Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 31 de maio de 2018

Publicadas as axudas para os traballadores e familias monoparentais que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

O prazo de solicitude permanecerá aberto até o vindeiro 1 de xullo


No DOG deste 31 de maio saen publicadas as bases das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais (homes ou mulleres) que se acolleran a unha redución de xornada para o coidado das crianzas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, homes ou familias monoparentais (homes ou mulleres) que, entre o 1 de xuño de 2017 e o 30 de xuño de 2018 inclusive, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos (ou menores de 12 anos no suposto de que padezan unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%).

No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos.

O prazo para solicitar as axudas remata o 1 de xullo de 2018.

Requisitos e condicións


Entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións:

a) ter empadronamento en Galiza, polo menos cun ano de antelación ao inicio do período subvencionado;
b) convivir coa filla ou fillo;
c) de ser o caso, a persoa cónxuxe ou parella debe estar traballando;
d) ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido (2016).

Contía das axudas


A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de 12 anos, nun abano que vai desde 1.700 € e ata 3.700 €. Cando a xornada se realice a tempo parcial, ou cando o período subvencionábel sexa inferior ao máximo (8 meses), as contías das axudas reduciranse proporcionalmente.

Podes consultar a orde completa das axudas nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario