Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

martes, 2 de agosto de 2016

Incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacantes

Nota da Sección sindical da CIG na Consellaría de Medio Ambiente na Coruña

Dende a CIG Administración denunciamos de novo o incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacantes, xerados por xubilacións, baixas, excedencias e, o máis escandaloso, a non cobertura de baixa por maternidade.

Na Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña levamos moito tempo reclamando a cobertura das baixas por maternidade, cousa que xa sucedeu en máis  Xefaturas Territoriais da Coruña.  Esta non cobertura supón que o incremento de expedientes do departamento de espazos naturais de medio ambiente teña que ser asumido polo resto de traballadores/as do departamento, provocando un considerable aumento de traballo e impedindo axilidade na tramitación dos mesmos.

Mais a maquinaria administrativa é tan sumamente lenta e inzada de trabas burocráticas que para cando resolven a cobertura xa non pode haber substitución por que está a titular de volta. Ata hai ben pouco a cobertura de baixas por maternidade era a única que estaba a administración  obrigada  a cubrir por Lei. A Xunta de Galiza ten regulación concreta para proceder á cobertura de estas baixas e non está a facer uso correcto da mesma.

Máis tendo en conta que as políticas de defensa e cobertura  da maternidade están a ser usadas como bandeira polo partido popular na Xunta de Galiza. Non pode ser que por unha banda o Presidente Feijoo resolva crear unha materia de Igualdade para desenvolver na ESO e educar neste valor aos nenos e nenas do País, cousa moi importante, pero que por outra banda non sexa quen de lograr, por falla absoluta de interese, un plano de Igualdade nos Servizos Públicos que sexa exemplo a seguir no resto da sociedade e mesmo no mundo empresarial, onde tantas eivas existen, tamén denunciadas dende esta central sindical en numerosas ocasións.

Mais a realidade demostra que nos Servizos Públicos as e os traballadores seguimos a ter serios problemas á hora de conciliar a vida familiar e laboral. Neste presente que nos toca vivir, ao que non é alleo o señor Presidente, non só temos fillos e fillas menores a cargo, senón tamén, por deficiencias serias nos Servizos Sociais temos a dependentes ou grandes dependentes na casa, casuísticas estas novas que demandan de políticos comprometidos, e non escapistas do mundo real, actual e dramático...

Non nos cabe ningunha dúbida de que Feijoo é un excelente propagandista que lava a face diante duns novos comicios deste xeito, sacando da manga medidas engaioladoras mais de compromiso irrealizábel. A Igualdade con maiúscula hai que demostrala cada día, de cada semana, de cada mes do ano e non con fume, senón con feitos.

Novas relacionadas: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario