Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 26 de marzo de 2026

MENÚS CAFETARÍA DA XUNTA, VOLVEMOS A “AJADA”

A cafetaría de San Caetano, por mandado das actuais  prescricións técnicas, ten a obriga  de  publicar os seus menús tanto na lingua propia do país como en castelán. Na web de Google publícase semanalmente o menú Xunta, pero faise únicamente en castelán. Aínda que o propio sitio indica que non se trata dunha web oficial, é onde se publican os menús diarios que se serven na cafetaría.

Non é a primeira vez que ocorre. Xa no ano 2012 a CIG puxo de manifesto o desprezo que a anterior concesionaria da cafetaría de San Caetano tiña coa lingua propia da Nosa Terra. Daquela, todo hai que dicilo, si rectificou e comezou a realizar as publicacións nos dous idiomas oficiais.

Porén, na actualidade volvemos de novo a aquela situación. Nesta semana, sen ir máis lonxe, imos ter “cabracho”, cando en galego é escarapote, ou "caella", no canto de tintureira (en realidade ninguén sabe case nunca que peixe é o que está comendo nesta cafetaría), mais tamén temos "jurel" con "ajada", "calamar", "cerdo", "judías con jamón", “patatas”, “pechuga de pollo” ... A ver, que non é tan complicado!

Lembramos o que xa dixemos hai anos: a cafetaría de San Caetano non é só un lugar frecuentado polas traballadoras e traballadores deste e doutros centros de traballo da Xunta de Galiza en Santiago de Compostela, tamén é un local que recibe cidadáns e cidadás que acoden aos edificios administrativos a realizar calquera tipo de xestión, polo que podemos dicir que a cafetaría é unha imaxe da propia Xunta de Galiza.

Así mesmo, a Xunta ten a obriga de darlle pulo ao galego, de promovelo e fomentalo e de coidar polo seu uso correcto. É curioso que na publicación dos menús se respectan termos doutros idiomas, como poden ser “pizza” ou “minestrone”, os cales deben resultar máis entendibles para a concesionaria.

Dende a
CIG-Autonómica en Servizos Centrais, lembrámoslles á Consellaría da Presidencia, como última responsable da xestión da cafetaría, así como á Secretaría Xeral da Lingua, as súas obrigas de velar polo correcto uso da nosa lingua e que se asuman as responsablidades que lles corresponden.


Ningún comentario:

Publicar un comentario