Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 29 de xullo de 2016

Borrador do acordo de creación da categoría laboral de bombeiro/a forestal

Achega a Dirección Xeral da Función Pública outra proposta máis de acordo, e ogallá todos os días fosen período preelectoral, na que ao final admiten a demanda da creación desta categoría laboral entre as traballadoras e traballadores do Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais.  Do da reclasificación do resto de categorías de persoal laboral ou do concurso de traslados, nada de nada.

E é que o que non se di é que isto é de obrigado cumprimento para a Xunta de Galiza dado que a lexislación vixente require tal recoñecemento aos traballadores e traballadoras forestais que desempeñan tarefas de prevención e extinción de incendios forestais. A dita proposta recolle tamén o establecemento dunha segunda actividade desligada da extinción directa dos incendios forestais.

O acordo en cuestión deberá pasar os trámites de aprobación da Mesa Xeral coma da Comisión de Persoal, antes da correspondente modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Conselleria do Medio Rural.

Texto da proposta do acordo

martes, 26 de xullo de 2016

Publicada no DOG a resolución do concurso de traslados de corpos xerais

Tal e como anunciábamos a semana pasada, no DOG de hoxe, 26 de xullo, publícase a resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia. O dito concurso foi convocado no DOG do 20 de maio do 2015.

Nesa resolución pódense consultar os listados de asignacións ás persoas que solicitaron postos tanto na primeira fase como na fase de resultas. Tamén tedes os listados noutro formato máis manexábel aquí.

A orde indica que difiren o prazo de toma de posesión ata que se publique no DOG unha resolución na que se indique a data de inicio dos ditos prazos, previsiblemente a mediados de setembro.

Borrador da convocatoria de 20 prazas do proceso selectivo de axentes de gardacostas

Achegounos a Dirección Xeral de Función Pública o primeiro borrador do proxecto de orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza.

Trátase dun total de 20 prazas, das cales 5 están reservadas para a quenda de promoción interna. O sistema selectivo será o de oposición. A dita convocatoria resulta da execución da Oferta de Emprego Público para o ano 2015. Alegacións até o día 28 de xullo.

xoves, 21 de xullo de 2016

Concurso de traslados de corpos xerais: adxudicacións definitivas publicadas no web de Función Pública

Cun correo electrónico enviado pouco antes, e case por sorpresa, a Dirección Xeral de Función Pública colgou hoxe a última hora da mañán as listaxes de adxudicación definitiva de postos do concurso de traslados de corpos xerais.
Comunican tamén que a publicación da resolución e os anexos no DOG será o día 26 de xullo, coma estaba anunciado. Noraboa ás persoas que conseguiron o posto que buscaban.

Comisión de Persoal do 19 de xullo: mix de RPTs e recoñecemento do tempo do servizo militar a efectos de trienios

O martes 19 de xullo reuniuse a Comisión de Persoal para aprobar varios asuntos: RPT de Infraestruturas e Vivenda, RPT de Política Social, creación e Estatutos do Instituto Galego de Consumo e Competencia (IGCC),  e recoñecemento do servizo militar a efectos de trienios para persoal laboral e RPT de Economía, Emprego e Industria.

RPT de Infraestruturas e Vivenda

A CIG recoñece o talante negociador da consellería, pero mantemos a nosa disconformidade coa amortización de 8 postos de traballo (7 postos base de persoal funcionario e 1 de limpador). Rexeitamos tamén a cobertura de postos mediante Concurso Específico.

CIG, CCOO e UGT votamos en contra. CSIF abstívose.

A CIG reclama medidas excepcionais na loita contra os lumes coincidindo coas altas temperaturas

A central amosa a súa solidariedade cos feridos/as nos incendios de Ribas de Sil e Lobios


A CIG- Administración reclámalle á Xunta a adopción de medidas excepcionais de precaución na intervención dos incendios forestais coincidindo coas altas temperaturas, xa que nestas condicións a perigosidade no traballo aumenta exponencialmente, tal e como se puido comprobar nos recente lumes de Ribas de Sil e Lobios. Ao mesmo tempo, a central amosa a súa solidariedade cos brigadistas feridos/as nestes incendios e coas súas familias.

mércores, 20 de xullo de 2016

Chamamento da CIG ante a celebración do Día da Patria Galega

A CIG chama ás traballadoras e aos traballadores galegos a participar nos actos que o nacionalismo galego celebre en Santiago de Compostela, e por Galiza adiante, o dia 25 de xullo, para conmemorar o Día da Patria Galega.


A celebración do Día da Patria Galega supón para a clase traballadora galega unha data de reivindicación, conxuntamente co resto das clases populares galegas, do dereito que temos os galegos e galegas a decidir por nós mesmos o noso futuro como nación, a autogobernarnos e a poder vivir e traballar na nosa terra nunhas condicións dignas.