luns, 17 de xullo de 2017

A Xunta gasta 3 millóns de euros en publicidade desde 2013 para animar a ter crianzas

Leva destinados ao redor de 3 millóns de euros desde 2013 para "accións divulgativas e información vencellada ao fomento da natalidade nos medios de comunicación". Hai cartos para publicidade, logo faltan prazas en escolas infantís, por exemplo.

No 2017 serán 770.000 € máis os destinados para campañas de publicidade que animen ás galegas e galegos a ter descendencia. A polémica é que no canto de adicalos a políticas sociais, por exemplo, vai  adicado a inserir publicidade nos medios de comunicación, como se con iso se solucionase todo. E a proba de que non funciona, son os datos de saldo vexetativo destes anos.

Por moito que insistan, o noso non é actualmente un pais que invite á procreación, nin invite aos mozos e mozas a quedarse, por desgraza "é país para vell@s" e por desgraza tamén, esgotan os escasos recursos que adican aos servizos públicos en campañas ridículas como esta na que gaban das moitas axudas e posibilidades que tes na Galiza se te decides a ter fillos ou fillas.

Así en convenios de colaboración que se denominan de "acción divulgativa e de información" destinaron máis de 1,5 millóns de euros á Voz de Galicia en 5 anos. Outros medios favorecidos foron Faro de Vigo, El Progreso, La Región, Onda Cero, a Cadena Cope. En 2017 serán 770.000 €, no 2016 foron 800.000 € e 508.132,94 €, 263.553,72 € e 495.867,77 €, respectivamente, en 2015, 2014 e 2013. 

A suma total ronda os 3 millóns de euros que saen do Plan Galego de Dinamización Demográfica de Galiza inaugurado no 2013 e que como buques insignia, a parte das campañas en publicidade, ten o malchamado "cheque gardería" e a "tarxeta benvida", medidas polémicas, a primeira por camiñar cara a privatización da etapa de escolas infantís de 0 a 3 anos e a segunda polo seu limitado uso e efecto totalmente coiuntural.

Por se fóra pouco, o sistema elixido para o reparto dos cartos entre os medios de comunicación foi o convenio no canto do contrato, moito máis sutil o primeiro, esquivando así a publicidade e a concorrencia pública. Convenios nos que como xa temos denunciado moitas veces non hai colaboración senón un contrato encuberto de publicidade.

Fonte: GC

Ningún comentario:

Publicar un comentario