Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 26 de xaneiro de 2017

OPE e retribucións 2017: moito fume e pouca leña

Outra volta volven desde a Xunta a anunciar que van convocar 3.000 novas prazas na Oferta de Emprego Público para 2017 pero de novo só fume. Na presentación dos Orzamentos para este ano prometeuno o conselleiro de Facenda; iso, e por enésima vez, que recuperaremos o complemento específico nas pagas extras.

Os matices

1) Que "a ver se chegan" a 3000 prazas. De momento promesas.

2) Isto sería só para "ensino, saúde e servizos sociais". Insuficientes. A penas chegan para cubrir as persoas que se xubilaron (ou morreron) o ano pasado. Ou sexa, que manterían o nivel igual co ano pasado, sen tentar recuperar todo o persoal que se perdou en anos anteriores con taxas de resposición do 10% ou 50% nestes sectores "prioritarios".

3) Nada dixo de Administración xeral.

Mobilízate coa CIG en defensa do sistema público de pensións

ANTE AS AMEAZAS CONSTANTES ÁS NOSAS PENSIÓNS, MOBILIZATE COA CIG EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE  PENSIÓNS. QUE NON NOS ROUBEN AS NOSAS PENSIÓNS !!!

A CIG convoca unha Manifestación Nacional o vindeiro sábado 28 de xaneiro en Santiago de Compostela en defensa do sistema público de pensións.

A marcha, que partirá da Alameda ás 12.00 horas, fai parte da campaña de mobilizacións deseñada pola central sindical co obxectivo de recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos.

Desde as comarcas  disporemos de buses de balde, mais compre que te informes no local da CIG que teñas máis cercano.

Persoal da Área Pública demanda no Parlamento servizos públicos de calidade e a recuperar dereitos

O 6 de febreiro volverán a concentrarse diante do Pazo do Hórreo coincidindo coa votación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2017


Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) concentráronse este mércores diante do Parlamento de Galiza para demandar uns servizos públicos de calidade e a recuperación dos dereitos laborais e salariais perdidos ao longo destes anos. A mobilización, que se repetirá o vindeiro luns, día 6 de febreiro, coincidiu co debate e votación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017.

martes, 24 de xaneiro de 2017

A Xustiza chimpa outra oposición máis na Xunta: Delineantes 2013

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza obriga a repetir o exame práctico da oposición convocada no 2013


Estes días saíron na prensa moitas noticias sobre irregularidades en procesos selectivos da Xunta que dan lugar a admisión de aspirantes suspendidos, repetición de probas, rebaremación de notas… pero nunca a asunción de responsabilidades por parte dos tribunais e de quen os nomeou, ou sexa Función Pública a través do señor Barreiro.

Hoxe traemos aquí outra chapuza examinadora por parte desta Administración; o caso é que no ano 2014 realizáronse os exames para varias prazas da escala de Delineantes convocados no 2013 e no exame práctico había dúas opción: a opción B que non dou problemas, e a opción A que tiña un exame irresoluble e que fixo que cada opositor tivese que buscarse a vida, sen datos obxectivos, para poder elaboralo.

Boletín especial - Lei de medidas 2017

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2aDVCVUdncmdFUFp3aWY3N3QyRjFnSi1MNUdB/view
Xa está dispoñible para descarga o boletín especial da CIG sobre a Lei de medidas 2017. Neste especial poderás atopar os seguintes artigos:
  • Os empregados públicos da Xunta sempre na incertidume
  • Funcionarizar ou precarizar
  • Eliminación de dereitos
  • Creación de Escalas para facer de todo
  • A CIG e a funcionarización
Descargar boletín

venres, 20 de xaneiro de 2017

Publicada a segunda edición da guía de conciliación da CIG

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2TG5tckdCMUswYjhBTWkxSTBPQkFWdFYzMWVJ/view?usp=sharing

Damos resposta ás túas dúbidas sobre prestacións e dereitos relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral, e outras medidas de igualdade de oportunidades no traballo.


Desde a Secretaría da Muller da CIG comprobamos na atención á afiliación que, día a día, medra a preocupación das traballadoras e traballadores sobre os dereitos relacionados coa súa maternidade e paternidade, e, en xeral, coa conciliación da súa vida familiar e laboral. Son moitas as dúbidas sobre cal é o marco legal que as e os protexe e a que prestacións teñen dereito. De aí que decidiramos reeditar a guía e mesmo ampliala con respostas a novas dúbidas xurdidas tras a aplicación das últimas reformas.

xoves, 19 de xaneiro de 2017

Orzamentos 2017: mobilizacións en defensa dos servizos públicos e a recuperación dos dereitos roubados

CIG-Área Pública convoca concentracións o 25 de xaneiro e o 6 de febreiro no Pazo do Hórreo


Co gallo do debate e votación dos Orzamentos da Xunta para o ano 2017, a Área Pública da CIG ten convocadas mobilizacións, ás 12 horas, diante do Parlamento Galego o vindeiro mércores 25 de xaneiro e o luns 6 de febreiro, en defensa duns servizos públicos e de calidade e para demandar a recuperación dos dereitos laborais e salariais "roubados nos últimos anos".

Con estas concentracións, explica Maricarme López Santamariña, voceira da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) quérese amosar o rexeitamento aos orzamentos da Xunta argallados polo goberno do PP para este ano así como á lei de acompañamento.