Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 24 de febreiro de 2026

A CIG chama a acumular forzas na loita contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo

 

A nosa central sindical tivo asembleas de persoal nas comarcas para analizar a situación socioeconómica e abordar as problemáticas laborais.

 

 

A CIG fixo este 11 de febreiro un chamamento a acumular forzas mediante a loita nas empresas e administracións e na rúa contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de marzo, datas en que a central sindical aposta por unha importante mobilización da clase traballadora galega en demanda de traballo digno nunha Galiza con dereitos.

Precisamente con este obxectivo, a CIG realizou asembleas de persoas delegadas en todas as comarcas do país, nas cales tamén se analizou o actual contexto socioeconómico e se abordaron as principais problemáticas laborais.                                                                                                                                                          

Nas asembleas a CIG sinalou a importancia dunhas convocatorias que para o noso sindicato teñen unha especial significación polo que representan historicamente para o sindicalismo nacionalista galego, e que chegan nun momento de extensión da precariedade laboral e dos baixos salarios, especialmente entre as mulleres e a xente nova. Un intre no que asistimos, ademais, á medra do fascismo da ultradereita, que se alimenta da aplicación de políticas neoliberais a través das últimas reformas laborais e dun diálogo social que o único que fai é lexitimar medidas que provocan o empobrecemento xeneralizado da poboación.                                                                                                    

E todo isto nun contexto internacional en que o proceso de globalización neoliberal non ten límite na súa agresividade, impoñendo a guerra e o militarismo como arma para seguir acumulando riqueza, sen importarlle o mantemento dun sistema mundial inxusto baseado na desigualdade e no bloqueo a países como Cuba, na intervención directa noutros, como Venezuela, e nas ameazas, como no caso de Groenlandia ou Irán.

Fronte a todo isto, instamos a trasladar as alternativas aos centros de traballo e a animar á participación do maior número de persoas nas convocatorias do 8 e 10 de marzo, porque só con loita e mobilización seremos quen de conquistar dereitos.

Medidas urxentes

xoves, 19 de febreiro de 2026

Neste cuadrimestre resolverase o concurso de traslados da Administración xeral

 

A directora xeral de Emprego Público contestou a pregunta da CIG sobre o prazo para resolver o concurso que afecta milleiros de persoas empregadas públicas da nosa Administración na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario deste 18 de febreiro de 2026.

Despois de que CCOO informase de que a resolución do concurso se faría a finais de febreiro ou primeiros de marzo, na CIG non contabamos con esa información e quixemos saber que nos podía dicir Emprego Público ao respecto.

A directora xeral sinalou que viu con sorpresa os prazos publicados por CCOO e aclarou que esta semana é a derradeira reunión da comisión que revisa as reclamacións. Unha vez rematadas as xuntanzas, teñen que implementar todas as alegacións estimadas e facer unha revisión, e este proceso non sabe canto tempo lles vai levar. Insistiu en que están rematando.

En definitiva, a directora deu como prazo correcto de resolución o primeiro cuadrimestre do ano 2026, agás catástrofe.

mércores, 11 de febreiro de 2026

Campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2026 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza


No DOG do 03/02/2026 publican a Resolución do 19 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2026 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza.

É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galiza, agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ao persoal dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galiza) ou do Opax (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).

O prazo de inscrición rematará transcorridos 4 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.