Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 21 de outubro de 2024

Lotería de nadal CIG 2024

Temos á vosa disposición a lotería de Nadal da CIG para o sorteo do vindeiro nadal (22/12/24).  Xogamos o mesmo número que anos anteriores, e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Os puntos de venda están no local da CIG en San Caetano, soto de Educación, teléfono 981 545 909.

E no local da CIG en San Lázaro, baixo da Consellaría de Promoción do Emprego, teléfono 981 546 999.

Ante as desilusión que nos dan cada día os responsable da Xunta (procesos selectivos eternos, concurso eterno, comisións de servizo sine die, promocións internas eternas...) a ver se podemos darnos unha alegría.

xoves, 17 de outubro de 2024

Concursos de traslados e procesos selectivos... seguen traballando (sic)!

 

Nas mesas xerais que se celebraron estes días insistimos no que preguntamos na anterior Comisión de Persoal do 19/09/24: cal é a situación de TODOS os concursos de traslados convocados (listados provisionais de admitidos, elección de postos, toma de posesión), e dos NON CONVOCADOS (cando pensan comezar as negociacións, cando convocan, etc...)?

Facemos constar que neste momento hai convocados 6 concursos e queremos coñecer en que estado están:

F0424 - CONCURSO DE ADMINISTRACIÓN XERAL 2024.
F0324 - ESCALAS DE ENXEÑARÍAS, ARQUITECTURAS, CIENCIAS.
F0224 - INSPECCIÓN E AXENTES INSPECCIÓN DE CONSUMO.
F0124 - CONCURSO DE GARDACOSTAS 2024.
F0223 - ESCALAS SERVIZO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS.
F0123 - AXENTES AMBIENTAIS/FORESTAIS.

Non acabamos de entender por que non se convoca o resto tendo en conta que en moitos deles o número de efectivos que vai concursar é mínimo, poñemos por exemplo a escala de arqueoloxía onde ademais o anterior concurso se convocou dentro do de especiais.

De telos convocados e resoltos “sobre o papel” xa se tería avanzado para no momento de finalización de procesos selectivos e promocións internas, facer todas as tomas de posesión simultáneas.

Están traballando neles.

Están traballando coas consellerías o asunto dos concursos específicos.A directora xeral comenta que están traballando nas listas definitivas de algúns como por exemplo o de administración xeral. E aí remata a explicación.

Procesos selectivos

Informacións das mesas xerais: carreira profesional, lactación, Illas Atlánticas, trienios, etc.


MODIFICACIÓNS DO DECRETO 151/2022 DE MOBILIDADE DO PERSOAL FUNCIONARIO DE CARREIRA

A maiores da aberración na que finalmente deron marcha atrás en relación á medida a prol dos homes, manteñen estas outras outras:

1. Modifican o artigo 15.2 para que as persoas das comisións de valoración dos concursos ordinarios non teñan que pertencer ao corpo ou escala do concurso de que se trate senón simplemente a un grupo de titulación igual ou superior ao esixido nos postos convocados. Isto débese a que en escalas con pouco persoal e onde pode concursar un grande número de efectivos pode haber problemas para constituír as comisións.

2. Outra modificación é a dos puntos 3 e 4 do artigo 38 relativa á obriga das persoas a dispor ou adscritos provisionalmente de solicitar determinados postos nos concursos ordinarios, onde suprimen a opción de facelo a unha das grandes cidades, por a elección da localidade do posto ao que estea adscrito provisionalmente a persoa funcionaria. Argumentan que ás veces é difícil en determinadas escalas dar postos definitivos nalgunhas localidades.

Neste punto observamos aspectos positivos pero tamén o perigo de que se poida utilizar, en prexuízo das demais persoas concursante, ao poder adscribir a unha persoa á localidade onde pretenda concursar.

Evidentemente opoñémonos a que unha modificación deste calado se leve a cabo querendo despachar este asunto enviando a documentación horas antes para que non poidamos estudala.

ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS

Entrou VOX na Xunta?. A deriva ideolóxica en materia de Emprego Público

 

Na produtiva mesa xeral do día 15/10/2024 agromaron unha serie modificacións normativas que parecen ditadas pola ultradereita unhas e pola facción da boina outras, pero todas cunhas marcadas connotacións ideolóxicas e políticas.

Os homes por riba, por suposto...

En algo tan sinxelo como unha modificación do Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira relativa ás comisións de valoración dos concursos ordinarios introducen unha CLÁUSULA IDEOLÓXICA, que parece sacada dun texto de VOX: aplicar unha medida de discriminación positiva A FAVOR DOS HOMES, no sentido inverso ao que se establece na normativa en materia de igualdade utilizando medidas de acción positiva no sentido contrario. Non sabemos de onde saíu ese texto ou quen lle intentou colar este catecismo á DXEP.

O caso é que despois de que puxéramos de relevancia tal asunto e de que lles fixéramos ver que incluso iría contra a normativa de igualdade, a directora xeral reflexionou e finalmente retirou esa modificación.

¡FUERA GALLEGO!

