Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 31 de maio de 2018

Publicadas as axudas para os traballadores e familias monoparentais que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

O prazo de solicitude permanecerá aberto até o vindeiro 1 de xullo


No DOG deste 31 de maio saen publicadas as bases das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais (homes ou mulleres) que se acolleran a unha redución de xornada para o coidado das crianzas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

martes, 29 de maio de 2018

Máis de 300.000€ da Consellaría de Medio Rural en convenios de publicidade institucional

No DOG do 29 de maio publicáronse os convenios subscritos pola Consellaría de Medio Rural no primeiro cuadrimestre deste ano. 

Do total dos 19 convenios que aparecen, 11 son con diferentes empresas de comunicación privadas "para a realización de accións divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galicia." O custo de tales convenios para as arcas públicas é de 313.000,02€. A recordar cando vos digan que "non hai cartos para..." e a recordar cando vexades (ou non) determinadas novas ou determinados editoriais nestes medios.

Aberta a inscrición nun curso sobre as ferramentas Notifica.gal e Rexel

A EGAP vén de convocar no DOG, ao abeiro do convenio subscrito con Vicepresidencia e a Amtega, unha formación práctica nas principais novidades do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia (Notifica.gal) e da Recepción electrónica do Sistema Único de Rexistro (Rexel).

O curso está dirixido a persoal empregado público que preste servizo na Administración pública da comunidade autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, é de modalidade mixta (8h de teleformación e 4h presenciais a impartir 2h en dous días da mesma semana) e consta de 11 edicións, cuxas datas, horarios e lugares de celebración poden consultarse na resolución adxunta. Para cada edición hai un total de 25 prazas.

luns, 28 de maio de 2018

A VII Asemblea da CIG-Administración Autonómica elixe a Zeltia Burgos como responsábel nacional

Baixo o lema “Polos dereitos laborais e os servizos públicos. Pola dignidade na función pública”


O pasado sábado, día 26 de maio, tivo lugar a VII Asamblea Nacional do sector de Administración Autonómica da CIG, celebrada sob o lema “Polos dereitos laborais e os servizos públicos. Pola dignidade na función pública”. As e os delegados elixiron á nova dirección, a Zeltia Burgos como nova responsábel nacional e apostaron, tal e como reza o lema da asemblea, por sumar as forzas necesarias para enfrontar a loita pola recuperación dos dereitos roubados.

venres, 25 de maio de 2018

“A folga é a nosa moción de censura á situación de emerxencia laboral, social, política e institucional”

A CIG presentou hoxe a convocatoria no rexistro da Consellaría de Industria


A CIG rexistrou este venres, na consellaría de Economía, Emprego e Industria o preaviso de folga xeral para o 19 de xuño. O secretario xeral, Paulo Carril, asegurou que “é a nosa moción de censura” diante da situación de “emerxencia nacional” que estamos a vivir do punto de vista laboral, social, económico e político-institucional. Chamou á mobilización para recuperar os dereitos e derrogar as reformas que provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de explotación laboral que padece a clase traballadora e asegurou que “un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, senón, entendemos que o seu papel é inútil”.

xoves, 24 de maio de 2018

Os orzamentos do Estado prolongan as políticas de recortes que afogan a clase traballadora galega

Carril chama á folga xeral para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade e a perda de dereitos laborais e sociais


O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que os orzamentos do Estado o único que fan é prolongar as políticas de recortes que provocaron a precarización e cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega. “Non se axustan ás necesidades reais da maioría social galega nin da clase traballadora, que padece unha situación dramática”, afirma. Por iso reitera a necesidade de mobilizarse e ir a unha folga xeral “para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade, a sobreexplotación e a perda de dereitos”.

mércores, 23 de maio de 2018

Axentes forestais e ambientais mobilizaranse este xoves para reclamar un acordo que regule as condicións laborais

Convocan unha manifestación dende a Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas até a Xunta en Santiago


Os axentes medioambientais e forestais da Galiza mobilizaranse este xoves 24 en Santiago para reclamar un acordo que regule as condicións laborais e denunciar que a dirección xeral de Función Pública pretende aumentarlles as gardas, ampliándolles a xa excesiva xornada de traballo. As centrais CIG e UGT convocan unha manifestación que arrincará da Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas e rematará diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Razóns para a folga xeral: defender o sistema público para termos unhas pensións dignas hoxe e no futuro

Miles de persoas mobilízanse coa CIG para esixir derrogar as reformas de 2011 e 2013

martes, 22 de maio de 2018

O comité denuncia a vulneración do dereito de folga do persoal de Xustiza

Mantén a convocatoria de paro porque o conflito non está pechado.


Ante o abandono do comité de folga por parte de SPJ-USO, UGT e CCOO, esta mañá reuníanse a CUT, STAJ e a CIG para analizar a actual situación e tomar unha decisión ao respecto.

Dado que é o comité de folga o único órgano que pode convocar ou desconvocar a folga; que ás organizacións sindicais que o seguen conformando non lles consta nin asinada, nin publicada ningunha proposta ou Acordo, e ante a negación que está facendo a Xunta de Galiza, non só dos traballadores e traballadoras, senón tamén da maioría sindical decidiron, por unanimidade:

venres, 18 de maio de 2018

Mobilizacións en toda Galiza en demanda de pensións dignas

O martes día 22 de maio, en numerosas cidades e vilas do país. En Santiago, na praza do Toural ás 20h.


A CIG ten convocadas mobilizacións, para o vindeiro martes día 22 de maio, en 18 cidades e vilas galegas en demanda de emprego, salarios e pensións dignas. A central sindical exixe un sistema público de pensións que garanta que se cobren hoxe, mais tamén no futuro. Por iso, entre outras cuestións, convoca Folga Xeral para o vindeiro 19 de xuño, entendendo que é “a arma máis poderosa que temos para defender as pensións públicas” e os dereitos roubados da clase traballadora galega.

mércores, 16 de maio de 2018

Resumo da Comisión de Persoal do 15/05/2018: homologación retributiva

Na Comisión de Persoal do 15 de maio tratáronse os seguintes temas: RPT da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, condicións laborais do persoal de supervisión e seguimento da Formación Profesional para o Emprego, convocatorias dos procesos selectivos de enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal e equiparación retributiva do persoal de Administración xeral.

Discriminación nas baixas laborais do persoal de MUFACE na Xunta

No caso que vos imos contar a continuación hai persoal da Xunta que tamén está afectado. Até o de agora, obrigou a moita xente, maioritariamente de Ensino a acudir á Xustiza a recuperar os cartos. Despois de instar en varias ocasións a cumprir a legalidade, a Xunta segue a marear a perdiz. O tema é moi parecido ao da paga extra do 2013 en tanto en canto obrigou a unhas cantas persoas valientes a empapelar os xulgados para que ao final cobrara todo o mundo...

Listaxe provisional de admisión na escola infantil de Vite para fillas e fillos do persoal dos SSCC da Xunta

O pasado 15 de maio reuniuse a comisión de avaliación das solicitudes recibidas para a Escola Infantil de Vite, de conformidade coa RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2018 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2018/19. (DOG 13/04/2018).

Tal e como establece o artigo 10 da dita resolución, a Xunta de Persoal estivo representada nesta comisión. De Servizos Centrais houbo tan só 14 solicitudes e as 14 se aceptaron. Como curiosidade, non houbo nengunha solitide de 0-1 ano, tamén decir que hai 10 nenas e 4 nenos. En reserva para Servizos Centrais quedan para o grupo de 0-1 tres prazas. Para o grupo de 1-2 unha praza e para o grupo de 2-3 unha praza.

martes, 15 de maio de 2018

Contentración San Caetano 16 de maio 11h- contra os recortes nas prestacións asistencias e por desemprego

A CIG convoca unha concentración o día 16 de maio ás 11:00 h. diante da Consellaría de Presidencia (edificio admnistrativo da Xunta en San Caetano) contra os recortes nos subsidios e prestacións por desemprego que pretende levar a cabo o PP, unificando as axudas do PAE, do Plan PREPARA e da Renda Activa de Inserción.

Facemos un chamamento de unidade de clase traballadora ao persoal público da Xunta a secundar esta mobilización en contra dun novo recorte nas prestacións asistencias e por desemprego.

luns, 14 de maio de 2018

Manifestación Nacional pola Lingua. En galego día a día. 17 de maio, 12h, Alameda de Santiago

A Plataforma Queremos Galego, da que a CIG forma parte, reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva. Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos. Este día a día que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.

É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas que tiña que exercer a Xunta de Galiza e coa mobilización diaria consegue avances. Grazas ao activismo social, o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra da forza do pobo galego, mais tamén de todo o que falta por avanzar.

É o pobo galego quen mantén a lingua viva, es ti, no día a día, quen pode conseguir a normalidade para a lingua galega. Este 17 de maio vémonos ás 12h, na entrada da Alameda de Compostela.

martes, 8 de maio de 2018

A EGAP conmemorará o Día das Letras Galegas cun acto literario, unha mostra de arte e unha viaxe cultural

A Escola Galega de Administración Pública unirase á celebración do 17 de maio a véspera cunha conferencia impartida por Fina Casalderrey en relación coa vida e a obra de María Victoria Moreno Márquez. Acompañaraa o músico Emilio Rúa, quen interpretará dúas composicións propias baseadas nos textos da autora protagonista da efeméride.

Este acto literario desenvolverase o 16 de maio ás 12.00 h no salón de actos da Escola, e ao seu remate inaugurarase no mesmo lugar a Mostra de Arte das Letras Galegas, integrada por creacións artísticas de traballadores/as da Administración autonómica. A exposición manterase aberta ata o 15 de xuño.

venres, 4 de maio de 2018

Convocadas concentracións en apoio ao persoal de Xustiza en folga: 7 de maio diante edificios administrativos da Xunta

O luns día 7 de maio ás 11:00 h diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo


A CIG-Administración, xunto cos sindicatos de Xustiza que se manteñen no comité de folga, convoca concentracións do sector de autonómica para o vindeiro luns día 7 de maio, ás 11:00 horas, diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, en solidariedade cos compañeiros e compañeiras de xustiza. Nas mobilizacións, que coinciden co día no que se cumprirán os 3 meses de folga -90 días-, demandarán da Xunta de Galiza a negociación final do seu acordo retributivo, para que se poña fin ao conflito.