Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 9 de xullo de 2026

Xuntanza con Emprego Público polos autos de extensión de efectos de sentenzas de destino definitivo

 

O venres 3 de xullo de 2026 tivemos unha xuntanza informativa coa directora xeral de Emprego Público na que deu unha serie de información a respecto dos autos de extensión de efectos de sentenzas de destino definitivo.

O 29 de abril a Xunta de Galiza recibiu o veredicto do Tribunal Supremo polo que desestimaba o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza contra tres sentenzas de autos de extensión de efectos.

A Xunta presentou recursos de casación contra todos os autos de extensión de efectos que foron saíndo pero, unha vez emitido este veredicto, o Tribunal Supremo estaos inadmitindo, polo que todos os autos adquiren firmeza e xeran xurisprudencia.

O 22 de maio tivo lugar unha xuntanza cos sindicatos para informar que lles ían enviar unha serie de comunicacións a todas as persoas que promovesen autos de extensión de efectos e que, dependendo da situación desas persoas, elaboraron diferentes modelos de comunicacións.

Tiñan un modelo para aquelas persoas que solicitasen medidas cautelares e xa estaban ocupando o posto con carácter definitivo por execución provisional do auto. A esas persoas o que lle indicaron nese modelo é que permanecerían nese posto no que xa tiñan unha resolución de adxudicación e que, por tanto, non as convocarían para a elección de destino.

Despois había outras solicitudes con autos que non estaban executados de forma provisional ou incluso que aínda non tiñan auto porque estaban suspendidas polo TSXG mentres non se pronunciase o Tribunal Supremo. Agora que o Tribunal Supremo se pronunciou, os autos das solicitudes de extensión de sentenza adquiriron firmeza e xa lles están chegando ás persoas afectadas, que xa poden instar a súa execución á Xunta de Galiza. Para todas estas persoas, segundo a súa situación, Emprego Público elaborou dous modelos:

mércores, 8 de xullo de 2026

A crueldade da DXEP nos actos de elección de destino e RPT da Aturga


Na Comisión de Persoal do pasado venres o único punto da orde do día foi a modificación da RPT da Axencia de Turismo de Galiza (Aturga), na que non se tivo en conta ningunha das alegacións feitas pola CIG na mesa sectorial de persoal funcionario ante a D.X. de Emprego Público e onde a súa directora rabenou a negociación previa dos sindicatos coa Axencia na cal se conseguira a posibilidade de incremento do complemento especifico dos dous postos de técnicos/as de cociña polo cambio substancial de horario. Ante iso, o voto da CG foi en contra desta modificación.

Na rolda de intervencións recordamos que o día anterior rexistramos un escrito dirixido á DXEP no que expresamos o noso total desacordo coa retirada para os vindeiros actos de elección de destino de postos que xa pasaron polos concursos de traslados. Pedimos transparencia nestes procesos e esiximos unha explicación de por que actúan como actúan, así como polos criterios de elaboración das listaxes de postos para os diferentes actos de elección de destino.

Cando o normal sería que esas listaxes estivesen conformadas cos postos que non se adxudicaron no concurso de traslados, o que nos atopamos son listaxes nas que desaparecen postos sen argumento ningún, tendo que facer investigacións e suposicións do que sucede, xa que recibimos multitude de chamadas de parte do persoal notificando que faltan postos, en moitos casos en centros periféricos, co que supón isto nun acto de elección de destino tan masificado. Mentres, o que si inclúen son postos que non pasaron previamente polo concurso de traslados.

As respostas da directora xeral resultan abraiantes, tanto como a súa actitude non negociadora, xa que o que nos veu dicir en repetidas ocasións no transcurso da xuntanza é que a única obriga que ten é a de ofrecer tantos postos como persoas aprobadas. Que simpática! Sen máis explicacións nin argumentos sólidos, resulta cruel a súa negativa a incluir todos os postos vacantes, como sempre esiximos dende a CIG, condenando o persoal a ter que desprazarse ao longo da xeografía galega en busca dun destino definitivo.

Tamén insistiu en que as listaxes de postos que figuran na web de Emprego Público son totalmente informativos, que os postos que van para o acto de elección de destino son "cousa" da Dirección Xeral de Emprego Público, co cal "non se retira nada" e que a directora creou esas listaxes como considerou oportuno. Tal cual.

O totum revolutum de Emprego Público: a nova receita do caos nas eleccións de destino


Hai días nos que un pensa que a capacidade de Emprego Público para sorprendernos chegou ao límite, pero despois supérase. Vaia cristo formaron! Se o obxectivo era xerar o caos absoluto e cabrear a todo o persoal, temos que darlles un aplauso. Conseguírono.

Non sabemos moi ben quen está aos mandos da cociña en San Caetano, pero decidiron que a mellor forma de xestionar os recursos humanos era facer unha boa queimada administrativa: todo para dentro, que arda, e que Deus reparta sorte.

Cunha falta de respecto total e absoluta para os que levamos anos traballando aquí, meteron nunha barafunda monumental a todo o mundo. Dá igual a túa categoría, a túa traxectoria ou o teu esforzo. Na pota de Emprego Público entrou por igual o persoal dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e mais a agrupación profesional de persoal funcionario subalterno da Administración xeral.

Todos xuntos e revoltos, sen orde nin concerto. Procesos cruzados onde mesturaron sen pudor o acceso libre, a promoción interna (esa grande esquecida á que agora lle dan a estocada final), os procesos de funcionarización e como o ingrediente estrela, para que a mestura fose aínda máis explosiva, sumáronlle as prazas de estabilización da Lei 20/2021.