Convoca protestas este xoves para reclamar unhas prestacións dignas
A CIG decidiu intensificar a campaña que está a desenvolver en defensa das pensións ante o grave perigo que corre o sistema público como consecuencia da ofensiva do Goberno español do PP e da gran banca para promover os plans de pensións privados. O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas convoca até 11 mobilizacións nas sete cidades e en varias vilas do país este xoves día 15 de marzo.
A central, que promove estas protestas no marco da campaña para reclamar emprego, salarios e pensións dignas, decidiu convocar manifestacións e concentracións nas sete cidades galegas e nas localidades de Lalín, As Pontes, Boiro, Cee e Burela en horarios que van dende as 11:00 até as 19:30 horas. No centro das reivindicacións, evitar o “roubo” das pensións públicas, garantir o nivel adquisitivo das prestacións e derrogar as últimas reformas aprobadas por PSOE e PP.

