Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 19 de decembro de 2017

A CIG mobilízase contra uns orzamentos para 2018 que desmantelan e privatizan os servizos públicos

Persoal da administración pública, ensino e sanidade concentráronse no Parlamento


Delegadas e delegados da CIG-Saúde, CIG-Ensino e CIG-Administración concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza para manifestar o seu rexeitamento aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018, porque avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

luns, 18 de decembro de 2017

Abrese o prazo extraordinario para apuntarse nas listas de bombeir@ forestal

No DOG do 18/12/17 publícase a resolución do 12 de decembro da Dirección Xeral da Función Pública para a apertura de determinadas listas dentro das categorías de Bombeir@s forestais.
Ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para a contratación temporal de persoal laboral do grupo IV, categoría 033 (bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba), e do grupo V, categoría 014 (bombeiro/a forestal).

venres, 15 de decembro de 2017

Concentración da Área Pública da CIG contra uns Orzamentos para 2018 que seguen a desmantelar os servizos públicos

Terá lugar o martes 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza


A Área Pública da CIG concentrarase o vindeiro martes, día 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza coincidindo co pleno no que o PP aprobará a Lei de Orzamentos para 2018. Denuncia que avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

Os orzamentos para 2018 van acompañados polo chamado “Acordo de Estabilidade” asinado por CCOO, UGT e CSIF co goberno da Xunta. Un calco do asinado en Madrid que ratifica a renuncia a recuperar postos de traballo nas administracións públicas e só avanza unha tímida redución da temporalidade.

Calendario laboral 2018

https://drive.google.com/file/d/1IpG8KrRMk2Pkp2TPa9gCBQk6l0NceyVG/view?usp=sharing
Pica na imaxe para descargar

Xa dispoñible para descarga o noso calendario laboral 2018 (inclúe festivos en Compostela) 


A Xunta aprobou no DOG 14/09/2017 o calendario laboral do 2018, con datas festivas habituais como o Día Nacional de Galiza ou o Día das Letras.

Desta volta o 17 de maio é un festivo recuperábel en función do criterio de cada empresa, ao non cadrar en domingo ningún festivo estatal co que intercambialo, como xa acontecera outros anos como 2000, 2001 ou 2007. A estas xornadas festivas engádense as de ámbito municipal.

martes, 12 de decembro de 2017

OPE da Xunta 2017: segue a precariedade no emprego público

No DOG do 12/12/2017 publícase a ridícula Oferta de Emprego Público da Xunta para Administración xeral no 2017.


Esta oferta é ridícula non só polo reducido número de prazas convocadas agora que xa "superamos a crise económica", senón polo burdo engano que supón, que ten máis de propaganda política que de  cubrir as necesidades dos maltreitos servizos públicos. E ademais de ridícula, chega bastante tarde, a finais de ano.

Se quitamos das 789 prazas ofertadas en Administración Xeral, as 150 de promoción interna separada e as 213 de consolidación de persoal laboral (derivadas xa daquela OPE de 2008 nunca executada), quedan 426 porque as anteriores non elevan a taxa de reposición. Que falando de taxa de reposición, esta só é do 100% nos "sectores prioritarios". Quer dicir isto que na maoría de casos só cubren 1 de cada 2 xubilacións, amortizando o resto das prazas, ou máis ben, o crédito equivalente, creando cada vez unha estructura piramidal de recursos humanos máis invertida.

luns, 11 de decembro de 2017

Publícase a resolución do Fondo de Acción Social 2016

Malia cambiar as circunstancias económicas, a Xunta mantén este recorte desde 2012.


No DOG do 11/12/2017 publícase a resolución e distribución final da concesión das axudas do Fondo de Acción Social do exercicio económico do ano 2016: axuda para a atención de persoas con discapacidade

As listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública.

As persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución.

venres, 1 de decembro de 2017

OPE Xunta 2017: Coleccionando ofertas de emprego, que é de balde

A Administración ten paralizadas as Ofertas de Emprego dos anos 2015 e 2016, as dúas practicamente sen executar.


Despois do Acordo de Estabilidade, que non de mellora do Emprego Público, a Xunta saca unha microoferta de emprego, onde non hai nin estabilización nin practicamente promoción interna.

Esta OEP é produto dese Acordo de Estabilidade que asinaron CCOO, UGT e CSIF, aínda que pretendan agora desvincularse, votando en contra desta OEP na Comisión de Persoal, xa que o acordo abrangue as ofertas de emprego ordinarias e extraordinarias, tanto de estabilización como de promoción interna no período 2017-2020.  Publícase no DOG do 12/12/2017.