Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 3 de maio de 2021

Milleiros de persoas toman as rúas de Galiza convocadas pola CIG para conmemorar o Primeiro de Maio

O pasado 1º de Maio recuperamos a celebración desta importante xornada reivindicativa con 16 mobilizacións en todas as comarcas do noso país.

Unha vez máis puidemos comprobar o maltrato e o silenciamento que a CIG recibe na información publicada desta xornada por practicamente todos os medios de comunicación, comezando polos que son de titularidade pública e seguindo polos que son millonariamente subvencionados con diñeiro público.

A necesidade de termos medios propios, galegos, maniféstase como unha necesidade cada vez máis urxente para rachar o bloqueo da información sobre o mundo do traballo e sobre o que sucede no noso país, Galiza

A reducida presenza da CIG nas crónicas e fotos desta xornada, a información centrada nas manifestacións de Madrid e da presenza de cargos do Goberno español nas mesmas, evidencia dúas graves realidades perfectamente relacionadas e que temos que denunciar:

A primeira, os continuos intentos de negar a existencia de Galiza e da nosa propia realidade nacional, que ten vida e dinámicas propias, presentando o que sucede como un feito moi español e se algo existe propiamente como galego, infravalorándoo ou facendo caricatura e burla. Feito que se é permanente para o que sucede en Galiza, especialmente evidente resulta cando se refire ao sindicalismo nacionalista.

A segunda, a CIG e o que representa, é ocultado, terxiversado e manipulado porque se negan cada vez máis a recoñecer que somos a primeira Central Sindical en número de delegados e delegadas, en afiliación e en mobilización social.

Somos, sen dúbida, a primeira organización sindical social e non o soportan. O poder económico e o poder político están a endurecer a súa ofensiva para que a CIG non siga avanzando, para que as nosas alternativas non se poidan levar adiante.

Esta situación non é nova, pero dáse nun momento moi crítico para a clase traballadora galega e para o pobo galego, no que está en xogo o noso futuro e no que conquistar políticas alternativas para facer realidade o lema do 1º de Maio deste ano,

SAÍDA GALEGA XUSTA FRONTE A CRISE, é imprescindíbel.

En calquera caso, non nos van calar nin parar, porque o noso medre é imparábel e o noso grande reto colectivo está en consolidar e ampliar esta maioría sindical, en ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase, de sermos combativas/os e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e no obxectivo estratéxico que temos na CIG da conquista dunha Galiza ceibe e sen explotación.

Ler máis

Ningún comentario:

Publicar un comentario