Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 5 de outubro de 2016

Actualización dos sistemas informáticos das Oficinas de Emprego

A CIG denuncia que non se migrase a unha plataforma de software libre, de acceso universal e cun mantemento e mellora que podería desenvolverse de xeito local cun custo máis reducido.


Neste sindicato temos recibido queixas das traballadoras e traballadores públicos pola obsolescencia dos sistemas informáticos das oficinas de emprego. Na CIG temos coñecemento de que a AMTEGA iniciou os traballos necesarios para a súa renovación xa a finais de 2015. O tempo pasa e parece que o tema non adianta moito. Puxémonos en contacto coa AMTEGA para saber a que era debido o atraso na implantación do novo sistema e para que nos explicasen como vai ser este plan de mellora da infraestrutura.

Dende a AMTEGA, coma noutras ocasións, non obtivemos resposta ningunha. Chegáronos rumores de que se vai actualizar o sistema, mantendo a arquitectura actual e o software privativo de pago de licenzas a Microsoft.

Ídevos preparando porque seica teñen previsto empezar a facer distintos tipos de probas e experimentos en contornas de produción, polo que as persoas usuarias dalgunhas das oficinas de emprego converteranse en "coelliños de indias".

Dende a CIG animamos a todo persoal das oficinas a que lles transmita as súas queixas ás direccións, á AMTEGA e ás organizacións sindicais, pola falta de información e participación do persoal. Ninguén se molestou en coñecer a opinión particular sobre a facilidade de uso do sistema.

A AMTEGA persiste en comprar produtos de código privativo de Microsoft. Dende a CIG  denunciamos que non se migrase a unha plataforma de software libre, de acceso universal e cun mantemento e mellora que podería desenvolverse de xeito local cun custo máis reducido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario