Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 3 de outubro de 2016

OPE 2015: O TSXG dalle a razón á CIG e obriga á Xunta a que oferte o 50 % das prazas de persoal laboral por promoción interna

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de declarar a nulidade da Oferta de Emprego Público do ano 2015 (OEP-2015) logo do contencioso-administrativo presentado pola CIG en canto ás prazas de persoal laboral "por non incluír a previsión obrigada de reserva para promoción interna" dun mínimo do 50 % das vacantes ofertadas, tal e como recolle o convenio colectivo.

Lamentablemente esta sentencia xudicial chega tarde porque a Xunta de Galiza, sendo plenamente consciente de que aprobou a OEP de 2015 de xeito ilegal, nun intento chapuceiro de emendar o seu "erro", botou man da complacencia de CCOO, UGT e CSIF para asinar o 24 de febreiro de 2016 un acordo co voto en contra da CIG para modificar o convenio colectivo e de paso "saltarse" a reserva do 50 % das prazas ofertadas para a promoción interna do persoal laboral en seis postos da OEP de 2015.

Resolución do concurso de estatística

Publicado no DOG do 03/10/2016 a Resolución pola que se resolve o concurso para a provisión de postos da escala superior e técnica do corpo de estatísticos, convocado no DOG do 25/01/2016. 

O cesamento deberá efectuarse o día 4 de outubro. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes.

xoves, 29 de setembro de 2016

Flexibilidade e teletraballo afectados pola posesión/cese do concurso xeral

A Dirección Xeral de Función Pública ditou o 27 de setembro instrucións sobre tomas de posesión e cesamentos derivados do concurso de traslados para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galiza.

Esas instrucións inciden na continuidade do dereito a flexibilización ou teletraballo das persoas que concursen en canto que o dereito quedaría en suspenso até que no novo posto de traballo se resolva favorablemente, e xa que logo, transitoriamente se perdería o dereito.

Dado o prexuízo que podería causar a un importante número de funcionarios e funcionarias, a CIG contactou con Función Pública para solicitar unha aclaración das instrucións. 

Apertura de rexistros en sábados inhábiles

O artigo 30.2 da Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas establece no seu tratamento do cómputo dos prazos que se excluirán dese cómputo os sábados, domingos e festivos. Isto fai que exista unha diferenza coa Lei 30/1992 en que os sábados estaban considerados como días hábiles na contabilización de prazos.

A apertura dos rexistros públicos nos sábados, desde a data de entrada en vigor da nova lei, que será a partir do día 2 de outubro de 2016, perderá a utilidade que tiña até o momento en que era precisa a súa apertura para garantir a presentación de documentación dentro dos prazos previstos nas diferentes convocatorias.

martes, 27 de setembro de 2016

Concurso xeral: publicada a apertura do prazo posesorio

Tamén foron publicadas no web da Función Pública as instrucións detalladas para os diferentes casos de cesamentos e tomas de posesión.

Tal e como adiantábamos a semana pasada, hoxe 27 de setembro publicouse no DOG a resolución de Función Pública pola que se abre o prazo posesorio para os postos adxudicados no concurso xeral resolto no DOG do 27 de xullo.

O cesamento deberá efectuarse o luns 3 de outubro. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes.

venres, 23 de setembro de 2016

ÚLTIMA HORA: concurso e procesos selectivos

Oficialmente confirmaron que a primeira semana de outubro terán lugar os cesamentos e tomas de posesión do concurso de corpos xerais. Oficiosamente, xa está en boca de todo o mundo que será o luns 3 de outubro o día dos cesamentos masivos. A semana que vén, probablemente o 27, sairá publicado no DOG a correspondente norma de Función Pública que o instrumentalice. A ver se desta vai a vencida e non cambian de idea dependendo dos resultados do 25, que xa cansan.

Ficou no esquecemento ese concurso de persoal laboral que ían convocar antes das eleccións ou o concurso permanente que ían poñer en marcha todos estes anos atrás, xa non digamos un concurso de corpos especiais ou doutras escalas máis pequenas.

mércores, 21 de setembro de 2016

Tras 3 anos, entra en vigor a flexibilidade horaria os venres pola tarde

Ao fin, entrou en vigor a modificación da regulamentación da flexibilidade horaria que permite traballar os venres pola tarde para aqueles postos compatibles. Curiosamente, a modificación da orde publicouse no DOG un venres, 16 de setembro pero non entrou en vigor até o sábado; resultado: o venres, 23 é cando realmente entrará en funcionamento.

Casi 3 anos despois da implantación da flexibilidade horaria na Xunta, por fin é posible traballar (e que conte oficialmente) os venres pola tarde como o resto de tardes de luns a xoves; é dicir, ata as 18.30, en todo caso, ou 20.00h, se o centro permanece aberto.