Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

luns, 24 de outubro de 2016

Persoal interino, indefinicións, indemnizacións

A raíz de varias sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e de varios xulgados, estes días está a ter repercusión mediática unha serie de asuntos que afectan ao persoal que temporal ou interinamente desempeña postos de traballo nas Administracións Públicas.

En primeiro lugar facer constar que hai unha diferenza entre persoal laboral, por unha banda e persoal funcionario interino ou estatutario, por outra. Compre diferencialo porque no caso das indemnizacións por cese afectan ao persoal laboral temporal, e pode, de aí que animemos a presentar demandas, ao persoal funcionario interino.


E no caso da indefinición, esta xa estaba contemplada na normativa laboral para o persoal laboral pero non para o persoal funcionario interino, aínda que polo que se desprende das sentenzas e polo seu resultado, sería de escasa eficacia.

E a maiores de ter o foco mediático onde non se distinguen ben as distintas situacións, outro factor distorsionador como son as campañas dalgúns sindicatos para captar afiliación prometendo “reclamar a fixeza”, a “estabilidade no emprego” e “indemnizacións maiores que as que corresponden”, levan a moitos compañeiros/as a facerse unha idea errónea do que acontece.

Paso a paso:

1. INDEMNIZACIÓNS POR CESAMENTO

Derivado dalgunhas sentenzas do TXUE xurde a posibilidade de reclamar indemnizacións por cese do contrato laboral ou do nomeamento interino.

Non sabemos aínda como vai responder a Xustiza cando se comecen a presentar masivamente as demandas, nin si vai haber cambios normativos cando haxa goberno, polo que de entrada animamos a todo aquel persoal laboral temporal que teña cesado na súa relación laboral a que consulte a oportunidade de reclamar unha indemnización.

No caso do persoal funcionario interino dicimos o mesmo, coa cautela de que no caso de persoal laboral as indemnizacións están contempladas pero no caso de persoal funcionario non existe indemnización por cesamento da relación administrativa.

Preferimos explorar esta vía e por iso a nosa asesoría xurídica está a disposición de toda a afiliación para levar isto adiante.

2. INDEFINICIÓN

Primeiro aclarar que indefinición non significa fixeza como vemos que anda predicando algún sindicato e que ser declarado indefinido nunha Administración Pública ten os mesmos efectos que ser persoal temporal, ou por equivalencia interino. Un traballador ou traballadora é indefinida ata que a praza sexa cuberta polos procedementos regulamentarios de provisión de postos (concurso de traslados ou toma de posesión de persoal de novo ingreso).

O Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) só marca unha excepción aplicable á posibilidade de ter procesos de consolidación para os postos que estean cubertos temporal ou interinamente dende antes de 1 de xaneiro de 2005.

As prazas de persoal que foi declarado indefinido con posterioridade a 2005 saen a concurso de traslados e a tomas de posesión, polo tanto a garantía de permanecer no posto e a mesma que a do persoal laboral temporal ou a dos funcionarios interinos.

En relación a sentenza do TXUE onde se declara a un traballador estatutario como indefinido non fixo, e polo tanto sería aplicable ao persoal funcionario interino, estamos no caso de encadeamentos de contrato para o mesmo posto, máis propio do persoal estatutario do SERGAS que da Administración da Xunta de Galiza, onde non se dan estes casos senón  interinidades en prazas vacantes ou substitucións, e só no caso de acúmulos de tarefas que excedan o establecido legalmente se podería dar.

Tamén neste caso a nosa asesoría está a disposición de todos/as os/as afiliados/as para estudar cada caso e ver as posibilidades de reclamación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario