Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 3 de outubro de 2023

A Xunta impón unha orde de flexibilización por conciliación discriminatoria co seu persoal

 

Na Comisión de Persoal do 29 de setembro a Xunta aproba a orde que desenvolve a flexibilidade por conciliación da Lei de Impulso demográfico sen esforzarse a chegar a acordos coa representación do persoal e sen dar resposta as alegacións presentadas

A Administración aprobou a Orde coa que pretende regular a flexibilidade horaria por conciliación prevista nas diferentes normas estatais e que a Xunta ampliou a 18 anos de idade coa Lei de Impulso Demográfico de Galicia. Un documento engorroso que levaba paralizado moito tempo e que finalmente contou co voto en contra da CIG e coa abstención do resto dos sindicatos.

Esta orde de flexibilidade limita o dereito á conciliación da maioría do persoal empregado público

Deixa fóra do dereito de conciliar directamente ao persoal non docente da Consellería de Educación. Xustifícao a Administración por “ser persoal de atención directa”. Isto pode darnos unha idea sobre como van a proceder co resto do persoal que prestamos servizos en centros con atención a persoas usuarias ou persoal a quendas.

Limita as posibilidades de flexibilizar xa que a dirección do centro pode establecer un marco horario limitado (que pode ser menor que o do servizo).

Marca unha escala de preferencias para acollerse á flexibilidade, deixando claro que para a Xunta a conciliación non é un dereito. Por riba diso, non regulan o prazo anual de solicitude. Con isto quen chega antes podería ter flexibiliadde horaria ou no medio dun curso escolar poderían quitarche a flexibilidade se unha compañeira/o solicitara e tivera unha posición superior na escala de prioridades que establecen.

Non se garante o equilibrio á hora de asumir o dereito, podendo unha persoa flexibilizar toda a xornada e outra só media hora ou incluso nada.

Tampouco resolven se exercer o dereito pode prexudicar ao resto do cadro de persoal porque se negan a establecer medidas de reforzo (como fan outras administracións) e non queren priorizar a busca de medidas organizativas nos propios centros. Con isto as necesidades de servizo van seguir sendo un “caixón de xastre” que servirá para automatizar as denegacións.

Non se definen os termos básicos para evitar interpretacións torticeiras como son o marco horario, o horario de referencia e a propia flexibilización.

A posición sindical

Non se dá entendido como CCOO, UGT e CSIF poden absterse ante unha orde deste calado, que non garante o dereito á flexibilidade a todo o persoal da Administración, admitindo incluso que van quedar máis de 4000 compañeiros/as fóra. A desculpa que dixeron é que é unha orde moi esperada e que había que poñela en marcha xa.

O problema é que esta “posta en marcha” vai servir para limitar a flexibilidade a quen xa a ten e para ter “razóns” para denegar e que, finalmente, o xulgado o teña máis difícil para outorgar o dereito a conciliar.

Contacta coa CIG e reclama os teus dereitos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario