En plena “racionalización do gasto
público do persoal propio”, ao Goberno da Xunta non se lle ocorre mellor
cousa que crear un posto de libre designación en Montevideo dos máis
caros. Para conseguir o crédito orzamentario amortizan 3 postos base
(conductor/a, telefonista e limpador/a) que se suman aos máis de 100
postos de traballo que xa eliminaron nunha recente reforma anterior (DOG 24/01/2014).
Por se fóra pouco, esta creación de
secretario/a de Delegación da Xunta no exterior únese ao xa existente en
Bos Aires e en ambos postos realizan a modificación substancial de permitir a súa cobertura por persoal funcionario dos concellos.
Curiosamente, mentres se eliminan postos
de traballo a eito na nosa terra, na memoria funcional presentada pola
Consellaría de Presidencia argumenta que se “fai imprescindible a creación do posto de Secretario/a da Delegación da Xunta en Montevideo”.
O perfil do posto deixa entrever que a
creación ten nomes e apelidos: un posto de libre designación que se abre
a persoal funcionario dos concellos no que se valora como mérito a
licenciatura en dereito e a experiencia en xestión económica, entre
outros. Porén, estes méritos non resultan ningunha limitación cando
estamos a falar dun posto que se cubre a dedo, o único requisito é ser
persoal funcionario de algunha Administración pública.
Esta manobra está na liña de política de
persoal levada a cabo polo Goberno actual da Xunta de Galiza que
amortiza postos que se cubren por criterios obxectivos e de niveis
inferiores e segue a manter (cando non aumentar) unha megaestrutura dos
postos que se cubren a dedo e que resultan máis caros. Deste xeito, e
baixo a xustificación de falta de persoal que desenvolva o traballo
diario, privatiza os servizos públicos que ata vai pouco eran realizados
por persoal propio. O que vemos que non privatiza son os postos “a
dedo” que en moitas ocasións utiliza con fins políticos, cando non, como
axencia de colocación.
Resulta inxustificable que nunha época
de brutais recortes sobre os servizos públicos e sobre os postos que os
fan posibles, veña agora o PP e atope 50.000€ ao ano para pagar un posto
de comisario político para captar votos no exterior. Esta cantado,
ademais, que este posto de “diplomático” vai para algunha persoa
politicamente afín que vai vir da Administración local.
*Custo anual do posto: 38.849,20 € brutos/ano (sen antigüidade) + 30% gastos sociais: 50.503,96€
Ningún comentario:
Publicar un comentario