A CIG-Área Pública vén de dirixirse por escrito á ministra de Facenda e Función Pública para exixir á convocatoria inmediata da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas co obxectivo de iniciar canto antes a negociación das medidas de recuperación dos salarios e dos dereitos do persoal empregado público que debe conter o Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2023.
A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) rexeita que o Goberno español pretenda puentear a Mesa Xeral (na que están presentes as centrais sindicais máis representativas no ámbito da función pública) ao convocar unha reunión só con tres sindicatos (CCOO, UGT e CSIF) para abordar e pactar unha suba salarial que afecta a todo o persoal empregado público.
Se o Goberno ten interese en facer unha rolda previa de contactos, a Área Pública da CIG reclama non ser excluída e que, na súa calidade de sindicato máis representativo, sexa tamén convocada á reunión do próximo mércores para explicar as súas propostas.
Marco legal de negociación
En todo caso, lembra que o ámbito legal de negociación das condicións laborais e económicas dos traballadores e das traballadoras ao servizo das Administracións é a Mesa Xeral. Que o Goberno español pretenda chegar a acordos fóra deste marco, contando só cunha parte da representación sindical, furta o dereito fundamental de participación das miles de empregadas e empregados públicos galegos que escolleron á CIG como sindicato de referencia.