Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 10 de novembro de 2016

Feijóo di que nesta lexislatura recuperaremos "o nivel salarial perdido"

Recuperaremos tamén o resto de dereitos non salariais recortados, haberá concursos permanentes, os procesos selectivos serán áxiles e respectarán os prazos, haberá unha tarxeta benvida para persoal de novo ingreso e soltará unicornios rosas polos corredores de San Caetano.


Por recuperar o nivel salarial perdido, se lemos entre liñas do discurso da investidura, seguramente se está referindo ao que xa nos vendera antes das eleccións con aquel acordo de teatriño no que recollían que para 2017 se comprometía a devolvernos o complemento específico nas pagas extras (ou equivalente para persoal laboral). Este recorte implantado no 2013 supuxo un recorte do 4%, ano tras ano, no noso salario. O truco é que esta recuperación dependerá das dispoñibilidades orzamentarias e no horizonte planean novos recortes da Troika.

mércores, 9 de novembro de 2016

A Xunta incrementa o negocio privado cos helicópteros da loita contra incendios forestais

A xunta retira os helicópteros das bases con persoal propio do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) e mantén a pleno rendemento as bases xestionadas pola empresa privada NATUTECNIA.


Unha vez rematou a tempada de alto risco de incendios forestais, que este ano se prolongou até o 15 de outubro, a Xunta de Galiza – Consellaría do Medio Rural- retirou os helicópteros do SPDCIF das bases nas que conta con persoal propio da administración. Trátase das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense. Estas bases contan con persoal fixo descontinuo de 9 meses, traballadores da Administración Autonómica que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.

Publicación das listas provisionais de persoas admitidas e excluídas para as listas de substitución

O DOG do 9 de novembro de 2016 anuncia a publicación das listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

As listas poderán consultarse no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e na seguinte ligazón.

luns, 7 de novembro de 2016

Borradores de novas convocatorias de 16 prazas de persoal funcionario nas escalas de Finanzas

Aínda sen rematar os actuais procesos selectivos en marcha, achéganos xa Función Pública os borradores das seguintes ordes de convocatoria: 
  • Corpo superior de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas. OPE 2013. 8 prazas (2 promoción interna). Requisito de titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama. Descargar

  • Corpo de xestión de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas. OPE 2014. 8 prazas (2 promoción interna). Requisito de titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou grao de calquera rama. Descargar

xoves, 3 de novembro de 2016

Persoal da Xunta está sendo obrigado a prestar servizos para empresas privadas de cátering escolar

CIG-Administración denuncia que a Xunta podería estar incorrendo nunha cesión ilegal de traballadores/as


CIG-Administración Autonómica da Coruña alerta da situación na que se atopa determinado persoal laboral da Xunta do colectivo de auxiliares coidadoras/es, que están sendo obrigadas/os a prestar os seus servizos nos comedores  escolares xestionados por entidades privadas “sen ánimo de lucro”.

mércores, 2 de novembro de 2016

Lotaría de Nadal da CIG - Núm. 84.535


Xa temos participacións da lotaría de Nadal para o mesmo número de sempre, o 84.535, ao que xogamos todos os anos nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza. As participacións son de 5€ e os décimos están depositados na Administración de loterías nº11 de Santiago de Compostela.

Se desexas adquirir unha participación (ou as que queiras, mentras non a esgotemos...) só tes que acudir aos locais da CIG en San Caetano ou San Lázaro.

Resolución definitiva do Fondo de Acción Social 2015

No DOG do 31 de outubro anunciase a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2015. Actualmente, e trala lei de medidas do 2012, segue restrinxido exclusivamente para axuda á atención de persoas con discapacidade que abranguiu este ano a 626 persoas.

Aquí podedes consultar a resolución e aquí podedes consultar as listaxes. Para o coñecemento íntegro do acto, as persoas solicitantes deberan introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude. De non estar conforme, podes interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes.