Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 11 de outubro de 2024

Até cando imos sufrir a ineptitude da directora da EGAP?

   

O sindicato presenta máis de 30 demandas e reclamacións sobre a xestión da EGAP e 285 propostas de cursos recadadas de entre as traballadoras e os traballadores, afiliación e persoas delegadas do sindicato, ante a ausencia de oferta formativa para moito persoal e diante da diferenza abismal entre a oferta e a demanda en formación como a linguaxe administrativa galega, a igualdade ou a formación do Marco Galego de Competencias Dixitais

Dende a CIG criticamos e denunciamos a falta de negociación para a planificación e deseño dun plan anual de formación e actividades para todo o persoal da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais que estea ben elaborado e estruturado, e que dea resposta ás necesidades de formación reais e actuais en todas as áreas temáticas, sen exclusións. En todo o proceso de elaboración do plan de formación o persoal e sindicatos non cortamos nin pinchamos, todo é decisión unilateral da directora da EGAP. Este proceso é moi sinxelo e básico, a diferenza do que fan outras escolas de administración pública, e consta destes 2 pasos:

1. Envío aos sindicatos dunha circular unha vez ao ano para recibir achegas nun prazo estipulado.                                          

2. Recepción das achegas dos sindicatos (a maioría ignoradas ano tras ano) e, sobre o esquema do plan de formación anterior, repetición da maioría das actividades e das mesmas persoas formadoras para o ano seguinte.  

A opacidade é absoluta á hora de decidir e deseñar ano tras ano os plans de formación en calquera aspecto que nos veña á cabeza, como calquera dos seguintes:    

luns, 7 de outubro de 2024

Erro 500---Erro da Xunta

 

Durante a semana pasada foi imposible acceder á moitos procesos selectivos da páxina de Función Pública.

Publicáronse varias resolucións e baremos provisionais e iso implica a existencia duns prazos que hai que respectar e polo tanto, para dar garantía plena aos interesados, deberíanse poder consultar durante todo o período de alegacións eses baremos. Incluso se poderían publicar con anterioridade pois nada o impide.

O día 04/10/2024 publícanse no DOG unhas resolucións relativas á baremación provisional de varios procesos selectivos de concurso da agrupación profesional de persoal funcionario e de varias categorías do grupo V que afecta a miles de persoas, pois son procesos masivos, e a páxina da un erro:

Error 500--Internal Server Error

Dende a CIG foi imposible contactar telefónicamente coa DXEP polo que nos puxémos en contacto a través de correo electrónico para que trate de solucionar este problema e habilite unha solución para canto antes.

mércores, 4 de setembro de 2024

Cambio das datas de exames e desculpas absurdas: cando a palabra da directora xeral vale CERO

 

Antes do verán tivemos novas sobre o aprazamento dos procesos de promoción interna e de libre, que nos obrigaron a esixirlle á directora xeral en varias ocasións aclaracións.

Despois de eludir o tema varias veces, respondeunos finalmente o 21 de xuño nunha comisión de persoal que “...se comprometían a poñer os medios necesarios para que se puidera cumprir o calendario anunciado.” Esta parecía a resposta correcta para non contradecir ao Presidente da Xunta que nunha nota de prensa anunciou as datas de exames de 22 procesos.

Pois ben, apenas mes e medio despois, Función Pública colga un novo calendario de exames no seu web, no que figuran cambios nos procesos de libre e promoción interna. No caso concreto da promoción interna de corpos xerais se apraza do 14 de decembro aos días 1 e 2 de febreiro de 2025. A maiores atopamos outras eivas como que no novo calendario poñen a data de exame de dous procesos da escala de veterinarios o mesmo día, cando se comprometeran a dar opción para que as persoas aspirantes puidesen concorrer ás dúas probas.

A desculpa de mal pagadora no caso da promoción interna a corpos xerais é que hai 21 persoas que están matriculadas na promoción interna e son á vez membros dos tribunais dos procesos de estabilización. Isto é de traca: na Xunta hai máis de 15.000 funcionarios e funcionarias de carreira e non se atreve a cesar a 21 membros dos tribunais e nomear outros 21?

Se non os/as atopa que non se preocupe, que lle facemos nós o traballo e buscámoslle 21 titulares e 21 suplentes se fai falta. Pero nos tememos que son desculpas e que realmente NON QUERE resolver o problema e acode á vía máis doada e cómoda para ela: adiar, que é o tradicional principio informador das políticas de persoal na Xunta.

Moitas/os compañeiras/os reservaron días e vacacións para o mes de outubro ou decidiron seguir matriculados/as en academias, ou simplemente organizaron a súa vida persoal en función das datas que esta directora xeral garantía.

Polo que podemos observar nesta dirección xeral cambian as persoas titulares pero arrástranse as mesmas políticas: cambian caras para que nada cambie.

venres, 28 de xuño de 2024

A CIG aposta por tribunais de selección democráticos e non dactilares

 

Dende o primeiro momento da súa creación a Xunta de Galiza impuxo o sistema de que os tribunais se decidían dende arriba, e por moito que se criticou o sistema por sindicatos e persoal opositor, nunca se puido eliminar este proceder.

E se hai vontade política pódese facer, e seguramente funcione moito mellor que as persoas designadas a dedo dende a Dirección Xeral de Emprego Publico e Administración de Persoal, si se mudan por persoal voluntario.

De feito a Academia Galega de Seguridade Publica xa está a facer algo parecido, elaborando unha listaxe de persoas funcionarias voluntarias aspirantes a ser propostas como membros dos tribunais. Véxase na recente resolución publicada no DOG do 26/06/2024 pola que se fan públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas para a formación das listaxes de persoal funcionario aspirante a ser proposto como membros voluntarios dos tribunais.

martes, 25 de xuño de 2024

A CIG recorre en reposición as listaxes de postos dos concursos de traslados de corpos xerais e especiais

 

Dende a CIG presentamos sendos recursos de reposición diante da publicación das convocatorias de concursos de traslados dos corpos xerais e corpos especiais publicados neste primeiro semestre do presente ano. Nas dúas convocatorias non se publican todas as prazas vacantes existentes, por exemplo, no caso dos corpos xerais son darredor de 180 prazas as vacantes que non saen no concurso de traslados sen darnos ningún tipo de explicación ao respecto.

En ningún dos dous procesos se convocan todas as prazas vacantes existentes e se a isto engadimos as que se atopan bloqueadas pola situación totalmente anómala e irregular das prazas de CONCURSO ESPECÍFICO (lembremos que estas prazas están cubertas en fraude de lei, mediante comisións de servizos eternas), a situación aínda é pior.

Cómpre falar tamén das prazas sobre as que existe reserva de praza, das cales sería un exercicio de transparecencia e bo facer, que se nos facilitase a información das causas que motivan tales reservas de praza.

Evidentemente son concursos de traslados deturpados, porque unha cousa é a potestade da Administración galega de organizar os seus servizos, e outra que as persoas empregadas públicas non teñamos dereito a mobilidade ao substraer unha inxente cantidade de postos destes concursos

Moito máis sangrante é a situación das escalas de corpos especiais xa que as convocatorias dos concursos de traslados levan sen convocar moitos máis anos.

martes, 18 de xuño de 2024

Se non sabes, pregunta

 

Sra. directora xeral de Emprego Público:

certo é que non levas moito tempo no cargo, pero deberías ser consciente que hai miles de persoas esperando que lles confirmes SE O 14 DE DECEMBRO VANSE CELEBRAR OU NON os exames da promoción interna de corpos xerais.

E se chegas á mesa xeral sen documentarte non vale que nos digas que ignoras si había un calendario de exames colgado ou non da páxina de Función Pública. Se non sabes pregúntalle a Rueda que o anunciou despois dun Consello da Xunta de Galiza.

Pero é que ademais, como podes supoñer, sra. Directora, o que lle interesa ao persoal non é si estivo, está ou estará un calendario, senón que ti CONFIRMES OU NON se os exames vanse celebrar nesas datas.

E se na reunión da mesa xeral non podes aportar datos o que terías que facer é ao día seguinte confirmar a suspensión dos exames ou o seu mantemento, porque non facelo é rirse do persoal que está organizando a súa vida, pagando academias, detraendo horas da vida familiar para o estudo e facendo grandes esforzos para mellorar a súa situación profesional.

E se non sabes, pregunta.

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua

 

No DOG do 14/06/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2024 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Convocan as actividades de formación continua correspondentes ao segundo semestre do ano 2024 para o persoal ao servizo da Administración xeral autonómica de Galiza, da Administración institucional e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza que se detallan nos anexos desta resolución.

O prazo de presentación de solicitudes principiará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e rematará o día 25 de xuño de 2024.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.