Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 28 de agosto de 2026

E en que plan estamos cos cursos de galego para o funcionariado?

O novo Plan da lingua galega promete aumentar a formación do funcionariado sen contar cos recursos precisos

Urxe unha solución para o persoal laboral da categoría de titulado/a superior lingüista ao non se corresponder a carga de traballo coa xornada parcial aprobada pola RPT

O día 13 de xullo de 2026 publicouse no DOG a Resolución do 6 de xullo de 2026 pola que se nomean persoal laboral fixo na categoría 40 do grupo I de persoal laboral da Xunta de Galicia, titulado/a superior lingüista, as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos, mediante o sistema de concurso ou de concurso-oposición, para cubrir un total de 18 prazas derivadas dun proceso de estabilización para regularizar a situación do profesorado declarado persoal laboral indefinido non fixo da Xunta de Galicia. Para a toma de posesión declarouse, como para outros procesos con resolución en período estival, a urxencia e así o prazo foi de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación no DOG.

Porén, malia que tivo que tomar posesión con urxencia, este persoal atópase neste momento en suspensión de funcións en espera de que comecen os cursos de linguaxe administrativa e xurídica o día 1 de setembro, dado que ata esa data non está convocado ningún dos cursos que este persoal debe impartir.

xoves, 27 de agosto de 2026

Calendario laboral Compostela 2027: Ven con dous días de moscosos a maiores

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou con data 02/07/2026, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galiza para o próximo ano 2027. 

A normativa estatal, fixada polo Real decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigatorio e non substituíbles, a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (25 de marzo), 1 de maio, 15 de agosto (este ano coincide en domingo e a Xunta de Galiza cámbiao polo 19 de marzo, San Xosé), 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. 

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas. Dous deles son o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo, e o Xoves Santo (26 de marzo), que Galiza non cambia tradicionalmente. Así mesmo, dáselles a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galiza, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo (este ano coincide en domingo e a Xunta de Galiza cámbiao polo 17 de maio, Día das letras Galegas).

Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela aprobou como festivos locais para 2027 a Ascensión e o San Roque, como é tradicional en Compostela. A Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración publicou a totalidade de festivos locais para o ano 2026, Resolución no DOG do  .