Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 18 de outubro de 2023

A Lei de Medidas da Xunta en materia de persoal confirma a falta de iniciativa da administración galega

 

A Xunta aprobou a Lei de Medidas en materia de persoal (lei de acompañamento aos orzamentos) para o ano 2024 na Comisión de Persoal do martes 17 de outubro. Foi ás presas, sen opcións a propor cambios ou facer achegas. Esta Lei fai modificacións da Lei do emprego público de Galiza e impoñe outras cuestións.

A Xunta pecha a porta á negociación da xornada das 35 horas na Administración xeral

A CIG propuxo a redución de xornada a 35 horas semanais para todo o persoal empregado público. Na intervención do director xeral de Función Pública en resposta a esta solicitude de aplicación da xornada de 35 horas no ámbito do persoal da Administración xeral da Xunta , deixou clara a súa nula vontade de camiñar cara esa redución:

“Dificilmente se pode afirmar que na administración autonómica haxa quen traballa por riba das 35 horas.  Aínda que legalmente o tope de horas está nas 37,5 horas, na práctica isto non é así. No horario anual hai que ter en conta a xornada reducida dos meses de verán. Por outro lado, os acordos no SERGAS, en Política Social ou en Educación xa supoñen redución e polo tanto non está enriba da mesa facer máis cambios no horario do persoal da Xunta” (Barreiro dixit)

A Xunta négase a avanzar en dereitos para as empregadas e empregados públicos

A proposta de modificación da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza non incorpora o permiso parental de 8 semanas (incorporado no EBEP e pendente de desenvolvemento) nin promove ningún cambio na duración do permiso de parto para a outra persoa proxenitora, na liña da sentenza gañada pola CIG no TSXG e que a Xunta ten recorrido en casación perante o Tribunal Supremo. 

A CIG formulou neste sentido propostas encamiñadas a incorporar ambas melloras: 

- Incorporación do permiso parental de 8 semanas con carácter retribuído. Tal e como está recollido na modificación do EBEP, o permiso parental consiste en poder dispoñer de até 8 semanas para o coidado dunha filla ou fillo de 8 anos ou menor en acollida . Esas 8 semanas poden ser continuas ou descontinuas, a tempo parcial ou total e pódeno gozar ambas persoas proxenitoras. A duración mínima, no caso de se fraccionar, debe ser dunha semanal. Este permiso estaba pendente de desenvolver e a modificación da Lei do Emprego Público de Galiza é a ocasión precisa para facelo. A CIG defende que tamén se debe avanzar recoñecendo o seu carácter retribuído.

Nunha última intervención final do director xeral de Función Pública non descartou incorporar este permiso mais sen ningún compromiso pechado.

- Equiparación dos permisos de parto para ambos integrantes da parella. A CIG, na liña de aumentar progresivamente este permiso até as 52 semanas, propón dar o paso de subilo até as 30 semanas xa no 2024. En calquera caso, sería unha falta de respecto que a Xunta ignorase o incumprimento da normativa europea de non discriminación por razón de xénero que implica ter unha duración menor (16 semanas) para a outra persoa proxenitora en relación á nai biolóxica (22 semanas) polo que de negarse a avanzar o mínimo que cabe agardar da Xunta é que se recoñeza unha duración de 22 semanas en ambos casos.

Función Pública negouse a aceptar a nosa proposta e agardará a que o Supremo decida sobre o seu recurso de casación contra a sentenza gañada pola CIG.

A CIG propuxo que se incorpore á persoa convivinte en todos os permisos nos que actualmente non aparece. 

A recente inclusión no EBEP da persoa convivinte no permiso de accidente, enfermidade grave ou hospitalización (con independencia de que sexa cónxuxe, parella de feito ou non) e que agora se incorpora na normativa galega, deixa en evidencia todos aqueles permisos nos que non figura. A CIG entende que ter dereito a un permiso de 5 días pola hospitalización da persoa coa que convives e que este permiso se negue se morre é un sen sentido. O único permiso no que xa se fai referencia a “parentes que convivan co traballador ou a traballadora”, é o de hospitalización prolongada, un permiso non retribuído.

A central sindical identificou varios permisos a maiores do de falecemento no que se produce esta discriminación e demandou da Xunta a súa incorporación: 

Artigos nos que a CIG solicita incorporar á persoa convivinte: 

  • 46 bis. Permisos por accidente ou enfermidade moi graves
  • 98. Adscrición por motivos de saúde ou rehabilitación
  • 106. Reducións e adaptacións da xornada de traballo
  • 114. Permisos para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto
  • 115. Permisos para a realización de tratamentos de fecundación asistida
  • 116. Permisos por accidente ou enfermidade moi graves
  • 175. Excedencia por agrupación familiar

Tendo en conta que o EBEP marca os permisos mínimos, e que a Xunta ten potestade para superalos, e partindo de que o Estatuto dos Traballadores e Traballadoras (ET) recoñece un permiso de 5 dias tamén no caso de enfermidade en familiares de segundo grao, solicitamos que na modificación da Lei do Emprego Público de Galiza se igualen os permisos de 1º e 2º grao no caso de enfermidade, sendo ambos de 5 días, incluíndo sempre no 2º grao, como se fai no ET, ou familiar consanguíneo da parella de feito.

Lembremos que agora se divide en dous o actual permiso de falecemento, accidente ou enfermidade de familiar. O de falecemento queda como xa estaba e no de accidente ou enfermidade incorporan á persoa convivinte aínda que non exista relación de consanguinidade ou afinidade e deixa de depender da residencia da persoa. Os cambios son os seguintes

accidente ou enfermidade de familiar

  • 1º grao ou convivinte: 5 días
  • 2º grao: 4 días 

falecemento

  • 1º grao: 
    • mesma localidade: 3 días hábiles
    • diferente localidade: 5 días hábiles
  • 2º grao: 
    • mesma localidade: 2 días hábiles
    • diferente localidade: 4 días hábiles

Outras novidades nos permisos

  • No permiso por adopción ou acollemento inclúese a asistencia a sesións informativas ou preparatorias previas á declaración de idoneidade.

  • Na redución de xornada retribuída para o coidado dun fillo ou filla con cancro ou enfermidade grave amplíase en determinados supostos a idade do causante, podendo chegar desde os 18 até os 23 se o diagnóstico foi anterior á maioría de idade ou mesmo até os 26 anos se o causante ten un grao de discapacidade do 65% ou máis. Porén, non se elimina o requisito, como ten solicitado a CIG, de que ambos proxenitores traballen.

A Xunta elimina a prestación de servizos como persoal interino para ter unha excedencia por interese particular

Outro cambio importante que figura no texto é a eliminación da excedencia por interese particular no caso de prestar servizos como persoal interino ou laboral temporal nunha administración pública. Con  esta redacción limítase a posibilidade de que o funcionariado de carreira que presta servizos como interino o puidese seguir a facer baixo esta modalidade, na que até o de agora non se require ningún período de prestación de servizos previos. A intención da Xunta é clara: non conceder ningunha excedencia por interese particular ao persoal que supera un proceso selectivo e que quere seguir traballando como interino noutra administración.

A argumentación de Función Pública está no feito de que aproximadamente un 20% das persoas que aproban procesos selectivos na administración xeral na Xunta non toman posesión e piden esta modalidade de excedencia.

Desde a CIG consideramos a medida é excesiva para evitar o que pretende Función Pública e que limita un dereito actual para persoal interino. A Administración debe facer o esforzo de buscar fórmulas que aseguren que se cubran as prazas ofertadas de xeito efectivo facendo apetecible traballar na nosa administración e evitando a fuga de profesionais.

A Xunta amplía a excepcionalidade da COVID sen xustificación no 2024 para axilizar a contratación de persoal do ámbito sanitario

  • A única forma de solucionar a fuga do persoal do ámbito sanitario para o SERGAS ou outros ámbitos, incluso migración a outros países, é a de mellorar as condicións laborais e salariais do persoal da Administración Xeral. Xa que son as peores condicións laborais, a saturación dos servizos e a falla de posta en valor do persoal que atende os servizos de inspección, valoración de dependencia e de discapacidade, residencias de maiores e centros sociosanitarios... as que provocan realmente a falta de persoal nas listas. 
    Por isto, na CIG entendemos que impoñer vía lei ás excepcionalidades previstas na COVID non arranxa o problema real. O que  pretende o goberno do PP na Xunta de Galiza é obviar afrontar o problema dende a negociación colectiva para, por un lado dimensionar os cadros de persoal e mellorar as condicións laborais e por outro solucionar as eivas que hoxe pode ter o sistema de xestión de listas para a contratación temporal.

  • A Xunta pretende restar prazas de libre e promoción interna das vindeiras ofertas de emprego utilizando futuras xubilacións en actuais procesos selectivos.

A Xunta pretende sacarse da manga unhas prazas vacantes que a día de hoxe non o son (nin tampouco o eran cando se aprobaron as ofertas de emprego, para excederse das prazas das actuais ofertas de emprego

A idea que teñen é xerar unha nova lista de posibles persoas aprobadas que serán nomeados persoal funcionario de carreira e colleran praza cando efectivamente se xubile a persoa que ocupa hoxe a praza.

Esta aberración crea varias hipotecas sobre o emprego público:

  1. Resta prazas para a promoción interna e o acceso libre en próximos anos porque son vacantes que se van xerar no futuro.

  2. Consumen a taxa de reposición das seguintes ofertas de emprego en procesos como nos de estabilidade que non computan en dita taxa.

  3. Fíanse dunha xubilación “a futuro”, podendo quedar sen prazas se as persoas que as ocupan deciden alongar o seu período laboral xa que a “lista da expectativa” caduca aos tres anos.

  4. A norma non ten un limite temporal, polo que podería converterse nun modo de xestión habitual das convocatorias na administración.

A CIG pediu a retirada deste apartado ao implicar un cambio moi importante nas ofertas de emprego que require un debate sosegado e non como se fixo, coa entrega da proposta tan só unhas horas antes da reunión.

O director xeral de Función Pública non retira o punto. Van seguir para adiante dando como explicación que é copia dun RDL da Generalitat catalana con comentarios dirixidos a CIG por supostas afinidades políticas. Afirmación fora de contexto nunha mesa xeral de empregados publicos. Mais cando somos organizacións sindicais que representamos aos traballadores e traballadoras da Administración galega. Unha vez máis o director xeral emprega a Mesa Xeral de Negociación para facer ensaios de mala política na vez de negociar dereitos laborais para o persoal empregado público da Galiza. 

Outras propostas para introducir na Lei e asentar cuestións reclamadas pola CIG

  • Concursos de traslados PERMANENTES

  • Promocións internas ANUAIS

  • Recuperar os dereitos recortados no 2012 polo que se deben voltar as axudas do Fondo de Acción Social, recuperar as compensacións do V Convenio, o 100% das pagas extraordinarias, ampliación a 9 dos días de asuntos particulares, ...

  • Rematar coa rebaixa profesional e activar dunha vez o grupo B previsto na LEPG e no EBEP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario