Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 30 de abril de 2018

Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras de xustiza

Fracasa nas asembleas a "traizón" orquestrada pola Xunta con USO, CCOO, UGT e CSIF. En vista dos resultados, CIG, CUT e STAJ convocan a Xunta para retomar as negociacións o vindeiro mércores, 2 de maio.

venres, 27 de abril de 2018

Boletín CIG Saúde Laboral Nº 27 - Correcta determinación da continxencia nun proceso de IT

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Boletin%20CIG%20Saude%20Laboral%20N%C2%BA%2027.%20Version%20galego.pdf
A miúdo os traballadores e traballadoras padecen as consecuencias derivadas dunha incorrecta determinación da continxencia que da lugar á incapacidade temporal; este feito ten consecuencias tanto económicas como médicas e de seguimento futuro da doenza. Neste número do Boletín repasamos os motivos polos que é tan importante a correcta determinación da continxencia, así como o procedemento administrativo a seguir en caso de desacordo coa continxencia determinada polo facultativo que expide o parte de baixa.

Neste Nº 27 do Boletín CIG Saúde Laboral, o Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral publica un total de  cinco artigos encadrados nas súas seccións: Sabías que...? A fondo; Documento-Análise; Opinión e Información Técnica.

mércores, 25 de abril de 2018

25 de abril, 44 anos depois, a Revolução dos Cravos ainda é necessária

Hoje o 25 de abril é máis necesario que nunca vendo a situación de represión gris que nos asolaga. Mentres o noso país irmao soubo saír da ditadura cunha revolución pacífica, aquí o ditador morreu na cama e se fixo a "transacción". E mentres tamén, o noso país veciño foi quen de recuperarse da crise financieira con outro tipo de políticas axudando ás persoas que máis o necesitan e non ás máis poderosas; recuperación da que non se fala tanto nos medios de comunicación, precisamente en mans das persoas poderosas.

martes, 24 de abril de 2018

A represión fica acampada dentro de San Caetano

Desde a nosa sección sindical do persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, queremos manifestar o noso apoio á mobilización das compañeiras e compañeiros de Xustiza e á folga indefinida que manteñen durante máis de 77 días  tentando que a Xunta se volva a sentar a negociar. Na enésima mobilización, acamparon diante de San Caetano pero non é esta a única acampada, senón tamén acampou a represión do Goberno da Xunta e nomeadamente o do seu Vicepresidente, Alfonso Rueda, acosumado a impoñer a súa vontade e usando a policía para fins políticos.

Desde hoxe a Policía xa non deixa entrar ás compañeiras e compañeiros no edificio administrativo (acudían tranquilamente á cafetería ou ao noso local sindical en San Caetano) e todo porque levan as camisetas de cor azul co lema de "Xustiza en loita. Dignidade e Resistencia". Ao PP xa non só lle molesta o amarelo, tamén o azul e como segan con esta represión de protestas pacíficas o único que van deixar é o gris da época de Franco.

A CIG chama á clase traballadora galega a mobilizarse no Primeiro de Maio no camiño da folga xeral

Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas


A CIG convoca manifestacións en cidades e vilas para o vindeiro Primeiro de Maio, Día da Clase Obreira, baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical fai un chamamento a camiñar cara a unha folga xeral “no convencemento de que é a resposta necesaria” ante a situación que estamos a vivir.

Mobilizacións convocadas

luns, 23 de abril de 2018

O comité de folga de Xustiza acampa diante da Xunta en demanda de que se retomen as negociacións

Piden ao goberno galego que reflexione e que poña fin o conflito

Convocatoria extraordinaria de formación continua da EGAP

O prazo para as solicitudes remata o 3 de maio


A Escola Galega de Administración Pública convoca no DOG do 23 de abril un total de 108 edicións formativas que inclúe aqueles cursos que contaron cunha maior demanda durante este ano e tamén cursos específicos en materia de administración electrónica e seguridade.

Estas actividades van dirixidas ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Ademais, ofértanse actividades formativas a empregadas e empregados públicos pertencentes a outras entidades, organismos e institucións públicas cando así se establece na epígrafe "destinatario".

xoves, 19 de abril de 2018

Resumo da xuntanza co director xeral da Función Pública. 18/04/2018

Nesta reunión previa a unha vindeira Mesa Xeral tratáronse os seguintes temas: bases dos concursos de traslados permanentes, RPT de Economía, Industria e Traballo e as bases dos procesos de enxeñería de montes e enx. téc. forestal. 

En varios, a CIG preguntou por varios asuntos: a RPT da AXI e acordo persoal legoeiro, concurso da lei 17, comisión de seguimento das instrucións de permisos, vacacións e licenzas, xubilacións parciais, 17 de maio e temarios EGAP.

A Xunta pretende eliminar o concurso de traslados horizontal do persoal laboral

Ao incumprimento reiterado do concurso permanente cunha periodicidade mínima semestral, únese agora o intento de Función Pública de seguir cargándose o convenio ao comunicar que pretende non facer o concurso horizonal (ou cambio de categoría no mesmo grupo).


Na enésima xuntanza polos criterios xerais dos concursos de traslados que tivemos o 18 de abril de 2018, Función Pública manifestou que pretende eliminar o concurso de traslados horizontal de persoal laboral recollido no V Convenio Convenio Colectivo. A xustificación que dá Función Pública é que a convocatoria do concurso horizontal causará problemas na aplicación do II acordo de estabilidade, sen que chegaran a aplicar o primeiro.

A CIG empraza a UGT e CCOO a abrir o debate para a convocatoria inmediata dunha folga xeral

Paulo Carril: "É o momento dar unha resposta contundente na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora.

A CIG remitiu este mércores unha carta ás direccións de UGT e CCOO en Galiza e ás súas respectivas direccións estatais emprazando a ambas centrais sindicais a iniciar un debate serio e sosegado no que analizar as propostas reivindicativas e un calendario de actuacións que leven á convocatoria inmediata dunha folga xeral na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora.

venres, 13 de abril de 2018

O 13 de abril comezan e rematan todas as ventaxas da acción social da Xunta para o seu persoal

No DOG do 13 de abril coincidiron as publicacións das dúas convocatorias de acción social para o persoal da maior empresa do noso país. 

 
Unha vergonza que a Xunta de Galiza, co seu orzamento e a situación económica actual, siga  contemplando as mesmas dúas convocatorias para o seu persoal que no ano 2012. O Fondo de Acción Social fica recortado e nin sequera se plantexan recuperar a convocatoria nos termos que había no 2011 e só manteñen a axuda para a atención de persoas con discapacidade. Un agravio compartativo xa non só frente a empresas de menor tamaño senón fronte a outras Administracións públicas. Non é de estrañar que os compañeiros e compañeiras de Xustiza dixeran basta.

Ollo ás datas, a das prazas reservadas para fillos e fillas do persoal nas escolas infantís da Axencia de Servizos Sociais remata o 27 de abril e a do falso fondo de acción social remata o 4 de maio para presentar a instancia web. Para máis información consulta as convocatorias:

mércores, 11 de abril de 2018

Concentración de apoio ao persoal de Xustiza: 12 de abril en San Caetano

Os sectores da Administración autonómica da CIG, CCOO, CSIF e UGT convocan unha concentración de apoio mañá, xoves, 12 de abril, ás 11:00h diante de San Caetano (Compostela).


Porque a súa loita e as súas demandas son tamén as nosas: equiparación salarial, substitucións, eliminar os descontos por baixa laboral, etc. Levan máis de 60 xornadas de folga, con dignidade e resistencia, vencendo a prepotencia da maioría absoluta do PP que saca cartos para o que quere ou lle parece ben a equiparación salarial de Garda Civil ou Policía Nacional pero non a do resto de persoal público, para o que só lle agarda, no mellor dos casos, unha suba do 1,75% este ano, que nin repón o perdido nin contén a perda de poder adquisitivo.

Os sindicatos negámonos a reunirnos coa AMTEGA para unha modificación da RPT "ad hoc" mentres non solucionen a homologación salarial

O martes 10 de abril de 2018, convocounos o xerente da AMTEGA a unha xuntanza o vindeiro día 12 de abril para tratar unha modificación da súa Relación de Postos de Traballo. Como no día da marmota, volven a amortizar postos de niveis baixos para crear postos de nivel para "xente de confianza" e volven modificar dous postos LD para abrirllos  a dous colegas (un deles a persoal estatutario do Sergas e o outro a docente); o que abren a docente é o mesmo posto que abriron a Administración local no 2016 (agora queren "enchufar" a un docente, será alguén da URJC?).

Aproveitan tamén para pasar a LD dúas xefaturas de sección de nivel 25 (unha que xa existía e a outra de nova creación), supoñemos que para seguir "colocando" máis amigos. Curiosamente a de nova creación é de "apoio" EN MATERIA DE SEGURIDADE E PROTECIÓN DE DATOS  para o que xa existe outra sección co mesmo nome, oh sorpresa, esta por concurso. O peregrino é a explicación que dan na memoria como se todo o persoal funcionario non tivese deber de sixilo e a súa profesionalidade fose xenerada polo nomeamento en LD e non pola súa carreira. Un insulto ao colectivo de persoal funcionario da Xunta a xustificación que dan para cubir dous 25 por LD.

martes, 10 de abril de 2018

Aberto o prazo para matricularse nas probas de avaliación de autoformación até o 16 de abril

No DOG do 4 de abril convócase o plan de autoformación para todo o persoal das diferentes Administracións públicas do noso país.


Ademais de continuar realizando unha oferta formativa conxunta para todos os colectivos de empregados públicos, este ano descentralízanse as probas de avaliación das actividades deste programa. Consulta na convocatoria se algunha das 42 temáticas se adapta aos teus interses ou necesidades.

No programa de autoformación hai acceso permanente a contidos máis non hai a figura da persoa titora. Por un lado está a inscrición no acceso aos contidos (até o 20 de decembro) e por outra a inscrición nas probas de avaliación (até o 16 de abril), as cales son independentes e non vinculantes.

O futuro dos concursos de traslados na Xunta

"Menos discursos e máis concursos" foi un dos lemas estrela
das concentracións de San Caetano

Esiximos a  volta inmediata á negociación das bases dos concursos permantentes de traslados, así como a súa posta en marcha este ano.


A recente sentenza do TSXG sobre as comisións de servizo pon na picota o adiamento sine die da convocatoria da maioría de concursos de traslados, convertendo as comisións de servizo no sistema ordinario de provisión e o concurso no extraordianrio. Por citar só dous exemplos que afectan a miles de traballadores e traballadoras, os últimos concursos de persoal laboral foron no 2011 e o de corpos especiais no 2012.

O atraso sine die da convocatoria de concursos de traslados en base a unhas reformas que non teñen data ou nunca chegan, supón unha lesión de dereitos de mobilidade, promoción e conciliación do persoal público e non se pode tolerar.

Unha sentenza do TSXG obriga a Xunta a cambiar o seu proceder nas comisións de servizo

A sentenza 87/2018, de 28 de febreiro, recolle que nas comisións de servizo non basta só con que a persoa adxudicataria cumpra os requisitos de idoneidade, senón que, cando sexan varias as persoas solicitantes, é necesario que se exterioricen as razóns polas que se elixe a unha das persoas peticionarias e se lles notifique a todas elas a decisión final para darlle posibilidade de impugnación.

De acordo con esta esixencia de exteriorización das razóns concretas da concesión, e de acordo tamén co principio de transparencia que se cita na dita sentenza, esiximos da Administración autonómica que publique as listaxes de comisións de servizo por cada posto ao igual que se publican as resolucións do concurso.

Renda 2017: información xeral, servizo de asesoramento para a afiliación e dedución das cotas sindicais

Está aberto desde o 4 de abril o prazo para presentar a declaración da renda deste ano. Con carácter xeral tedes de prazo ata o 27 de xuño para presentar a declaración da Renda 2017 se o resultado é a ingresar e ata o 2 de xullo se é a devolver. 

Recordamos que as cantidades satisfeitas en concepto de cotas sindicais no ano 2017 desgravan na declaración do IRPF. Simplemente tedes que indicar a cantidade satisfeita no cadro 012 da declaración. No 2017 a suma de todas as cotas ordinarias na CIG foi, un ano máis, de 139,80 €. Se a vosa cota é inferior á ordinaria (parado/a, descontinuo/a, contratos por días ou meses...) ou non abonachedes todas as cotas, consulta na túa comarca ou entidade bancaria o importe. Non é preciso un certificado do sindicato das cantidades aboadas para presentar a declaración.

luns, 9 de abril de 2018

Persoal de Xustiza toma as rúas de Compostela para exixir da Xunta que sente a negociar e remate o conflito

A manifestación desenvolveuse no día no que se cumprían 60 xornadas de folga


Miles de traballadores/as do sector de Xustiza percorreron este sábado as rúas de Compostela para exixir da Xunta que sente a negociar, logo de 60 días de folga indefinida. No decurso da protesta exixiron a dimisión de Rueda, ao que responsabilizan de impedir o avance das negociacións e de dar falsas informacións co obxectivo de manipular á opinión pública. A manifestación produciuse coas conversas rotas, logo da Xunta abandonar a última mesa de negociación sen pechar ningún documento de acordo nos puntos de IT, substitucións, amortizacións e reforzos e sen quere entrar a valorar a última proposta económica formulada polo comité de folga.

xoves, 5 de abril de 2018

Resumo da Comisión de Persoal do 28/03/18: máis prazos para incumprir

De novo, ao igual que na Comisión de Persoal do 28 de febreiro, volveron a falar de prazos que acabarán incumprindo outra vez, como xa ficaron incumpridos os que en febreiro falaban de que en marzo...


Antes de rematar o mes, houbo unha Comisión de Persoal onde se votaron varias cuestións, parte das cales quedaron tamén adiadas para unha vindeira comisión de persoal que terá lugar esta semana. Entre as cuestións que ficaron aprobadas figuran: a RPT de Facenda, a RPT de Sanidade, oposicións de persoal subalterno para persoas con discapacidade intelectual. Entre as cuestión que fican adiadas: o Concurso de traslados da lei 17, a RPT de Infraestruturas e da AXI e  a porposta sobre o persoal da AXI. 
 
En varios,  a CIG preguntou por temas de interese sobre: procesos selectivos varios, o atraso nas convocatorias dos concursos de traslados, a escasa información que está a trascender da aplicación na Xunta do acordo de estabilidade no emprego, a contratación de persoal orientador de emprego ou a apertura de rexistros os sábados, entre outras. Na maioría de casos, o director da Función Pública dá uns prazos que auguramos, polas experiencias pasadas, que acabará incumprindo.

martes, 3 de abril de 2018

A CIG convoca mobilizacións para o 15 de abril en defensa das pensións públicas e pola recuperación dos dereitos


O domingo 15 de abril haberá manifestacións e concentracións ao longo de toda Galiza. En Compostela será ás 12.00h na praza do Toral.


A CIG vai desenvolver unha xornada nacional de mobilizacións o domingo 15 de abril, en defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos unhas pensións dignas. Nese día, a central convocará mobilizacións simultáneas nas sete cidades e en múltiples vilas do país co obxectivo de descentralizar as protestas e visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos do PP.

luns, 2 de abril de 2018

2 millóns de euros ao ano para fomentar os sistemas privados de pensións, a outra cara B da Mesa Xeral de Negociación

O último Acordo de Madrid non foi de balde. Tanto CCOO e UGT como CSIF (estes últimos polo que aquí comentamos) van cobrar por ter asinado un acordo lesivo. Alguén pode pensar que o de cobrar é un recurso retórico que empregamos, pero non... cobran en moeda de curso legal, en euros vamos, aínda que metaforicamente poderían ser as 30 moedas de prata de Xudas.

Máis chamativo resulta de CCOO e UGT, que teoricamente defenden o sistema público de pensións, non dubidan en negociar fondos de pensións privados onde as traballadoras e traballadores públicos PAGAN AOS SINDICATOS ASINANTES comisións por reterlles parte do seu salario. Isto, ademais dun roubo e dunha indecencia, chámase fomentar sistemas de pensións de carácter privado. Porén, tampouco é de estrañar pois no ámbito das pensións púbicas defenden a revalorización co IPC pero no caso das traballadoras e traballadores públicos asinan pola revalorización de acordo co PIB.

Versión consolidada das instrucións de permisos, vacacións e licenzas

Ultimamente estannos a chegar bastantes consultas con relación ao permiso por falecemento, accidente grave, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica dun familiar (artigo 108 da Lei 2/2015, do 29 de abril). A dita instrución foi modificada a posterior por mór dunha sentenza xudicial do TSXG que a declaraba ilegal.

Cómpre recordar que o dito permiso se desenvolve a través da instrución 6ª da RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública,pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas. (DOG do 4 de marzo de 2016.) Porén, estas instrucións do 2016 foron modificadas por outra RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral da Función Pública, publicada no DOG do 13 de febrerio de 2017.