Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 13 de marzo de 2014

Dependencia: primeiro despiden ao persoal e agora reparten horas extras

As unidades da Dependencia da Xunta teñen sen resolver expedientes dende o ano 2010 

Unha vez denunciado dende a Xunta de Persoal da Coruña, estes días vén de facelo tamén a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais. Este último órgano de representación, ademais, leva remitido varios escritos tanto as diferentes secretarías xerais como á Dirección Xeral da Función Pública pedindo datos sobre as horas extras autorizadas. A motivación desta última solicitude de información é que hai constancia de que están a utilizar as ditas horas extras en unidades onde se produciron recentes amortizacións e despedimentos, en maio do ano pasado.

Se ben non é exclusiva da Consellaría de Traballo e Benestar esta forma clientelar de repartir traballo (fainas habitualmente a Axencia Tributaria de Galicia), neste caso resulta moito máis escandaloso logo do proceso de amortización de prazas que se desenvolveu nesta consellaría aínda hai uns escasos dez meses. Nomeadamente, nas oficinas de Compostela, Ferrol e Vigo destruíronse daquela un total de 17 postos de traballo ocupados, na súa maioría, por asistentes sociais que acabaron engrosando a longa lista do paro do noso país.

Este tipo de xestión nunha área que ten unha grande incidencia na cidadanía obedece, visto o panorama, a unha malísima xestión por parte da consellaría deixando acumular expedientes dende o ano 2010. Unha consellaría que debería de fomentar o traballo no noso país, opta por repartir horas extras entre un pequeno círculo de persoal no canto de cubrir este traballo con persoal que está no paro, nas listas de substitución da Xunta, que non se moven porque así o decide o goberno autonómico, cando incluso a contratación deste persoal sairía moito máis rendible para as arcas públicas.

Esta forma de actuar por parte do departamento encabezado por Beatriz Mato, parécenos dunha incompetencia total e absoluta, ademais dun desprezo inmenso cara un dos sectores da poboación que máis axuda necesita. O desprezo é total cando falamos de que non se resolven nin as solicitudes nin os recursos, que se deixan nun caixón collendo po e que na maioría dos casos estamos falando de expedientes que se corresponden a persoas dependentes que xa faleceron sen que a Xunta lle recoñecese o grao de dependencia e a prestación que lles correspondía.

Lembramos, finalmente, que dende a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais xa temos denunciado noutras ocasións que a realización das horas extras amosa que a Xunta recada cartos de forma fraudulenta, ao cobrar unha taxa para inscribirse nunhas listas que logo non usa, e que logo emprega estes cartos para pagar horas extras ou asistencias técnicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario