Función Pública ao non publicar a tempo
Orde de acceso ao grao II, polo que os efectos deste serán dende o 2022.
- A data para cumprir os criterios do
acceso ao grao I e II é o 31/12/2021, co cal ao suposto período de 5
anos de antigüidade para acceder ao grao I e 11 anos para o grao II se
converten a día de hoxe en 7 e 13 anos respectivamente.
- Non manteñen aberta a convocatoria para os casos en que a relación laboral se vira interrompida a día de hoxe.
- Aceptan a alegación da CIG de que o
tempo de maternidade, permiso de paternidade, acollemento adopción..
poida solicitarse ata un mes despois da reincorporación da baixa e dos
permisos, así como os efectos económicos.
- Ábrese a carreira a todas as persoas
empregadas públicas (incluído o persoal do Consorcio e Lei 17), agás ao
persoal laboral fixo que non queira funcionarizarse.
- Deixan tamén fora da nova carreira ao persoal funcionario de carreira que xa percibe o grao I e que sumou tempo de antigüidade no corpo/escala doutras administracións públicas.
A campaña de ataque á CIG
orquestrada pola Xunta cos socios necesarios de CCOO e UGT busca dividir
o persoal e perder forza na loita polos dereitos do persoal
E a esta carreira de trolas xa habituais dos que deixaron fóra da carreira ao persoal e que nos deixaron sen un ano de grao II, CCOO e UGT, súmase agora o SEPGA que nunha nota di “o SEPGA foi o único sindicato que pediu tanto a eliminación da discriminación e o agravio económico que sufrimos os Grupos A1 e A2 en relación co resto de grupos”.
Pois resulta que a CIG, como se pode ver por exemplo aquí, xa pedía hai 3 anos a redución dos períodos alongados para o A1 e A2 para que todos puideran acceder ao 100% nos mesmos anos, ao igual que pedíamos a suba dos importes dos subgrupos C1, C2 e AP para que non se ensanchase máis a brecha entre os subgrupos altos e os baixos.
Van xa case catro anos de ataque á CIG, a quen busca xustiza e igualdade, a quen loita polos dereitos de todas e todos, sen exclusión. E cando o tempo e a xustiza nos dá a razón, veñen de solucionadores do problema que eles mesmos crearon por compracentes coa patronal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario