Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 12 de febreiro de 2018

Consolídase a folga indefinida na xustiza, que na terceira xornada chega ao 95% do seguimento


A terceira xornada de folga indefinida na xustiza está a seguir a tónica dos días anteriores: seguimento do 95% do persoal, centos de xuízos e procesos suspendidos, traballadoras e traballadores reiterando as súas demandas nas diferentes accións de protestas e unha Xunta desaparecida, que só fai acto de presenza a través dos medios de comunicación para repetir coma un 'mantra' que presentou unha "oferta xenerosa" que o persoal tivo a 'ousadía' de rexeitar.

venres, 9 de febreiro de 2018

Modificación da xornada dos días 13 e 14 de febreiro de 2018

Tal e como todos os anos, saca a Xunta, cun par de días hábiles de antelación, a tradicional resolución anual de modificación de xornada para martes e mércores de entroido (festivo local en moitos concellos).

En teoría, a dita modificación está dirixida a todas as empregados e empregadas públicas da Administración xeral e consiste nunha redución de xornada de 1:15 á partires das 14:00h o martes e de 1:15h ata as 9:00h do mércores. A esta redución habería que aplicarlle as peculiaridades do réxime de flexibilidade horaria tal e como figura no comunicado da Dirección Xeral da Función Pública.

Aínda que non indica nada na comunicación, e dado o contido desta, enténdese que esta modificación só opera para o persoal que teña horario de réxime xeral, con ou sen algún tipo de flexibilidade horaria. Así pois, non se lle aplica ao persoal con réxime de quendas, ao que como no caso do horario de verán, non se lle compensa de ningún xeito esta redución horaria, sufrindo un claro prexuízo.

xoves, 8 de febreiro de 2018

Bono social eléctrico

Desde a CIG defendemos que Galiza debería gozar dunha tarifa eléctrica propia que compensara o grande impacto que sufrimos pola produción de enerxía eléctrica no noso país. Con ese obxectivo presentamos unha Iniciativa Lexislativa Popular que foi admitida polo Parlamento Galego, pero apagada durante a súa tramitación polo Partido Popular

Esa decisión política privounos de ferramentas que nos permitirían gozar dunha tarifa eléctrica máis xusta, motivo polo que consideramos oportuno por en coñecemento da nosa afiliación outros mecanismos, aínda que insuficientes,  permitan a certos colectivos un desconto no prezo da enerxía eléctrica.

Borradores de convocatorias de procesos selectivos das escalas de Finanzas: 16 prazas

Achéganos a Dirección Xeral de Función Pública os borradores das seguintes convocatorias de procesos selectivos:
As dúas corresponden á Oferta de Emprego Público do ano 2015 (estamos en 2018).

Temos de prazo para presentar alegacións ata o día 14 de febreiro.

mércores, 7 de febreiro de 2018

A folga indefinida na Xustiza galega arrinca cun seguimento do 90%

O persoal mobilizouse nos diferentes xulgados para visibilizar o conflito


A administración de Xustiza de Galiza encara dende este mércores 7 de febreiro unha convocatoria de folga indefinida para esixir a fin das discriminacións laborais que padece o persoal e a recuperación do emprego destruído nos últimos anos. A pesar dos abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta, a primeira xornada deste paro -que se suma ás tres xornadas de folga anteriores no sector- está tendo un seguimento de arredor do 90% no conxunto do país.

xoves, 1 de febreiro de 2018

Manifestación nacional en defensa da Sanidade Pública: 4 de febreiro

O domingo 4 de febreiro, SOS Sanidade Pública, da que forma parte a CIG, ten convocada unha MANIFESTACIÓN NACIONAL en defensa da Sanidade Pública e contra a nova Lei galega de saúde. A manifestación sairá ás 12:00 h. da Alemeda de Santiago de Compostela.

NON A ESTA LEI DE SAÚDE
  • O Partido Popular e o Presidente Feijoo aprobaron a reforma da Lei de Saúde para consolidar a privatización da sanidade pública e incrementar o negocio das empresas privadas a costa da nosa saúde.
     
  • Unha Lei que afasta a sanidade do lugar de residencia das persoas.

Campaña de vixilancia da saúde 2018 para persoal da Administración Xeral da Xunta de Galiza

Comeza a campaña de vixilancia da saúde para o ano 2018 para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza


No DOG do día 1 de febreiro publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos. Con carácter xeral, o prazo de inscrición rematará transcorridos 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG (prazo de inscrición entre os días 2 de fecreiro e o 3 de marzo).