Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 28 de febreiro de 2018

O deber inescusable de coidar ás crianzas enfermas: solicitamos a mesma interpretación que na Administración Xeral do Estado

Un deber que da lugar a un permiso na Administración Xeral do Estado


A CIG solicitou á Dirección Xeral de Función Pública a reunión da comisión de seguemento de vacacións, permisos e licenzas, co fin de que se recolla, ao igual que na Administración Xeral do Estado, que o coidado domiciliario das crianzas, sempre que se acredite mediante certificado médico, é un deber inescusable que dá dereito a un permiso polo tempo necesario.

Para o Ministerio de Hacienda e Función Pública a paternidade constitúe unha obriga persoal de carácter inescusable para a persoa titora, polo que o traballador ou traballadora poderán acollerse ao permiso por deber inescusable de carácter público para subministrar coidados domiciliarios ás súas crianzas, sempre que a dita necesidade se acredite mediante certificado médico.

Cambios nas ordes das convocatorias de procesos selectivos de cara a Comisión de Persoal

As ordes das convocatorias das 487 prazas de corpos xerais acumuladas de ofertas públicas anteriores van quedando perfiladas. A continuación, deixámosvos unha descrición dos principais cambios, así como o acceso aos borradores que sufriron estes cambios e que moi probablemente xa se convertirán nos definitivos que irán ao DOG

Todas as convocatorias levan esta mención: A realización deste exercicio non terá lugar antes dos dez (10) meses posteriores a data de publicación desta convocatoria no DOG. Agora que sabemos ata cando non vai ser o primeiro exame, estaría ben saber cando se van publicar no DOG e especialmente que "non terán lugar despois de..."

A Xunta abre o prazo de inscripción nas listas de emprego temporal da administración galega

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 de marzo, ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 26. Delas, sete listas son para traballar como persoal funcionario interino e 17 para traballar como contratado laboral, ás que hai que engadir outras dúas para persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

luns, 26 de febreiro de 2018

A CIG recorre o tribunal da escala de veterinaria por ser contrario a Dereito

A CIG ven de recorrer a orde da Consellaría de Facenda mediante a que se designou o tribunal que vai xulgar o proceso selectivo de acceso ao Corpo facultativo superior do subgrupo A1, escala de veterinarios.

Das cinco persoas nomeadas como membros dese tribunal, tres delas (o presidente e dous vogais) son da escala de veterinaria. As outras dúas (a secretaria e unha vogal) son funcionarias do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

Isto vulnera gravemente o Decreto 95/1991 polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Comunidade Autónoma de Galicia . Do mesmo xeito tamén se ven vulneradas as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección que din, expresamente que Os tribunais que xulguen as probas selectivas relativas a persoal funcionario non poderán estar compostos maioritariamente por funcionarios/as dos corpos ou escalas de que se trate. Así mesmo, ningún membro terá titulación inferior á esixida para ser admitido/a ás probas.
 

2 de marzo: asembleas da folga do 8 de marzo nos Servizos Centrais da Xunta

Este venres, 2 de marzo, terán lugar dúas asembleas informativas sobre a folda de mulleres do 8 de marzo nos Servizos Centrais: 
  • 10:30h: San Caetano, salón de actos, nº2
  • 12:30h: San Lázaro, salón de actos de Sanidade
Estarán con nos: Lucía Freire Ces, secretaria da Muller da Comarca de Compostela, e Carolina Castro Baamonde, secretaria da Muller da Federación da Administración Pública. 

Sóbrannos razóns para irmos á folga! Máis información

mércores, 21 de febreiro de 2018

Feijóo vota en contra da supresión da lei de medidas "temporais" do 2012

Lembrades cando o propio Feijóo dixo aquelo de "non lle podo pedir máis ao noso persoal público"?  Era xullo de 2012 e acababan de secuestrarnos a paga extra de nadal, secuestro que duraría anos. Pouco despois, Feijóo volvería a innovar en recortes no sector público, coa supresión do complemento específico da paga extra durante 3 anos. O martes, 20 de febreiro, volveu a dicir unha cousa e facer o contrario.

Este 20 de febreiro debateuse no Parlamento de Galiza a proposición de Lei, presentada pola organización política EN MAREA para a derrogación da Lei 1/2012, de medidas temporais do emprego público de Galiza excepto a suspensión do plus dos ex-altos cargos.

Galiza foi o laboratorio de probas dos recortes contra as traballadoras e traballadores públicos desde a implantación a comezos do 2012 da nosa propia lei de medidas; logo viría a do Estado español. Esas medidas ben que anunciaron que ían ser temporais e logo ou aí quedaron ou mesmo as incorporaron á lei de emprego público como a do desconto na nómina por incapacidade temporal independentemente do cadro de persoal de baixa, por certo, polo que moito sentido do aforro non ten, senón máis ben punitivo.