Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 31 de outubro de 2023

Asembleas: concursos de traslados, promoción interna e 35 horas

 

A CIG está farta de tratar estes asuntos en interminábeis mesas de negociación onde case nunca nada da froitos. E como a nosa tradición é mobilizadora, cremos que as persoas empregadas públicas temos que comezar a movernos e demandar que o dereito a poder concursar, promocionar ou a ter horarios racionais SI ten cabida na Administración autonómica.

Por iso convidámoste a participar nas asembleas informativas que organizaremos sobre os concursos de traslados, sobre a promoción interna non convocada e sobre a demanda de redución da xornada laboral.

  • Compostela (San Caetano): mércores 8/11/23, ás 11h, salón de actos 2 - San Caetano
  • Compostela (San Lázaro): venres 10/11/23, ás 11h, salón de actos - Sanidade

A Xunta convoca parte da promoción interna: mobilizarse SI vale

 

Despois de ter anunciado mobilizacións PARA ESTE XOVES DIA 2 diante de San Caetano, e de realizar as primeiras asembleas en Vigo, Pontevedra e Ourense, a Xunta accede a convocar parte da promoción interna das ofertas de emprego de 2020, 2021 obviando sumar a do 2022.

Un total de 585 prazas das ofertas de dous anos que hoxe aínda estaban sen convocar e das que adiaba dar resposta. A Xunta de Rueda esta xogando coas expectativas, o tempo e os cartos do persoal que estaba mes a mes pagando academias e estudando sen un horizonte claro.

Pero para a CIG, non é suficiente. Unha vez posta en marcha a maquinaria, non hai ningún esforzo adicional en convocar as prazas das tres OEP´s no canto de convocar só as de 2020 e 2021. E esiximos que non se limiten só ás promocións internas de corpos xerais e que convoquen a das escalas e corpos especiais separadas.

En relación ás bases, dende a CIG queremos facer fincapé na necesidade de cambio do modelo de promoción, especialmente grave no caso do acceso ao corpo auxiliar (subgrupo C2), pois demóstrase o actual como un fracaso.

En pleno 2023 non podemos admitir que sexa máis doado aprobar unha oposición dende fora que dende dentro da casa.

martes, 24 de outubro de 2023

MANIFESTO DE APOIO A INSPECCIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS

 


Na reunión da Comisión Permanente desta Xunta de Persoal de Servizos Centrais do día 19 de outubro de 2023, aprobouse o seguinte manifesto:


Coñecedores da apertura de actuacións previas a varios compañeiros/as, inspectores/as de servizos sociais polas denuncias feitas pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais, ante o presunto malfacer da Consellería de Política Social e Xuventude na inspección de centros residenciais, temos que  manifestar o seguinte:


A nosa oposición a calquer tipo de obstáculo ou represalia que impida que os inspectores/as de Servizos Sociais fagan o seu traballo conforme   establece a Lei, coas garantías que lles da a normativa vixente e a independencia que teñen que ter no desempeño das súas funcións.


Reiterar que si a Consellaría de Política Social persiste en abrir expedientes aos traballadores/as públicos, por desempeñar as súas funcións como persoal funcionario independente e  garante dos servizos sociais  terán a esta Xunta de Persoal enfronte, defendendo sempre a legalidade vixente. A Xunta de Galicia non pode confundir o dereito que teñen as asociacións profesionais a opinar, publicar, difundir e incluso denunciar as irregularidades que atopen nas accións da Consellería de Política social, coas actividades laborais do persoal de inspección de Servizos Sociais.


Lamentamos tamén o pouco apoio ante as súas denuncias  por parte dos seus superiores xerárquicos.


Esta Xunta de Persoal de SSCC sempre defenderá os Servizos Públicos. Entendemos que os Servizos Sociais son unha pata máis do sistema de benestar que todos os galegos deberíamos gozar, sendo a inspección de Servizos Sociais o garante de que estes funcionen correctamente.

A todos os efectos, asino en Santiago de Compostela a 19 de outubro de 2023.


O presidente da Xunta de Persoal de SSCC

xoves, 19 de outubro de 2023

35 horas para todo o persoal, XA!

 

A Xunta do PP convocounos para unha Mesa Xeral de Empregados Públicos "exprés" para o luns 16 para pasar o preceptivo trámite legal de varias adaptacións da Lei de Emprego Público galega polo avance da normativa básica estatal e impoñer cuestións de ultima hora que vulneran os dereitos dos empregados públicos, como sempre.

E, desta forma un ano máis modifica a Lei de emprego aproveitando a Lei de medidas que acompaña aos orzamentos sen afrontar unha negociación seria que sirva para mellorar as condicións laborais do persoal empregado público.

Máis a CIG non se cala e reitera as súas propostas!

  • 35 horas semanais para todo o persoal empregado público XA! Lembramos que hoxe estamos a traballar un mínimo de 120h anuais de máis que noutras administracións.

