Así o explica o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, que considera que a demanda do CSIF dunha suba salarial igual ao IPC de 2024 “é o mesmo que pedir a conxelación salarial”, porque iso non permitiría achegarse, sequera, ao poder adquisitivo perdido ao longo destes anos.
Fronte a isto exixe un novo acordo que “deteña esta perda, que entre os anos 2010 e 2022 foi do 18,64%, e permita recuperar realmente os dereitos arrebatados ao persoal da administración pública”. Entre outras propostas, a incluír nese novo acordo, apunta a aplicación dunha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC e blindada por lei”, xunto a un incremento do 5% para 2025.
“A cláusula de garantía salarial debe ir ligada a acordos salariais anuais ou plurianuais para evitar a conxelación salarial e así gañar poder adquisitivo”, explica Carballo, quen incide en que a CIG exixe tamén que estes acordos “se negocien onde corresponde, que é no ámbito da Mesa Xeral do persoal público, onde temos presenza os sindicatos máis representativos, para evitar o sometemento das centrais sindicais estatais ao Goberno do Estado, que foi o que nos levou a esta situación”.
Xunto a isto lembra que “todos os acordos ratificados até o de agora son froito do diálogo social entre os sucesivos gobernos, CCOO, UGT e CSIF” saltándose o ámbito de negociación legalmente recoñecido e onde, ademais da CIG, tamén está ELA.
A CIG-Administración demanda, ademais o establecemento dunha xornada laboral de 35 horas en 2025 e de 32 horas para 2026; a creación dunha mesa xeral de negociación da Administración Xeral do Estado en Galiza, para regulamentar condicións específicas para o noso país e un complemento específico polo uso do galego nas administracións. Propostas, todas estas, que foron trasladadas tanto a Ministerio de Función Pública como á Secretaría de Estado para ser abordadas nunha Mesa Xeral convocada ao efecto.
Eliminación da taxa de reposición
A CIG-Administración vén denunciando desde hai anos as consecuencias da imposición dunha taxa de reposición, que se mantén, nas administracións públicas. Por iso, a secretaria de Organización, Ana Santomé, exixe a súa supresión con efectos xa para as OPEs que se aproben en 2024 e afea aos sindicatos estatais, UGT, CCOO e CSIF que apoiaran o seu mantemento nos distintos acordos que ratificaron, polas graves consecuencias que isto tivo para a calidade e atención dos servizos públicos.
En materia de xubilación, Santomé traslada a preocupación da CIG-Administración polas conclusións do documento “Consenso por unha administración aberta” de Función Pública, onde “mediante unha política reformista, proponse eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación con carácter voluntario aos 72 anos baixo pretexto da retención do talento”.
Entende que é unha medida contraditoria coa intención do goberno coa intención do goberno de recuperar a posibilidade da xubilación parcial para o persoal empregado público e manifesta a oposición da CIG. “O que nós propomos é recuperar a xubilación parcial coa posibilidade de facelo aos 61 anos dentro do Réxime Xeral”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario