Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 28 de decembro de 2017

Os salarios públicos ficarán conxelados no 2018

No DOG do 28 de decembro publícase a Lei galega de orzamentos e a súa lei de acompañamento con importates medidas sobre o persoal público.


Un ano máis, trala publicación no DOG da Lei galega de orzamentos, os salarios do persoal público que depende da Administración autonómica fican conxelados. Haberá que agardar a ver que pasa cos orzamentos do estado. E mentres, para xaneiro xa veñen anunciadas subas importantes de servizos básicos como o gas, a luz ou as telecomunicacións, amáis das peaxes, especialmente a da AP9.

A lei publicada hoxe no DOG recolle que os salarios públicos do persoal que cobra da Administración galega non poderá experimentar variación con respecto ao 2017. Iso si, adicionalmente engade, coma fai sempre, que calquera variación que se acorde a través da Lei de orzamentos do estado español pois se nos aplicará igualmente. O caso é o qué e o cando.

mércores, 27 de decembro de 2017

Resumo do Consello reitor da EGAP do 27/12/2017

Reunión de trámite con lectura e aprobación da acta anterior, informe de fin de ano e estado de execución de orzamentos actuais coa proposta de formación para 2018 na que a directora da EGAP destaca a aposta pola teleformación e autoformación e anuncia como novidade unha convocatoria extraordinaria daqueles cursos que rexistren máis solicitudes.

Na súa rolda de intervencións, a CIG fai crítica dos escasos datos proporcionados pola EGAP, o plan de autoformación, a infrautilización dos sistemas de videoconferencia, a falta de accesibilidade nas aulas das xefaturas territoriais ou a discriminación do persoal do subgrupo C1 ou grupo III no curso superior de administración electrónica.

venres, 22 de decembro de 2017

Reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral 20/12/2017

O punto central da orde do día foi a presentación e debate da programación das actividades preventivas  da Xunta de Galiza para 2018: avaliación de riscos, vixilancia da saúde e formación. 

En varios a CIG solicita a revisión e mellora do seguro de accidentes das empregadas e empregados públicos.

Agasallos de Nadal a tutiplén para altos cargos da Xunta

Un ano máis chegou o Nadal e como todos os anos soben os mariscos, hai turrón nas tendas, vén o sorteo da lotaría...e tamén chegan os agasallos para os altos cargos da Xunta de Galiza, estes nosos xestores tan necesitados eles dun detalle dos clientes de turno.

Este ano parece que viñeron co ciclón “Ana”, porque veñen con máis forza, máis cantidade e a onde non debían, chegan sobre todo por correos ao departamento de paquetería da Xunta de Galiza e logo precisan que as traballadoras e traballadores públicos os acheguen ao despacho adecuado.

O Goberno de Feijóo iguala a sanidade privada coa pública

A plataforma SOS Sanidade xa convocou protestas para o próximo 4 de febreiro


O Goberno de Feijóo aprobou o pasado xoves 7 de decembro a reforma da Lei de Saúde de Galiza, coa que recupera o texto da elaborada pola Xunta do PP antes do bipartito. Deste xeito pon ao mesmo nivel a sanidade pública e a privada e recentraliza os servizos sanitarios, dificultando o acceso das persoas que viven nas zonas máis rurais ou illadas. A plataforma SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, acordou xa convocar mobilizacións para o vindeiro día 4 de febreiro.

O PP renuncia a unha tarifa eléctrica galega

Rebaixou a ILP presentada pola CIG a unha lei pola eficiencia enerxética


O PP transformou definitivamente a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) por unha tarifa eléctrica galega, impulsada pola CIG, nunha lei pola eficiencia enerxética. O partido de Núñez Feijóo considera que é “separatista” reclamar unha tarifa diferenciada para Galiza, mais defende sen problema a tarifa industrial vasca, non só no Estado español, senón mesmo diante de Competencia da Unión Europea.

mércores, 20 de decembro de 2017

Publícanse as listas definitivas de substitución para persoal laboral e funcionario de Administración xeral da Xunta de Galiza

O DOG do 20/12/2017 recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, reguladas no Decreto 37/2006.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública, epígrafe de «Listas de contratación»; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

martes, 19 de decembro de 2017

A CIG mobilízase contra uns orzamentos para 2018 que desmantelan e privatizan os servizos públicos

Persoal da administración pública, ensino e sanidade concentráronse no Parlamento


Delegadas e delegados da CIG-Saúde, CIG-Ensino e CIG-Administración concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza para manifestar o seu rexeitamento aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018, porque avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

luns, 18 de decembro de 2017

Abrese o prazo extraordinario para apuntarse nas listas de bombeir@ forestal

No DOG do 18/12/17 publícase a resolución do 12 de decembro da Dirección Xeral da Función Pública para a apertura de determinadas listas dentro das categorías de Bombeir@s forestais.
Ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para a contratación temporal de persoal laboral do grupo IV, categoría 033 (bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba), e do grupo V, categoría 014 (bombeiro/a forestal).

venres, 15 de decembro de 2017

Concentración da Área Pública da CIG contra uns Orzamentos para 2018 que seguen a desmantelar os servizos públicos

Terá lugar o martes 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza


A Área Pública da CIG concentrarase o vindeiro martes, día 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza coincidindo co pleno no que o PP aprobará a Lei de Orzamentos para 2018. Denuncia que avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

Os orzamentos para 2018 van acompañados polo chamado “Acordo de Estabilidade” asinado por CCOO, UGT e CSIF co goberno da Xunta. Un calco do asinado en Madrid que ratifica a renuncia a recuperar postos de traballo nas administracións públicas e só avanza unha tímida redución da temporalidade.

Calendario laboral 2018

https://drive.google.com/file/d/1IpG8KrRMk2Pkp2TPa9gCBQk6l0NceyVG/view?usp=sharing
Pica na imaxe para descargar

Xa dispoñible para descarga o noso calendario laboral 2018 (inclúe festivos en Compostela) 


A Xunta aprobou no DOG 14/09/2017 o calendario laboral do 2018, con datas festivas habituais como o Día Nacional de Galiza ou o Día das Letras.

Desta volta o 17 de maio é un festivo recuperábel en función do criterio de cada empresa, ao non cadrar en domingo ningún festivo estatal co que intercambialo, como xa acontecera outros anos como 2000, 2001 ou 2007. A estas xornadas festivas engádense as de ámbito municipal.

martes, 12 de decembro de 2017

OPE da Xunta 2017: segue a precariedade no emprego público

No DOG do 12/12/2017 publícase a ridícula Oferta de Emprego Público da Xunta para Administración xeral no 2017.


Esta oferta é ridícula non só polo reducido número de prazas convocadas agora que xa "superamos a crise económica", senón polo burdo engano que supón, que ten máis de propaganda política que de  cubrir as necesidades dos maltreitos servizos públicos. E ademais de ridícula, chega bastante tarde, a finais de ano.

Se quitamos das 789 prazas ofertadas en Administración Xeral, as 150 de promoción interna separada e as 213 de consolidación de persoal laboral (derivadas xa daquela OPE de 2008 nunca executada), quedan 426 porque as anteriores non elevan a taxa de reposición. Que falando de taxa de reposición, esta só é do 100% nos "sectores prioritarios". Quer dicir isto que na maoría de casos só cubren 1 de cada 2 xubilacións, amortizando o resto das prazas, ou máis ben, o crédito equivalente, creando cada vez unha estructura piramidal de recursos humanos máis invertida.

luns, 11 de decembro de 2017

Publícase a resolución do Fondo de Acción Social 2016

Malia cambiar as circunstancias económicas, a Xunta mantén este recorte desde 2012.


No DOG do 11/12/2017 publícase a resolución e distribución final da concesión das axudas do Fondo de Acción Social do exercicio económico do ano 2016: axuda para a atención de persoas con discapacidade

As listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública.

As persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución.

venres, 1 de decembro de 2017

OPE Xunta 2017: Coleccionando ofertas de emprego, que é de balde

A Administración ten paralizadas as Ofertas de Emprego dos anos 2015 e 2016, as dúas practicamente sen executar.


Despois do Acordo de Estabilidade, que non de mellora do Emprego Público, a Xunta saca unha microoferta de emprego, onde non hai nin estabilización nin practicamente promoción interna.

Esta OEP é produto dese Acordo de Estabilidade que asinaron CCOO, UGT e CSIF, aínda que pretendan agora desvincularse, votando en contra desta OEP na Comisión de Persoal, xa que o acordo abrangue as ofertas de emprego ordinarias e extraordinarias, tanto de estabilización como de promoción interna no período 2017-2020.  Publícase no DOG do 12/12/2017.