Coa nómina deste mes (para as persoas que aínda seguen traballando na Xunta) pagouse un 25% da paga extra de Nadal de 2012 e xa imos polo 75% recuperado (mentres ás compas do Estado xa lle devolven con esta nómina a totalidade do 100%). Ademais, deuse a circunstancia de que algún persoal funcionario que foi á Xustiza respecto da eliminación dos complementos específicos das extras de 2013 tamén lle abonaron estes nunha nómina adicional. Porén, outra xente aínda segue agardando pola execución da sentenza pois os xuros de demora non saen dos petos dos irresponsables políticos que causaron a desfeita.
Si, o impacto de recibir unha nómina máis alta do habitual, así sen esperalo, causa alegría, e dúas xa nin contamos, pero non nos esquezamos: 1) de que o diñeiro era noso, que llo prestamos á forza sen xuros e 2) de como chegamos aquí, do que houbo que pelexar, e aínda se está a pelexar con estes temas, e canto tempo pasou desde entón.