Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 10 de novembro de 2016

Feijóo di que nesta lexislatura recuperaremos "o nivel salarial perdido"

Recuperaremos tamén o resto de dereitos non salariais recortados, haberá concursos permanentes, os procesos selectivos serán áxiles e respectarán os prazos, haberá unha tarxeta benvida para persoal de novo ingreso e soltará unicornios rosas polos corredores de San Caetano.


Por recuperar o nivel salarial perdido, se lemos entre liñas do discurso da investidura, seguramente se está referindo ao que xa nos vendera antes das eleccións con aquel acordo de teatriño no que recollían que para 2017 se comprometía a devolvernos o complemento específico nas pagas extras (ou equivalente para persoal laboral). Este recorte implantado no 2013 supuxo un recorte do 4%, ano tras ano, no noso salario. O truco é que esta recuperación dependerá das dispoñibilidades orzamentarias e no horizonte planean novos recortes da Troika.

En calquera caso, recuperar o complemento específico nas pagas extras non vai supor recuperar "o nivel salarial perdido" pois non contempla o poder adquisitivo perdido frente a suba do IPC ou a recuperación dos complementos específicos non ingresados no 2013, 2014, 2015 e 2016. Por outra banda, queda tamén unha lei de medidas "temporal" por derogar e moitos dereitos por recuperar, salariais e non salarias; dereitos que foron tallando nestes últimos anos, a veces sen un claro sentido de aforro, outras moitas con varias alternativas enriba da mesa pero, coma sempre, o cinto decidiron apertárnolo á clase traballadora.

Por último, están os efectos dos recortes sobre a prestación dos servizos públicos, a non substitución da totalidade de xubilacións, baixas e vacacións, con miles de postos e empregos públicos destruídos e a supresión ou privatizacións dos servizos.

Por iso, é de xustiza reivindicar: Feijóo, paga TODO o que debes.



Nova relacionada:

Ningún comentario:

Publicar un comentario