Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 4 de xullo de 2025

DE EMPREGO PÚBLICO Á ETERNIDADE: procesos de promoción interna a C2, C1, A2, A1, procesos libres, concursos varios, estabilizacións..

Dende hai un tempo están a desenvolverse diversos procesos selectivos por quenda de promoción interna e libre. O caso é que emprego público demora tanto en resolver as diversas fases e tarda tanto en pasar ás seguintes (aínda que poda facelo) que, en moitas ocasións, solápanse as novas convocatorias co a resolución das antigas. Isto fai que os empregados públicos non teñamos a posibilidade de planificar o noso tempo dun xeito adecuado.

As novas convocatorias dos grupos C2, C1, A2 e A1 de promoción interna están previstas para outubro de 2025 e os exames a maioría para maio e algúns para xuño. Moitos/as dos/as traballadores/as están inmersos en anteriores convocatorias e están pendentes da fase de concurso para saber se obtiveron praza.

Por poñer un par de exemplos, as persoas que promocionan dende asociacións profesionais ao grupo C2, levan esperando dende abril; e as que promocionan do grupo C2 ao C1 fixeron o único exame da promoción... o 2 de febreiro!! Se Emprego Público actuara con algo de axilidade, moitos/as deles e delas poderían planificar o verán para estudar ou apuntarse unha academia ou, por fin, para descansar de tanta lei. A desidia por parte de Emprego Público á hora de comezar as fases de concurso vai sempre en prexuízo das persoas traballadoras.

O mesmo pode dicirse do concurso xeral de traslados o dos concursos de escalas, que se convocan cada milenio e tardan outro milenio en resolverse, ou das fases de concurso de acceso libre, como a fase de méritos do proceso selectivo para a Inspección de Turismo, que levan esperando dende maio.

A espera é tan longa que, en ocasións, hai xente que acaba xubilada ou, no peor dos casos, xa nin está vivo (coñezo algunha situación de primeira man).

Confírmase a estafa: cando nos paguen os atrasos do 0,5% levaremos perdido o 2,30% en tan só tres anos

 

O Goberno ven de aprobar a suba salarial adicional do 0,5% confirmando a perda do poder adquisitivo do persoal empregado público . Esta miseria é froito do pacto salarial de CCOO e UGT, e agora pretenden de novo vender como un éxito o que foi un “pacto de perdas”

Os tres protagonistas da última tomadura de cabelo ás empregadas e empregados públicos saíron nestas últimas horas a felicitarse por algo insólito: imos cobrar os atrasos que nos deben! O goberno central, CCOO e UGT aplauden como un éxito que vaiamos cobrar unha suba do 0,5% cun carácter retroactivo de 18 meses.

Se xa é un escándalo que ese pagamento non se tivese producido cando correspondía (xaneiro do 2025) aínda o é máis que ninguén das persoas responsábeis poña o acento no realmente importante: como queda o poder adquisitivo dos e das empregadas públicas logo do pacto salarial 2022-24? Estivo ese pacto á altura das circunstancias? Respondeu á necesidade de recuperar o que nos recortaron previamente? Estabilizou cando menos o noso soldo ao respecto do IPC? Todas as respostas a estas preguntas son a mesma: un rotundo NON.

O efecto do pacto sindical estatal de 2022 (vencido en 2024) foi unha suba do 9.8% (computando xa o 0.5% que imos cobrar agora). Neste mesmo tempo, sen contar este ano 2025, o IPC subiu un 12,10%. Isto supón unha depreciación do noso salario dun 2,30%. 

A carreira profesional volve á mesa de negociación (17/07/25), acompañada dunha BOMBA PARA A CARREIRA ORDINARIA

 

Sete meses despois do primeiro borrador, envían para a Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) e Mesa Xeral (MX) de Empregados Públicos do xoves 17 uns novos textos dos graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento do desempeño para o persoal laboral). Á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal levoulle sete meses poñer cambios tan radicais como trocar a palabra “proposta” por “borrador”, e pouco máis.

A maiores, acompañano cun bombazo, un borrador de anteproxecto de decreto que regula o sistema ordinario de carreira. O texto endurece moitisimo os criterios para a obtención dos graos e engade o requisito dunha avaliación do desempeño que mesmo pode influir nos futuros concursos de traslados (mesmo pode supor a perda de destino).

Os graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional

Descargar:

Os documentos que achegan son idénticos aos que xa enviaran en decembro do 2024. Non aceptaron nin unha soa alegación.

E con isto seguimos no camiño dunha carreira profesional lenta, farragosa e cos pagos troceados en catro anualidades. Para o grao III farán falta 17 anos pero como non cobraremos o 100% ata 2028, así que na práctica serán 21 anos. E seguimos coas exclusións e condicionantes como estar en activo a 31 de decembro de 2024 ou ter que agardar a que decidan abrir o prazo para solicitalo (non é como os trienios, que o cobras en canto os cumpres).

Estas convocatorias extraordinarias tiñan que estar negociadas a finais do 2024. E a estas alturas aínda van á MSF para mediados de xullo, quedando pendente a súa aprobación en Comisión de Persoal e publicación en DOG, cando xa estamos en pleno verán. 

Queremos unha carreira profesional sen tronzar en anualidades, automática ao cumprir os requisitos e para todo o persoal, que non dependa da vontade de que a Xunta decida convocar, nin se empregue para chantaxear ao persoal empregado público. 

Carreira profesional ordinaria e avaliación do desempeño

Descargar

O sistema ordinario de carreira tiña que estar negociado antes do verán do ano 2019, segundo o Acordo de concertación do emprego público de Galiza asinado por Xunta+CCOO+UGT. E cando estamos en pleno verán do 2025, envían un borrador directamente á MSF, sen ningunha xuntanza previa, sen borradores de traballo, cun texto durísimo.