Coa desculpa da falta de persoal en determinadas escalas e categorías, traen a mesa outro punto ditado por VOX. Propoñen eximir do coñecemento de lingua galega ao persoal de determinadas categorías sanitarias. Queren dar a entender que van ter que recorrer a persoas doutras comunidades, países ou estados, ante a insuficiencia de persoal sanitario na Xunta de Galiza. Facémoslle notar que isto se debe entre outros factores, a que unha parte importante de persoal que se formou neste país ESTÁ FORA, noutras comunidades e noutros países en condicións mellores. E que incluso o persoal propio marcha para o SERGAS en canto pode. Así que a cuestión non é que non haxa persoal formado en Galiza, senón que determinadas políticas teñen determinados efectos.

venres, 11 de outubro de 2024

Até cando imos sufrir a ineptitude da directora da EGAP?

   

O sindicato presenta máis de 30 demandas e reclamacións sobre a xestión da EGAP e 285 propostas de cursos recadadas de entre as traballadoras e os traballadores, afiliación e persoas delegadas do sindicato, ante a ausencia de oferta formativa para moito persoal e diante da diferenza abismal entre a oferta e a demanda en formación como a linguaxe administrativa galega, a igualdade ou a formación do Marco Galego de Competencias Dixitais

Dende a CIG criticamos e denunciamos a falta de negociación para a planificación e deseño dun plan anual de formación e actividades para todo o persoal da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais que estea ben elaborado e estruturado, e que dea resposta ás necesidades de formación reais e actuais en todas as áreas temáticas, sen exclusións. En todo o proceso de elaboración do plan de formación o persoal e sindicatos non cortamos nin pinchamos, todo é decisión unilateral da directora da EGAP. Este proceso é moi sinxelo e básico, a diferenza do que fan outras escolas de administración pública, e consta destes 2 pasos:

1. Envío aos sindicatos dunha circular unha vez ao ano para recibir achegas nun prazo estipulado.                                          

2. Recepción das achegas dos sindicatos (a maioría ignoradas ano tras ano) e, sobre o esquema do plan de formación anterior, repetición da maioría das actividades e das mesmas persoas formadoras para o ano seguinte.  

A opacidade é absoluta á hora de decidir e deseñar ano tras ano os plans de formación en calquera aspecto que nos veña á cabeza, como calquera dos seguintes:    

luns, 7 de outubro de 2024

Erro 500---Erro da Xunta

 

Durante a semana pasada foi imposible acceder á moitos procesos selectivos da páxina de Función Pública.

Publicáronse varias resolucións e baremos provisionais e iso implica a existencia duns prazos que hai que respectar e polo tanto, para dar garantía plena aos interesados, deberíanse poder consultar durante todo o período de alegacións eses baremos. Incluso se poderían publicar con anterioridade pois nada o impide.

O día 04/10/2024 publícanse no DOG unhas resolucións relativas á baremación provisional de varios procesos selectivos de concurso da agrupación profesional de persoal funcionario e de varias categorías do grupo V que afecta a miles de persoas, pois son procesos masivos, e a páxina da un erro:

Error 500--Internal Server Error

Dende a CIG foi imposible contactar telefónicamente coa DXEP polo que nos puxémos en contacto a través de correo electrónico para que trate de solucionar este problema e habilite unha solución para canto antes.

mércores, 4 de setembro de 2024

Cambio das datas de exames e desculpas absurdas: cando a palabra da directora xeral vale CERO

 

Antes do verán tivemos novas sobre o aprazamento dos procesos de promoción interna e de libre, que nos obrigaron a esixirlle á directora xeral en varias ocasións aclaracións.

Despois de eludir o tema varias veces, respondeunos finalmente o 21 de xuño nunha comisión de persoal que “...se comprometían a poñer os medios necesarios para que se puidera cumprir o calendario anunciado.” Esta parecía a resposta correcta para non contradecir ao Presidente da Xunta que nunha nota de prensa anunciou as datas de exames de 22 procesos.

Pois ben, apenas mes e medio despois, Función Pública colga un novo calendario de exames no seu web, no que figuran cambios nos procesos de libre e promoción interna. No caso concreto da promoción interna de corpos xerais se apraza do 14 de decembro aos días 1 e 2 de febreiro de 2025. A maiores atopamos outras eivas como que no novo calendario poñen a data de exame de dous procesos da escala de veterinarios o mesmo día, cando se comprometeran a dar opción para que as persoas aspirantes puidesen concorrer ás dúas probas.

A desculpa de mal pagadora no caso da promoción interna a corpos xerais é que hai 21 persoas que están matriculadas na promoción interna e son á vez membros dos tribunais dos procesos de estabilización. Isto é de traca: na Xunta hai máis de 15.000 funcionarios e funcionarias de carreira e non se atreve a cesar a 21 membros dos tribunais e nomear outros 21?

Se non os/as atopa que non se preocupe, que lle facemos nós o traballo e buscámoslle 21 titulares e 21 suplentes se fai falta. Pero nos tememos que son desculpas e que realmente NON QUERE resolver o problema e acode á vía máis doada e cómoda para ela: adiar, que é o tradicional principio informador das políticas de persoal na Xunta.

Moitas/os compañeiras/os reservaron días e vacacións para o mes de outubro ou decidiron seguir matriculados/as en academias, ou simplemente organizaron a súa vida persoal en función das datas que esta directora xeral garantía.

Polo que podemos observar nesta dirección xeral cambian as persoas titulares pero arrástranse as mesmas políticas: cambian caras para que nada cambie.