Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

mércores, 19 de outubro de 2016

A EGAP cobra polos cursos de formación ao persoal público

No DOG do 19 de outubro saen convocados dous cursos da EGAP destinados a persoal funcionario polos que hai que pagar: 100 € por un de procedemento administrativo e réxime xurídico do sector público e 350 € por un de transparencia. 

As empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza imos ter que pagar por formarnos para desenvolver mellor o noso traballo. A EGAP (en diante, “Escola Galega de Administración Privada”), quere facer caixa coa formación do persoal público.

No DOG do mércores 19 de outubro publicáronse as convocatorias de dous cursos da EGAP sobre asuntos de alta importancia para a prestación de servizo público. Sendo do interese da Administración formar ao seu persoal, sorprende que teñamos que pagar pola formación recibida.

O primeiro é o curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015 do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP). Son dúas leis piares do traballo administrativo e por tanto que todo o persoal das administracións teñen que coñecer. Destinado a persoal funcionario do grupo A1 e A2, así como persoal laboral dos grupos I e II, ten un prezo de 100 euros.

O segundo é o curso superior sobre transparencia, bo goberno e datos públicos, organizado conxuntamente pola EGAP, Valedor do Pobo e Consello de Contas de Galiza. Igual que o anterior vai tamén destinado a persoal funcionario A1 e A2, e laboral dos grupos I e II. Sorprende neste segundo curso ver como dous organismos como son o Valedor do Pobo e o Consello de Contas, supostamente vixiantes do bo funcionamento e dos excesos da Administración, van cobrar conxuntamente coa EGAP, 350 euros pola formación, cun desconto de 150 para o persoal da Administración Autonómica.

A CIG, oponse e rexeita que as traballadoras e traballadores teñamos que pagar a formación para dar un mellor servizo a cidadanía. A CIG considera que a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González, que está nestes momentos en funcións, non debe, non pode convocar este tipo de cursos, que xeran unha dobre discriminación entre empregados públicos: agora, en base á súa economía, e no futuro, se estes cursos fosen baremábeis nos concursos de traslados.

A CIG considera que é unha creba institucional dos principios básicos de formación do persoal público por parte da Xunta de Galicia, ao pretender cobrar por formar. Esiximos que retiren inmediatamente a matrícula destes dous cursos e que de agora en diante a EGAP comece a ser realmente aquelo para o que foi creado: unha verdadeira Escola Galega da Administración Pública e non un chiringuito para facer “caixa”.

1 comentario:

  1. Unha vergoña, o mercantilismo chega ata a formación dos funcionarios.

    ResponderEliminar