Despois de ter realizado unha masiva concentración o mércores 27, as compañeiras e compañeiros que alí nos concentramos vemos como estes tres sindicatos sacan unha nota botándolle a culpa á CIG, no canto de botarlla á directora xeral, do que pretende facer creando unha incompatibilidade ficticia entre o concurso e as tomas de posesión da promoción interna.
Na Comisión de Persoal deste venres 29/05/2026 a directora insinuou que poderían dar destino á promoción interna do 2023, pero que o confirmarían o luns, e tamén adiou a información sobre as datas e prazos, prelacións, número de prazas, etc, para o luns.
E tamén comentou algo que nos sorprendeu: que se a promoción interna do 2020 e do 2023 escollían agora, entón as persoas desas promocións que collan posto no concurso, aínda que estea aberto ao subgrupo superior, van ter que optar por unha cousa ou outra.
Pensamos que isto podería ser un erro, unha chantaxe, e quixemos estudar a liña de acción á seguir para o luns, antes de pronunciarnos.
Pero hoxe sorprendeunos a demagoxia de CCOO, UGT e CSIF, que calan e, en vez de opoñerse a esta decisión da directora xeral, opóñense á CIG. En realidade están a opoñerse ás persoas das promocións internas e non buscan solución nin rebaten á administración.
Que fan para defender os intereses das persoas das dúas promocións internas?