  • Concursos de traslados PERMANENTES

  • Promocións internas ANUAIS

  • Bolsa de horas positiva coa posibilidade de traballar 4 días/semana.

  • Recuperar os dereitos roubados no 2012 polo que se debe derrogar os recortes do Fondo de Acción Social, voltar as compensacións do V Convenio, o 100% das pagas extraordinarias, ampliación dos días de asuntos particulares aos 9, etc.

  • Rematar coa rebaixa profesional e activar dunha vez o grupo B previsto na LEPG e no EBEP.

  • Introducir na lei de emprego o novo permiso parental de 8 semanas (non retribuído) previsto na normativa básica estatal para todos os traballadores/as e adaptar adecuadamente o resto dos permisos que propón a normativa básica como os cómputos dos permisos en días hábiles de traballo, inicio dos permisos en días non feriados.

ÚLTIMA HORA!

Concursos de traslados: sin horizonte temporal claro, e coas comisións de servizo por medio

 

Aparentemente, nos seguintes meses teremos a convocatoria de tres concursos (primeiro incendios, despois escalas sociais, seguido do resto de administración especial). Do resto (corpos xerais e demáis escalas), o DXFP non se compromete. Mentres, teiman en manter a valoración das comisións de servizo no baremo de traballo desenvolvido.

Despois de varias xuntanzas e escritos de alegacións, e catro borradores do concurso de traslados de Administración especial, que servirá de modelo para todos os concursos, a CIG e a Dirección Xeral de Función Pública mantemos numerosas diferenzas. Aquí, queremos destacar dúas cuestións:

Concurso de traslados para todo o persoal

O tempo que pasa entre concursos é excesivo. Temos xente que leva anos e anos desprazándose entre localidades cando hai numerosas vacantes dispoñíbeis (que se adxudican en comisión de servizos, a dedo). Temos algunhas escalas con máis de 10 anos sen concurso. A CIG esixe que se convoquen os concursos de traslados para a totalidade dos corpos e escalas da Administración Autonómica, de xeito que poidan estar TODOS resoltos antes do 31/12/2024.

O DXFP non dá prazos. Tan só fala da orde que van seguir (algúns): primeiro o das escalas de incendios, despois as escalas sociais, e por último o resto da administración especial. Dos corpos xerais, e do resto de escalas de administración xeral non di nada, non se compromete a poñer datas, nen sequera aproximadas.

E aquí cabe unha reflexión: existe a posibilidade de facer un concurso único para absolutamente todo o persoal da Administración autonómica, con todas as prazas vacantes? Non é obrigatorio que os concursos teñan que ser por escalas ou grupos de escalas, podería ser para a totalidade dos postos á vez. Cada concursante só vai poder facelo ás prazas que están abertas ao seu corpo, escala ou especialidade. E isto tamén resolvería as situacións que se teñen dado no pasado de que os corpos que primeiro concursan eran os que collían os mellores postos cando estaban abertos a varios deles.

Deste xeito tamén se poderían incorporar ao concurso único os corpos xerais e escalas que Función Pública agora elude contestar cando van concursar.

Traballo desenvolvido en comisión de servizos

mércores, 18 de outubro de 2023

Loteria de nadal CIG 2023

Temos á vosa disposición a lotería de Nadal da CIG para o sorteo do vindeiro nadal (22/12/24).  Xogamos o mesmo número que anos anteriores, e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Os puntos de venda están no local da CIG en San Caetano, soto de Educación, teléfono 981 545 909.

E no local da CIG en San Lázaro, baixo da Consellaría de Promoción do Emprego, teléfono 981 546 999.

Ante as desilusión que nos dan cada día os responsable da Xunta (procesos selectivos eternas, concurso eterno, comisións de servizo sine die, promocións internas eternas...) a ver se podemos darnos unha alegría.

A Lei de Medidas da Xunta en materia de persoal confirma a falta de iniciativa da administración galega

 

A Xunta aprobou a Lei de Medidas en materia de persoal (lei de acompañamento aos orzamentos) para o ano 2024 na Comisión de Persoal do martes 17 de outubro. Foi ás presas, sen opcións a propor cambios ou facer achegas. Esta Lei fai modificacións da Lei do emprego público de Galiza e impoñe outras cuestións.

A Xunta pecha a porta á negociación da xornada das 35 horas na Administración xeral

A CIG propuxo a redución de xornada a 35 horas semanais para todo o persoal empregado público. Na intervención do director xeral de Función Pública en resposta a esta solicitude de aplicación da xornada de 35 horas no ámbito do persoal da Administración xeral da Xunta , deixou clara a súa nula vontade de camiñar cara esa redución:

“Dificilmente se pode afirmar que na administración autonómica haxa quen traballa por riba das 35 horas.  Aínda que legalmente o tope de horas está nas 37,5 horas, na práctica isto non é así. No horario anual hai que ter en conta a xornada reducida dos meses de verán. Por outro lado, os acordos no SERGAS, en Política Social ou en Educación xa supoñen redución e polo tanto non está enriba da mesa facer máis cambios no horario do persoal da Xunta” (Barreiro dixit)

A Xunta négase a avanzar en dereitos para as empregadas e empregados públicos

A proposta de modificación da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza non incorpora o permiso parental de 8 semanas (incorporado no EBEP e pendente de desenvolvemento) nin promove ningún cambio na duración do permiso de parto para a outra persoa proxenitora, na liña da sentenza gañada pola CIG no TSXG e que a Xunta ten recorrido en casación perante o Tribunal Supremo. 

