Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 29 de xullo de 2016

Borrador do acordo de creación da categoría laboral de bombeiro/a forestal

Achega a Dirección Xeral da Función Pública outra proposta máis de acordo, e ogallá todos os días fosen período preelectoral, na que ao final admiten a demanda da creación desta categoría laboral entre as traballadoras e traballadores do Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais.  Do da reclasificación do resto de categorías de persoal laboral ou do concurso de traslados, nada de nada.

E é que o que non se di é que isto é de obrigado cumprimento para a Xunta de Galiza dado que a lexislación vixente require tal recoñecemento aos traballadores e traballadoras forestais que desempeñan tarefas de prevención e extinción de incendios forestais. A dita proposta recolle tamén o establecemento dunha segunda actividade desligada da extinción directa dos incendios forestais.

O acordo en cuestión deberá pasar os trámites de aprobación da Mesa Xeral coma da Comisión de Persoal, antes da correspondente modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Conselleria do Medio Rural.

Texto da proposta do acordo


PROPOSTA DE ACORDO ENTRE A XUNTA DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, CCOO, CSIF E UGT SOBRE OS BOMBEIROS FORESTAIS E A SÚA SEGUNDA ACTIVIDADE.

Un dos pilares fundamentais na prevención, defensa e extinción dos incendios forestais son os empregados públicos que desenvolven as súas funcións dentro dos operativos xestionados pola consellería competente nesta materia. O grao de profesionalidade acadado por eles ao longo da historia da Comunidade Autónoma Galega son exemplo de bo facer no conxunto do Estado.

No acordo 3 do Anexo do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta da Galicia  denominado: “Condicións especiais de traballo do Persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia” establecese:

“3.18. Compromiso de cambio de denominación das categorías profesionais do SPDCIF, peón, peón-condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e vixilante móbil a bombeiros forestais.
3.10. Xubilación. 1. Todo o persoal laboral dedicado á extinción de incendios, unha vez cumpridos os 60 anos, poderá pasar voluntariamente a unha segunda actividade, desligada da extinción directa, que desenvolverá no mesmo ámbito territorial en que viña desempeñando o seu posto”.

Mantidas diversas xuntanzas cos representantes dos traballadores estes manifestan o interese do colectivo no cumprimento do compromiso recollido no convenio colectivo sobre o cambio de denominación de categorías. 

Este cambio de denominación afecta a un colectivo duns 1400 traballadores. Neste colectivo inclúese o pertencente á categoría de oficial de defensa contra incendios forestais, xa que tamén prestan os seus servizos nas brigadas e as súas actuacións están ligadas directamente a actividades tanto de prevención como de extinción.

Coa sinatura do Acordo do 27 de marzo de 2013 para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, favoreceuse a xubilación do persoal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios que tendo 61 anos cumpridos cumpra cuns requisitos determinados no propio acordo. Na súa virtude, neste momento, 42 empregados do SPDCIF teñen accedido á xubilación parcial.

Co fin de seguir avanzando na mellora das condicións de traballo do persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, e tomando en consideración as súas singularidades, as partes acordan establecer por primeira vez no ámbito da administración xeral da Comunidade Autónoma as bases para o desenvolvemento da segunda actividade deste colectivo profesional.

Deste xeito o acordo da solución ás consecuencias do envellecemento deste colectivo sen renunciará súa experiencia profesional.

Unha vez negociado o presente acordo e no seo da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia do día ** de xullo de 2016 a administración e as organizacións sindicais    CIG, CCOO, CSIF e UGT,

ACORDAN a inclusión do termo “bombeiro/a forestal” na denominación de varias categorías do persoal de prevención e extinción de incendios forestais e o establecemento da segunda actividade do persoal de prevención e extinción  de incendios forestais da Consellería do Medio Rural segundo o que a seguir se establece:


I. BOMBEIRO FORESTAL

Primeiro.-Modificase o anexo de categorías do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia engadindo á denominación das categorías: peón, peón-condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e oficial forestal de defensa contra incendios forestais vinculadas a prevención e extinción de incendios forestais o termo “bombeiro/a forestal” de forma que o nome das categorías sinaladas muda para quedar do seguinte xeito:

        Peón bombeiro/a forestal
        Peón-condutor/a bombeiro/a forestal
        Xefe/a de brigada bombeiro/a forestal
        Condutor/a de motobomba bombeiro/a forestal
        Oficial de defensa contra incendios forestais bombeiro/a forestal.

Segundo.-A modificación da denominación das categorías non comportará, en ningún caso modificación das súas funcións actuais  (especialmente tanto as de  prevención de incendios forestais como outras de carácter forestal). O cambio de denominación tampouco suporá modificación das súas retribucións nin  reclasificación de grupo profesional.

Terceiro.-O cambio de denominación non orixinará incremento de gasto para a Xunta de Galicia.

Cuarto.-A Consellería de Facenda a través da Dirección Xeral da Función Pública promoverá tanto a modificación do Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia para adaptalo ao presente acordo como a modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería do Medio Rural para o cambio de denominación das categorías afectadas. Así mesmo as partes autorizan a que esa dirección xeral realice os trámites oportunos ante a autoridade laboral conducentes ao rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do presente documento.

Quinto.-No que se refire ao réxime de cotizacións á seguridade social estarase ao que dispoña a normativa Estatal.

II. SEGUNDA ACTIVIDADE.

Conscientes, tanto a administración como as organizacións sindicais, dos riscos laborais deste colectivo que se acentúan coa maior idade dos seus integrantes e co fin de posibilitar o pase á segunda actividade durante os meses de máximo risco de perigo de incendios forestais acórdanse as bases da mesma:

Primeiro.-Segunda actividade.
A segunda actividade consistirá na realización de tarefas preventivas e/ou de apoio loxístico ao SPDCIF sen que elo comporte unha vinculación directa ás labores de extinción de incendios.

A segunda actividade será en todo caso voluntaria.

Segundo.-Requisitos
Poderán pasar a segunda actividade os empregados que pertenzan a algunha das categorías relacionadas no punto primeiro do apartado anterior deste acordo sempre que concorran os requisitos que a seguir  se indican:

a) Ter cumpridos 60 anos de idade.
b) Non estar acollidos a xubilación parcial..
c) Formular solicitude expresa nos termos previstos no procedemento que se estableza en desenvolvemento do presente acordo que se concretará e negociará coas organizacións sindicais.


Segundo.- Contratación de persoal laboral.
As contratacións de persoal substituto que sexan necesarias para dar apoio á brigada forestal durante os meses de máximo risco de incendios forestais a causa do pase á segunda actividade dos titulares dos postos de traballo realizaranse a través das listas de contratación temporal da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, ** de xullo de 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario