Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 1 de setembro de 2025

A CIG critica a caótica xestión do Goberno galego en materia de persoal de incendios

    

Alertamos de que se están a facer chamamentos en plena vaga de lumes sen tempo para formar en prevención.

Dende a CIG-Autonómica denuncia a caótica xestión da Xunta de Galiza en materia de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), até o punto de que a día de hoxe aínda non se coñecen nin as vacantes que están por cubrir.

Temos datos de chamamentos en referencia ao aviso das coberturas que se van realizar, pero non sabemos cal é o criterio de cobertura, cantas prazas en total hai vacantes e se quedan prazas sen cobertura.

Lembramos que ano tras ano a CIG esixe a cobertura de todas as vacantes do SPIF antes de que comece a campaña para que dea tempo a formar nas tarefas do posto e en prevención de riscos laborais ás novas incorporacións e para que poidan coñecer minimamente a operativa do dispositivo.

Mais a Xunta vén de facer os últimos chamamentos de persoal o pasado venres 15, que constitúen os números 16 e 17 desta campaña dende que os chamamentos comezaron no mes de abril. Nesta ocasión cubríronse 198 baixas (non vacantes, senón substitucións) que non sabemos cando se xeraron, cando comezaron e por que non se cubriron antes.

Situación do concurso de traslados e dos destinos das escalas de enxeñarías, arquitectura e ciencias

   

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos para falar deste asunto o día 06/08/2025. Antes da resolución do concurso de traslados de enxeñarías, arquitectura e ciencias xa tiveran que retirar dous postos por medidas cautelares de persoas en destino provisional que demandaron o destino definitivo. Pero despois de publicar a resolución do concurso o 11 de xullo, recibiron outros 9 autos de medidas cautelares. 8 deles son por procedementos ordinarios e 1 por extensión de efectos de sentenza. Das 9 medidas cautelares, 8 afectan a postos xa adxudicados ao concurso e que agora se ven obrigados a non adxudicar. A outra medida cautelar non afecta a postos adxudicados no concurso.

Prevén que a primeiros de setembro poidan chegar máis medidas cautelares e xa non poderán cumprir co compromiso de que en xullo/agosto serían as tomas de posesión do concurso e destinos definitivos dos procesos. Non sería ata setembro, sempre e cando poidan garantir a seguridade xurídica do proceso.

Respecto do concurso de traslados:

  • As persoas afectadas non serán só as 8 ás que se lles adxudicaron os postos agora retirados por medidas cautelares, senón tamén todas aquelas ás que se lles adxudicou por resultas un dos postos que puideran deixar esas 8 persoas.

  • Non farán unha rebaremación. É dicir, que as persoas que por medidas cautelares queden sen posto, quedarán directamente fora do concurso, sen opción a adxudicárselle outro. Xustifican isto alegando que se rebareman e finalmente a xustiza rexeita no futuro a petición dalgunha das persoas á que lle deron medidas cautelares, hai risco de que a totalidade do concurso quedase anulado. Tal e como fan, os efectos futuros dunha sentenza desestimatoria serían só sobre os postos retirados.

Respecto das eleccións de destinos:

O PP despreza ao persoal bombeiro forestal


Xa sabiamos que para o PP a culpa dos lumes é de todo o mundo menos deles. Agora ben hoxe coñecemos unha mensaxe tremenda da presidenta do PP do Barco de Valdeorras nas redes sociais.

Que esta señora afirme que a única culpa dos lumes a teñen os incendiarios e algún das brigadas forestais supera tódolos límites e ahí sí que se van atopar de fronte coa CIG.

E non contenta con iso, tamén di que se o persoal das brigadas quere traballo que se adique a outro que non sexa temporal. En conclusión non están nin se esperan melloras na política da prevención dos lumes cando cargos do PP se adican so a pensar na temporalidade asociada á extinción dos lumes.

O persoal bombeiro forestal da Xunta está facendo todo o que pode e mais contra esta lacra arriscando a súa vida e non so non se están a respetar os seus dereitos laborais senón que agora os cargos do PP se adican a calumnialos nas redes sociais.

O que deberan facer os do PP é disculparse públicamente e dende logo tomar medidas contra os seus cargos por estas saídas de testo.

Dende a CIG non imos tolerar este maltrato ao persoal do servizo de incendios e tomaremos as medidas oportunas.

venres, 11 de xullo de 2025

Concursos de traslados


Asistimos á Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario do 10/07/25, onde a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) facilitou a seguinte información relativa aos concursos de traslados.

ESCALAS DO SERVIZO DE GARDACOSTAS

A adxudicación de postos será publicada no DOG do 14 de xullo. A información xa está dispoñible no web de Función Pública. As datas de cese e toma de posesión serán nunha resolución posterior, coincidindo coas tomas de posesión definitiva dos procesos selectivos.

ENXEÑARÍAS-ARQUITECTURAS-CIENCIAS

A adxudicación de postos será publicada no DOG do 11 de xullo.

Neste concurso detectamos tres postos que foron ofertados como vacantes para a primeira fase, e que desapareceron da adxudicación. Son:

  • MAC040000336560006 Parque Nacional Illas Atlánticas A1 Enxeñeiros de Montes.
  • MRO191000036001060 Xefatura de Sección FOGGA A1/A2 enxeñeiros agrónomos/enxeñeiros técnicos agrícolas.
  • MRC030000115770014 xefatura de sección Dirección Xeral de Defensa do Monte. A1/A2. enxeñeiros de montes/enxeñeiros técnicos forestais.
  • Facilitamos os códigos á DXEP e reclamamos que nos digan: 1) se existen máis postos desaparecidos, 2) unha explicación individualizada de cada un deles. A resposta da DXEP é que recibiron auto xudicial de medidas cautelares que ordena a retirada de dos dous postos do concurso. Do terceiro di que investigará e informará. Insistimos en demandar información individualiza de todos os postos retirados.

venres, 4 de xullo de 2025

DE EMPREGO PÚBLICO Á ETERNIDADE: procesos de promoción interna a C2, C1, A2, A1, procesos libres, concursos varios, estabilizacións..

Dende hai un tempo están a desenvolverse diversos procesos selectivos por quenda de promoción interna e libre. O caso é que emprego público demora tanto en resolver as diversas fases e tarda tanto en pasar ás seguintes (aínda que poda facelo) que, en moitas ocasións, solápanse as novas convocatorias co a resolución das antigas. Isto fai que os empregados públicos non teñamos a posibilidade de planificar o noso tempo dun xeito adecuado.

As novas convocatorias dos grupos C2, C1, A2 e A1 de promoción interna están previstas para outubro de 2025 e os exames a maioría para maio e algúns para xuño. Moitos/as dos/as traballadores/as están inmersos en anteriores convocatorias e están pendentes da fase de concurso para saber se obtiveron praza.

Por poñer un par de exemplos, as persoas que promocionan dende asociacións profesionais ao grupo C2, levan esperando dende abril; e as que promocionan do grupo C2 ao C1 fixeron o único exame da promoción... o 2 de febreiro!! Se Emprego Público actuara con algo de axilidade, moitos/as deles e delas poderían planificar o verán para estudar ou apuntarse unha academia ou, por fin, para descansar de tanta lei. A desidia por parte de Emprego Público á hora de comezar as fases de concurso vai sempre en prexuízo das persoas traballadoras.

O mesmo pode dicirse do concurso xeral de traslados o dos concursos de escalas, que se convocan cada milenio e tardan outro milenio en resolverse, ou das fases de concurso de acceso libre, como a fase de méritos do proceso selectivo para a Inspección de Turismo, que levan esperando dende maio.

A espera é tan longa que, en ocasións, hai xente que acaba xubilada ou, no peor dos casos, xa nin está vivo (coñezo algunha situación de primeira man).

Confírmase a estafa: cando nos paguen os atrasos do 0,5% levaremos perdido o 2,30% en tan só tres anos

 

O Goberno ven de aprobar a suba salarial adicional do 0,5% confirmando a perda do poder adquisitivo do persoal empregado público . Esta miseria é froito do pacto salarial de CCOO e UGT, e agora pretenden de novo vender como un éxito o que foi un “pacto de perdas”

Os tres protagonistas da última tomadura de cabelo ás empregadas e empregados públicos saíron nestas últimas horas a felicitarse por algo insólito: imos cobrar os atrasos que nos deben! O goberno central, CCOO e UGT aplauden como un éxito que vaiamos cobrar unha suba do 0,5% cun carácter retroactivo de 18 meses.

Se xa é un escándalo que ese pagamento non se tivese producido cando correspondía (xaneiro do 2025) aínda o é máis que ninguén das persoas responsábeis poña o acento no realmente importante: como queda o poder adquisitivo dos e das empregadas públicas logo do pacto salarial 2022-24? Estivo ese pacto á altura das circunstancias? Respondeu á necesidade de recuperar o que nos recortaron previamente? Estabilizou cando menos o noso soldo ao respecto do IPC? Todas as respostas a estas preguntas son a mesma: un rotundo NON.

O efecto do pacto sindical estatal de 2022 (vencido en 2024) foi unha suba do 9.8% (computando xa o 0.5% que imos cobrar agora). Neste mesmo tempo, sen contar este ano 2025, o IPC subiu un 12,10%. Isto supón unha depreciación do noso salario dun 2,30%. 

A carreira profesional volve á mesa de negociación (17/07/25), acompañada dunha BOMBA PARA A CARREIRA ORDINARIA

 

Sete meses despois do primeiro borrador, envían para a Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) e Mesa Xeral (MX) de Empregados Públicos do xoves 17 uns novos textos dos graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento do desempeño para o persoal laboral). Á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal levoulle sete meses poñer cambios tan radicais como trocar a palabra “proposta” por “borrador”, e pouco máis.

A maiores, acompañano cun bombazo, un borrador de anteproxecto de decreto que regula o sistema ordinario de carreira. O texto endurece moitisimo os criterios para a obtención dos graos e engade o requisito dunha avaliación do desempeño que mesmo pode influir nos futuros concursos de traslados (mesmo pode supor a perda de destino).

Os graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional

Descargar:

Os documentos que achegan son idénticos aos que xa enviaran en decembro do 2024. Non aceptaron nin unha soa alegación.

E con isto seguimos no camiño dunha carreira profesional lenta, farragosa e cos pagos troceados en catro anualidades. Para o grao III farán falta 17 anos pero como non cobraremos o 100% ata 2028, así que na práctica serán 21 anos. E seguimos coas exclusións e condicionantes como estar en activo a 31 de decembro de 2024 ou ter que agardar a que decidan abrir o prazo para solicitalo (non é como os trienios, que o cobras en canto os cumpres).

Estas convocatorias extraordinarias tiñan que estar negociadas a finais do 2024. E a estas alturas aínda van á MSF para mediados de xullo, quedando pendente a súa aprobación en Comisión de Persoal e publicación en DOG, cando xa estamos en pleno verán. 

Queremos unha carreira profesional sen tronzar en anualidades, automática ao cumprir os requisitos e para todo o persoal, que non dependa da vontade de que a Xunta decida convocar, nin se empregue para chantaxear ao persoal empregado público. 

Carreira profesional ordinaria e avaliación do desempeño

Descargar

O sistema ordinario de carreira tiña que estar negociado antes do verán do ano 2019, segundo o Acordo de concertación do emprego público de Galiza asinado por Xunta+CCOO+UGT. E cando estamos en pleno verán do 2025, envían un borrador directamente á MSF, sen ningunha xuntanza previa, sen borradores de traballo, cun texto durísimo.