Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

mércores, 3 de agosto de 2016

O Goberno en funcións e os concursos e oposicións en suspensión

Despexouse a incógnita e as eleccións autonómicas fican convocadas para o 25 de setembro segundo publica o DOG do 2 de agosto. Porén o  Goberno da Xunta non entrará en funcións ata depois dese día, cando se celebran as eleccións. Escoitánse moitos ruxe-ruxes de que agora vai quedar todo paralizado e mesmo que vai afectar a toma de posesión do concurso de traslados de corpos xerais que quedou adiado para despois do 15 de setembro segundo dixo o director xeral. Porén, na resolución publicada no DOG non se recolle ningunha data fixa nin sequera un miserábel "a partir de", o cal xa é a repanocha, como pouco, e andar xogando coas nosas vidas e os nosos dereitos. Será por non collerse os dedos.

En primeiro lugar, a Administración non nos ten comunicado ningún cambio no xa de por si lento transcorrer das cuestións que nos afectan como traballadoras e traballadoras públicas. Máis ben, todo o contrario, na última Mesa Xeral insisten en que a toma de posesión será en setembro (non antes do 15, probablemente na última semana). En segundo lugar, e consonte á lei, o que se lle prohibe ao Goberno cando entre en funcións, e salvo excepcións xustificadas, son, entre outras:  aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de persoal empregado público e aprobar ou modificar as relacións de postos de traballo do sector público autonómico. 

Así pois, non hai motivo legal para que durante un Goberno en funcións non se poida tomar posesión ou mesmo resolver un concurso ou un proceso selectivo. O que non se podería, sería convocar procesos selectivos, convocar libres designacións ou concursos de traslados. O que si vai caber é máis atraso aínda na convocatoria dos concursos de traslados pendentes (o de laborais grupo IV e V, do que falaban sería o seguinte) ou os procesos selectivos en fase de borrador como son o de Gardacostas ou Persoal Veterinario, se é que non se convocan antes do 25 de setembro.

Outra cuestión é como queden tralas eleccións os "cronogramas" e "acordos" feitos antes das eleccións, os novos escenarios macroeonómicos, os novos recortes e outras cuestións políticas. Outra cuestión tamén sería por que, despois de tantos anos, tardan tanto en convocar e resolver un concurso, por que os concursos non son permanentes ou por que desde a oferta de emprego público ata a convocatoria e posterior toma de posesión dun proceso selectivo poden pasar 8 anos. E isto, ademais, sen que se cumpra nunca un cronograma e sen que haxa nunca ningún tipo de asunción de responsabilidades, máis aló da que cada quen poida pedir a título patrimonial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario