Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 2 de xuño de 2022

RPT da área de Cultura: aprobada en Comisión de Persoal

 Aprobada en Comisión de Persoal  a creación de prazas de persoal arqueólogo e arquitecto.

Na Comisión de Persoal  do pasado 24 de Maio aprobouse definitivamente esta reforma de RPT.

Por mor da firmeza da sentenza xudicial do TSXG gañada pola CIG, a Xunta veuse obrigada a modificar a RPT da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e crear as prazas como estruturais. Porén unicamente crean 14 prazas das 17 que había en Tragsatec, e iso que as de Tragsatec só estaban en Pontevedra e servizos centrais e agora van cubrir todo o territorio, repartindo nas direccións xerais e nas catro xefaturas territoriais.

Con todo, na CIG Autonómica consideramos claramente insuficiente porque unicamente crean 8 na escala de arquitectura e 6 na de arqueoloxía que van desenvolver as tarefas de inspección informe e autorización materia de patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico…para calquera obra ou actuación que supoña un impacto ou estea en solo ou condicións de protección.

Non van en correspondencia coas escalas

As prazas creadas non van en correspondencia coas escalas, situándoas nun nivel base de corpos xerais (N20), co que o nivel e o salario vai ser moito menor que os dos seus compañeiros e compañeiras de titulación na consellería e que non se corresponde coa responsabilidade dos postos que van exercer. Todo un disparate. En números globais esta contratación supón un aforro anual de máis de 30.000 euros en comparación ao custo da encomenda con TRAGSATEC. Se o aforro é tan evidente, por que teiman en crealas en postos base?”.

Na CIG-Autonómica opoñémonos ademais á proposta de localización das prazas na RPT porque non se tivo en conta a carga de traballo nin a distribución orixinal das prazas ocupadas por persoas interinas (e que foron despedidas) antes da externalización e privatización de traballo no 2018.

Cese da Directora Xeral

Reiteramos a nosa exixencia de cese inmediato da Directora Xeral de Patrimonio, persoa responsábel directa da execución das encomendas sucesivas a TRAGSATEC de funcións que só podían ser desempeñadas por persoal funcionario.

Tras o inmenso traballo de recompilación, argumentación e denuncia, a Xustiza deulle a razón á CIG cunha sentenza histórica que anula as encomendas e que deu como resultado a creación de prazas estruturais, servindo ao tempo de aviso a navegantes para moitas outras externalizacións. Porén, a victoria xudicial vese deslucida porque as prazas estruturais creadas resultan insuficientes, o que incide na precarización do emprego público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario