O pasado 9 de xuño celebrouse o Día internacional dos arquivos e en todo o mundo as institucións arquivísticas celébrano con “días de portas abertas”, conferencias, presentación de libros e multitude de actos de difusión.
Na Xunta de Galiza tamén se fan, como non podía ser de outro xeito, actividades especiais de divulgación sobre todo nos arquivos históricos.
Pero que pasa cos arquivos administrativos? Cos que gardan o patrimonio documental dos últimos 35 anos de Galiza e que coincide basicamente co patrimonio documental da Administración galega?
O parlamento galego aprobou en 2014 a Lei de arquivos e documentos de Galiza que incidía na posta en marcha da rede de arquivos administrativos da Xunta de Galiza e obrigaba a elaborar un Plan de Arquivos no prazo de un ano, plan que ía detectar as deficiencias e problemáticas do sistema e poñerlle remedio.
Está feito o Plan no 2022? NON.
Isto supón que:
• De todas as consellerías da Xunta só en dúas hai agora persoal técnico cualificado xestionando a súa documentación. (áreas de Cultura e Industria).
• Non están creadas nas relacións de postos de traballo as unidades de arquivo central como órgano administrativo.
• As delegacións territoriais da Coruña e Ourense non teñen creado o seu arquivo territorial polo que acumulan a documentación totalmente descontrolada.
• As prazas existentes que están vacantes non se cubren en anos. (Por exemplo a única praza de Técnico superior do Arquivo Histórico de Pontevedra leva 6 anos vacante).
• As consellerías non teñen quen organice e planifique as transferencias documentais, coa saturación documental das oficinas, depósitos descontrolados, perdas e eliminación descontroladas, buscas eternas de documentación, etc.
Por iso dende a CiG levamos anos reclamando que en todas as modificacións de RPTs se inclúa a creación do arquivo central en cada consellería e se dote de persoal técnico axeitado.
Pero para identificar as verdadeiras necesidades fai falta o famoso Plan de Arquivos que por desidia ou incompetencia segue sen elaborarse.
Menos celebración e máis xestión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario