Alfonso Rueda ten en conta a xente e a terra na que vive ou dálle exactamente igual?
É unha persoa achegada que quere axudar os/as galegos/as ou observa todo como si vivira nun planeta a millóns de quilómetros e os problemas non foran con el?
Sirve os intereses da maioría ou sirve só ó seus propios intereses e o dos seus amigos/as?
É un galego ou é un marciano?
Agora me explico.
Nestes momentos hai un proxecto infame auspiciado directamente por Rueda que supoñerá unhas das maiores catástrofes ambientais da historia da terra na que vivimos e que hipotecaría o futuro de xeracións enteiras. Chámanlle proxecto GAMA, coma se un acrónimo que imita a unha letra do alfabeto grego aumentase a súa credibilidade ou importancia.
A empresa portuguesa ALTRI está detrás da posible desfeita.
Segundo fontes como Greenpeace, o Consello da Cultura Galega e outras, as consecuencia de tal desatino son as seguintes:
- Contaminarán a ría de Arousa -como xa fixo ENCE coa de Pontevedra-, destruíndo o hábitat das especies mariñas e condenando ás persoas que viven do mar á miseria ou á emigración.
- Roubarán corenta e seis millóns de litros dá auga diarios (o consumo de toda a provincia de Lugo) e devolverán trinta millóns de litros contaminados con amonio, nitratos, sulfatos, fosfatos e fósforo ao río a unha temperatura de vinte e sete graos, co que arrasarán coa biodiversidade fluvial.
- Afectará directamente á rede Natura nun dos lugares de maior diversidade animal e vexetal de Galicia, prexudicando a todas as especies, especialmente ás endémicas.
- Plantarán centos de miles de eucaliptos (si, aínda máis) para que sexan engulidos por ese monstro chamado macrocelulosa. Isto significará a acidificación e empobrecemento da terra, a perdida de biodiversidade animal e vexetal (outra vez), e a multiplicación do risco de incendios co consecuente perigo para a poboación.
- Producirán un tráfico de máis de mil cincocentos vehículos diarios, emitindo á atmosfera unha cantidade absurda de dióxido de xofre; máis do dobre do que emite a cidade de Milán cada ano (Nós diario).
- Desviarán douscentos cincuenta millóns de diñeiro público para un proxecto neocolonialista que nos rouba os recursos e leva valor engadido a outro lugar: Nós poñemos o auga, a terra e a madeira para a fabricación básica, e outros transforman o produto. Quedamos coa contaminación e outros co beneficio.
- Expropiarán casas, terras, obradoiros e granxas, deixando sen vivenda e sen traballo a gran cantidade de veciños e veciñas. O tecido social, cultural e laboral da zona será gravemente danado se non destruído
- Os diferentes químicos liberados afectarán á saúde de gran parte dos galegos: respirar aire, beber auga e comer peces con aínda máis químicos produce un risco directo para toda a poboación.
Os/as traballadores/as da Xunta, deberiamos estar indignados/as de que o noso xefe, Mr Rueda, utilice á Xunta de Galicia e a súa influencia para atacar por terra, mar e aire a medula espinal da terra na que vivimos.
Nós como traballadores/as con un posto estable, aínda que debamos cumprir ordes impostas pola xerarquía, podemos dicirlle aos nosos compañeiros e compañeiras, ao noso xefe ou xefa de servizo, á nosa subdirectora ou subdirector, á nosa directora xeral, e a calquera que pase polo noso lado, o encabuxados que estamos co proxecto Gama.
E se por un casual, es un/a traballador/a que ocupa un posto de responsabilidade directamente relacionado, e es capaz de ver os devastadores efectos ambientais e sociais que supón o proxecto de ALTRI, renuncia a ser “cómplice” de tamaña barbaridade denunciando, polo menos, o que sentes respecto diso no teu ámbito laboral máis inmediato.
Son un traballador público que pensa que a nosa obrigación é axudar e protexer á sociedade, o que implica protexer a terra, aos/as galegos/as e ás institucións democráticas, e non a un partido político que utiliza estas últimas no seu propio beneficio e ao que non lle importamos un carallo.
Teño moi claro que Mr. Rueda, todos/as os seus conselleiros/as e demais acólitos/as, aínda que se din galegos/as, son máis ben extraterrestres que observan a realidade desde un planeta moi distinto ao que habita a xente normal. Falarlles de diversidade biolóxica, contaminación, desenvolvemento sostible, solidariedade ou saúde ambiental é como falarlle do mesmo a un habitante do planeta vermello.
Sei, positivamente, que non lles importa a xente, o aire, os bosques, os ríos, o mar, o noso traballo, a nosa vida ou a nosa saúde. Máis ben lles importan os seus intereses persoais.
Como dicía, son como marcianos que contemplan a realidade desde millóns de quilómetros de distancia.
Pero, e os/as traballadores/as da Xunta? Somos galegos/as ou somos marcianos/as?
O quince de decembro hai unha manifestación convocada en contra de ALTRI pola plataforma Ulloa Viva e a plataforma En Defensa da ría de Arousa.
Que quede claro: Galicia importa!
ALTRI NON!!!
POR NÓS E POLOS QUE VIRÁN.
15 DE DECEMBRO, 12:00, ALAMEDA DE SANTIAGO
Ningún comentario:
Publicar un comentario