A CIG formulou neste sentido propostas encamiñadas a incorporar ambas melloras: 

- Incorporación do permiso parental de 8 semanas con carácter retribuído. Tal e como está recollido na modificación do EBEP, o permiso parental consiste en poder dispoñer de até 8 semanas para o coidado dunha filla ou fillo de 8 anos ou menor en acollida . Esas 8 semanas poden ser continuas ou descontinuas, a tempo parcial ou total e pódeno gozar ambas persoas proxenitoras. A duración mínima, no caso de se fraccionar, debe ser dunha semanal. Este permiso estaba pendente de desenvolver e a modificación da Lei do Emprego Público de Galiza é a ocasión precisa para facelo. A CIG defende que tamén se debe avanzar recoñecendo o seu carácter retribuído.

Nunha última intervención final do director xeral de Función Pública non descartou incorporar este permiso mais sen ningún compromiso pechado.

- Equiparación dos permisos de parto para ambos integrantes da parella. A CIG, na liña de aumentar progresivamente este permiso até as 52 semanas, propón dar o paso de subilo até as 30 semanas xa no 2024. En calquera caso, sería unha falta de respecto que a Xunta ignorase o incumprimento da normativa europea de non discriminación por razón de xénero que implica ter unha duración menor (16 semanas) para a outra persoa proxenitora en relación á nai biolóxica (22 semanas) polo que de negarse a avanzar o mínimo que cabe agardar da Xunta é que se recoñeza unha duración de 22 semanas en ambos casos.

Función Pública negouse a aceptar a nosa proposta e agardará a que o Supremo decida sobre o seu recurso de casación contra a sentenza gañada pola CIG.

A CIG propuxo que se incorpore á persoa convivinte en todos os permisos nos que actualmente non aparece. 

martes, 10 de outubro de 2023

Nin para unha botella de aceite: unha baixada do poder adquisitivo disfrazada de suba salarial do 0,5%

Non vos imos abafar con moitos datos porque calquera persoa empregada pública pode percibir que unha suba media de 7 euros netos non da nin para mercar un litro de aceite.

Baixo o presuntuoso nome de Acordo para unha administración do século XXI (parece que algunha letra se lles moveu de sitio neste acordo do século XIX), o goberno español, CCOO e UGT pactaron non subir os nosos salarios conforme ao incremento do custe da vida. E na Galiza reproduciron o mesmo o PP, CCOO, UGT e CSIF.

De todo isto xa vos fomos detallando as consecuencias dende que asinaron un acordo que ataba de pés e mans ao persoal empregado público en caso dunha esperada suba do IPC.

Pero se ben dicimos que non imos dar moitos datos, algúns si temos que dar para comprender por que esta suposta suba é en realidade unha perda. Tendo incluso en conta as estimacións máis baixas de subida do IPC para o 2023 (as que fai o Banco de España) e reflectindo xa a suba do 0,5%, o panorama é o seguinte:

Perda de poder adquisitivo das persoas empregadas públicas (2022-23)

martes, 3 de outubro de 2023

A Xunta impón unha orde de flexibilización por conciliación discriminatoria co seu persoal

 

Na Comisión de Persoal do 29 de setembro a Xunta aproba a orde que desenvolve a flexibilidade por conciliación da Lei de Impulso demográfico sen esforzarse a chegar a acordos coa representación do persoal e sen dar resposta as alegacións presentadas

A Administración aprobou a Orde coa que pretende regular a flexibilidade horaria por conciliación prevista nas diferentes normas estatais e que a Xunta ampliou a 18 anos de idade coa Lei de Impulso Demográfico de Galicia. Un documento engorroso que levaba paralizado moito tempo e que finalmente contou co voto en contra da CIG e coa abstención do resto dos sindicatos.

Esta orde de flexibilidade limita o dereito á conciliación da maioría do persoal empregado público

Deixa fóra do dereito de conciliar directamente ao persoal non docente da Consellería de Educación. Xustifícao a Administración por “ser persoal de atención directa”. Isto pode darnos unha idea sobre como van a proceder co resto do persoal que prestamos servizos en centros con atención a persoas usuarias ou persoal a quendas.

Limita as posibilidades de flexibilizar xa que a dirección do centro pode establecer un marco horario limitado (que pode ser menor que o do servizo).