Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 18 de marzo de 2025

O TSXG sentenza a favor da CIG co que emenda a carreira de depredación ambiental do País emprendida pola Xunta do PP

 

O alto tribunal interpreta que privatiza os procedementos de avaliación ambiental, externaliza a súa tramitación e a pon en mans da empresa privada. A sentenza cuestiona proxectos como Altri ou a Mina de Touro e chama a particulares, entidades e asociacións interesadas no procedemento a que soliciten a súa suspensión administrativa.

O Tribunal de Xustiza de Galiza ven de emitir sentenza favorable á demanda interposta pola CIG na que se impugnaba o Decreto 102/2023, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental e se crean o rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galiza e o Banco de Persoas expertas en avaliación ambiental.

Este Decreto, que se formulou ao abeiro da Lei de simplificación administrativa e de reactivación económica aprobada polo PP, serve para substituír o traballo do persoal funcionario público por empresas colaboradoras privadas co obxectivo de facilitar a autorización de proxectos con impacto ambiental como os parques eólicos ou a minería extractiva, ou industrias de alto impacto ambiental.

O decreto regula as empresas “colaboradoras” ambientais, que poderían encargarse de todo o procedemento administrativo de autorización incluídos informe, control e avaliación ambiental, deixando ao persoal funcionario da Xunta unicamente a sinatura nos procedementos de autorización, que o terían que facer sen posibilidade de contrastar o rigor dos datos e a tramitación realizada pola empresa.

Ademais outorgaba a posibilidade de que unha única empresa realizara toda a tramitación ambiental de proxectos e logo o seguimento e control de medidas correctoras ou incluso levantamento de actas e preparación do procedemento sancionador, cando na Administración Pública isto fano diferentes departamentos e persoas funcionarias. A maiores, dáballe aos “axentes” da empresa privada carácter de autoridade e presunción de veracidade co valor probatorio as actas, informes e outras actuacións como o acceso a instalacións, terreos e obras.

O decreto usurpaba directamente as funcións dos funcionarios e funcionarias públicas, sen garantía de imparcialidade, xerando un precedente de privatización nunca visto ata o de agora, substituíndoos en toda a tramitación ambiental, atrevéndose incluso coas funcións de autoridade, fe publica, inspección, fiscalización e control (reservadas exclusivamente a funcionarios e funcionarias inspectores/as e axentes da autoridade). E, aínda que o auto do TSXG non derroga a totalidade do artigo 29, xa que permite que se realicen por parte das “entidades colaboradoras” tarefas auxiliares non substitutivas de funcións asignadas a funcionarios públicos, e na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático temos persoal de inspección e tamén axente ambiental encargado, dende a CIG Autonómica estaremos pendentes de que a Xunta non acuda ás empresas para substituír as súas funcións.

Para máis afondar, non se establece ningún tipo de control por parte dos órganos administrativos ás actuacións ou aos informes que a empresa realice, polo que a autorización ou a sanción final baséase unicamente no traballo que realiza a empresa privada. Finalmente sería un posto de designación política (libre designación ou con sorte un posto cuberto polo futuro concurso específico) ao que só lle quedará asinar responsabilizándose e validando xuridicamente o que fai unha empresa privada. Desta forma xa non sería persoal funcionario publico garantes de imparcialidade e cuxos obxectivos son defender, neste caso, o medio ambiente e salvagardar o interese xeral, os que realizarían os procedementos administrativos que autorizarían a implantación de industria ou actividades lesivas no noso país.

En definitiva, a Xunta de Galiza non creou con este decreto unha administración paralela como temos denunciado que fai habitualmente por exemplo con empresas públicas como TRAGSATEC, co argumento de carga de traballo excepcional e por ser “medio propio”, senón que neste caso OUTORGA directamente e de forma estrutural a tramitación e a inspección ambiental a empresas privadas na vez de ser realizada pola consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que é a quen corresponde. E, para maquillar a desfeita nomea as empresas como “colaboradoras” cando non se prevé ningún tipo de colaboración entre iguais (o que tamén sería cuestionable) senón que directamente lle regala as funcións propias e exclusivas da función propia.

A POLÍTICA DE DEPREDACIÓN DO PAÍS DO PARTIDO POPULAR

A sentenza é unha “emenda á totalidade” a política de “depredación do país” do Partido Popular, poñendo en cuestión proxectos como o de Altri ou o da Mina de Touro, e chamamos tanto as persoas como ás distintas entidades e asociacións que no seu momento alegaran no procedemento de Altri, ou doutros proxectos materializados de acordo a este decreto, para que pidan a súa suspensión administrativa.

Para a CIG, a sentenza é “un torpedo á liña flotación” dos cambios normativos introducidos polo PP para favorecer os intereses empresariais “reforzando o papel colonial de Galiza”, mentres os sectores produtivos agonizan e avanza a emigración e o avellentamento da poboación.

Denunciamos os procedementos profundamente antidemocráticos e autoritarios postos en marcha pola Xunta de Galiza, xa con Feixóo e despois con Rueda, e acusamos ao PP de “ir ao mercado”, “privatizar os servizos públicos” e “comprar informes” que favorezan os intereses de empresas que veñen espoliar os recursos do noso país.

SUSPENSIÓN DOS PROCEDEMENTOS

A CIG demandará unha revisión exhaustiva e a suspensión de todos aqueles procedementos tramitados a partir da publicación no DOG deste Decreto, en primeiro lugar o de Altri. Preguntámonos que máis ten que pasar para que o Partido Popular faga caso ao rexeitamento masivo que estes proxectos están provocando en todos os sectores do pobo galego e agardamos que, desta volta, o PP e o Goberno galego cumpran esta sentenza. No caso de non facelo, a CIG resérvase exercer as accións legais oportunas, mesmo a vía penal.

Respecto do número de expedientes que poderían estar atinxidos por esta sentenza, lembramos que en 2023, cando anunciamos a intención de recorrer este decreto no contencioso, xa se falaba de que había uns 35 parques eólicos tramitados baixo o seu paraugas.

Por iso adiantamos que agora o que se lle vai pedir á Administración é que identifique e informe sobre todos os expedientes que, en diferentes ámbitos, están afectados, quer proxectos eólicos ou mineiros, e que a central sindical entende que adquiren unha condición de nulidade.

Se en tres meses a Xunta non dá esta información, a CIG recorrerá de novo á xustiza e que, en caso de que a Administración presente recurso de casación -ten 30 días para facelo-, a central sindical solicitará a execución provisional da sentenza, mentres non se pronuncie o Tribunal Supremo, para evitar que sigan adiante proxectos que poderían provocar un dano irreversíbel.

En todo caso, para que o recurso de casación sexa admitido a trámite a Xunta ten que demostrar que o TSXG se apartou “inmotivadamente da xurisprudencia” para emitir esta sentenza.

Diante disto, a CIG anima a toda a poboación a sumarse á mobilización por terra e por mar, convocada para o vindeiro 22 de marzo, ás 12:00 horas na Pobra do Caramiñal sob o lema “Na defensa do noso mar e da nosa terra. Non a Altri. Non á mina de Touro-O Pino”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario